Categorías: Secretaría Xeral

Con Besteiro, toda A Mariña terá conexión rápida por estrada, unha demanda histórica da provincia

O candidato socialista á Xunta subliñou en Foz que a Vía de Alta Capacidade Costa Norte será a primeira obra que fará na provincia cando chegue ao Goberno galego e que neste ano sairá a contratación o primeiro tramo da Autovía da Mariña (Foz-Barreiros)

Besteiro activará un plan de choque para rescatar a sanidade pública, en especial a Atención Primaria, que o PP deixa nun “estado crítico” na Mariña

Impulsará a reindustrialización da comarca aproveitando todo o seu potencial pesqueiro, enerxético, forestal e turístico, tras quince anos de perda de empresas  e de oportunidades pola falta de política industrial do Partido Popular, “que traizoou aos mariñanos con Alcoa e Altri”

Foz (Lugo), 8 de febreiro de 2024.- O candidato socialista á Xunta de Galicia, José Ramón Gómez Besteiro, comprometeuse este xoves en Foz a que toda A Mariña terá conexión rápida por estrada cando estea á fronte do Goberno galego. Cumprirá así unha demanda histórica da comarca e de toda a provincia de Lugo, que contribuirá “á cohesión social e territorial, e á reactivación económica e industrial da Costa lucense”.

Besteiro participou esta tarde nun mitin na Casa da Cultura focense, onde ratificou que a Vía de Alta Capacidade (VAC) Costa Norte, de Ferrol a San Cibrao, será a primeira obra que fará na provincia cando chegue á Xunta. “Acabarei cos quince anos de parón total que impuxo o PP a esta obra estratéxica para a mobilidade e o desenvolvemento da comarca”, asegurou o candidato, quen lembrou que os dous únicos tramos feitos –as variantes de Xove e Ortigueira- “deixounos licitados o Goberno de Touriño”. “A Xunta inclúe partidas nos Orzamentos que son insuficientes e que, por riba, nunca executa”, denunciou.

Xunto ao desbloqueo da VAC, José Ramón Gómez Besteiro garantiu o impulso do Goberno do Estado á Autovía da Mariña (A-74), entre San Cibrao e Barreiros. De feito, confirmou que o primeiro tramo, de Foz a Barreiros, sairá a contratación neste mesmo ano 2024. Esta infraestrutura dará continuidade ao eixo viario da Vía de Alta Capacidade Costa Norte, e cerra o triángulo formado pola Autovía do Cantábrico no tramo galego entre Ribadeo e Baamonde e a autovía AG-64 (Ferrol Vilalba).

O PP privou á Mariña de desenvolver o seu enorme potencial

O desbloqueo das infraestruturas pendentes na Mariña será unha prioridade para Besteiro como Presidente da Xunta, xunto ao rescate da sanidade pública e a reindustrialización da comarca. Tres liñas de actuación fundamentais para o progreso social e económico dos mariñanos e mariñanas que o PP, con Feijóo e Rueda, tivo “abandonados por completo” nestes quince anos de Goberno. Unha inacción que, “ademais de precarizar os servizos públicos e o benestar da xente, privou á Mariña de desenvolver o seu enorme potencial económico”.

O candidato socialista activará nada máis chegar á Xunta un plan de choque para rescatar a sanidade pública, en especial a Atención Primaria, con máis investimento e máis persoal, condicións laborais dignas, e coa garantía de obter cita en menos de 48 horas co médico de cabeceira.

Besteiro daralle solución ao “estado crítico” no que o PP deixa a sanidade pública na Mariña, con falta de médicos e pediatras nos centros de saúde de practicamente todos os concellos. Unha situación especialmente grave en municipios como Viveiro, onde as familias non teñen pediatra dende hai máis dun ano e chega a haber só dous médicos de cabeceira para 16.000 habitantes; en Lourenzá, onde tamén quedaron sen pediatra; no Vicedo, onde hai un médico e só catro horas; en Ourol, onde o médico tamén está a tempo parcial; na Pontenova, onde quedaron sen un facultativo; ou en Foz, onde a Xunta non cubre a redución de xornada do servizo de pediatría, nin as prazas de matrona, enfermería e medicina familiar.

Tamén en Foz, o socialista cumprirá con dúas necesidades que levan reclamando moito tempo os veciños. Reforzará o persoal da ambulancia medicalizada, na que o PP recortou un técnico o ano 2018, e recuperará o servizo 24 horas da ambulancia asistencial, suprimido pola Xunta con Feijóo, as dúas con base na vila focense, aínda que atenden a todos os mariñanos e mariñanas.

O PP, con Feijóo e Rueda, incumpriu as competencias que lle atribúe o Estatuto de Autonomía á Xunta en materia de industria. Unha “ausencia” que deixa un regueiro de empresas referentes pechadas na Mariña -Vestas, Albo, Ecar, Muebles Hermida, IVP, Gres Burela, Ecesa, Conservas Alonso, entre outras- e ducias de postos de traballo destruídos, ademais dunha continua perda de oportunidades inversoras para a comarca.

Rueda “falloulle á Mariña” coa súa “falta de iniciativa e de solucións” ante a situación de Alcoa, mentres que os socialistas, dende o Goberno do Estado e dende o partido en Galicia, “estivemos sempre dando a cara e loitando por que se manteña a actividade industrial e os empregos, e que a empresa cumpra co acordo que firmou cos traballadores”.

Tamén traizoou á Mariña con Altri, lembrou Besteiro, prometéndolle aos mariñanos que a fábrica textil se ía instalar na comarca para logo “deixalos tirados, sen este proxecto e sen ningún outro”.

Fronte á “ausencia” de Rueda en política industrial, José Ramón Gómez Besteiro será un Presidente da Xunta “con ambición de país, con liderado, cun proxecto claro para reindustrializar Galicia e para recuperar a fortaleza empresarial e económica da Mariña aproveitando todo o seu potencial industrial, pesqueiro, enerxético, forestal e turístico”.

Compartir
Publicado por
PSdeG-PSOE

Últimas novas

Julio Abalde esíxelle á Xunta que garanta as compensacións dos mariscadores da ría do Burgo durante o período de recuperación da produción

Sinala que  lle corresponde ao Executivo autonómico poñer a súa parte durante os 18 a 24 meses que dura o…

09/05/2024 12:53

Julio Abalde reclama un plan específico para garantir un ensino “de calidade, inclusivo e equitativo” no rural galego

Acusa á Xunta de seguir un criterio “unicamente economicista” e advirte que o ensino de calidade “é imposible sen medios…

08/05/2024 19:10

O Partido Socialista de Galicia pedirá personarse na causa de Montoro polos chivatazos xudiciais contra Besteiro e Orozco

O Ministro do PP recibía con antelación información privilexiada de actuacións xudiciais contra os socialistas O secretario de organización do…

08/05/2024 12:21

O PP négase a apoiar no Parlamento unha proposta socialista pedíndolle á Xunta unha “reacción política” para impulsar a atención ás drogodependencias e reforzar a loita contra o narcotráfico

Paloma Castro advirte que o goberno galego está a incumprir o acordo parlamentario para asumir a xestión das Unidades de…

08/05/2024 11:00

Lara Méndez reclámalle á Xunta que apoie á viticultura heroica da Ribeira Sacra con recursos específicos para garantir a supervivencia da produción

Salienta a importancia desta modalidade produtiva para o mantemento da paisaxe e da poboación rural, e que sustenta a súa…

07/05/2024 18:33

Julio Abalde acusa á Xunta de responder con “medidas parciais e cosméticas” á caída estrutural da produción marisqueira

Reclama un Plan de axudas estables que permita a pervivencia do sector, que sufriu unha redución da produción de máis…

07/05/2024 17:21