Estrutura

Congreso Nacional

O Congreso Nacional é o órgano supremo e soberano do PSdeG. Define os principios e fixa os programas do Partido, establece a liña política do mesmo e sinala a súa estratexia, adaptando as Resolucións de nivel Federal á peculiaridade da nacionalidade galega; debate e xulga a xestión da Comisión Executiva Nacional Galega, do Comité Nacional, da Comisión Nacional de Ética e da Comisión de Control Económico, e elixe a Comisión Executiva Nacional Galega, 45 membros do Comité Nacional, a Comisión Nacional de Ética, a Comisión de Control Económico e aos membros do Comité Federal que correspondan.

Está integrado polos delegados e delegadas elixidos nas Agrupacións Municipais.

O Congreso Nacional será convocado polo Comité Nacional, quen determinará as datas e lugar de reunión, polo menos con 60 días de antelación.

O número de delegados e delegadas poderá oscilar entre 500 e 1000 e será establecido polo CNG en función do censo de militantes válido para a celebración do Congreso que corresponda.

O Congreso reúnese ordinariamente entre o terceiro e o cuarto ano dende a celebración do Congreso anterior, salvo que circunstancias especiais de interese político ou orgánico aconsellen a modificación desta previsión temporal e, extraordinariamente, cando o convoque o CNG, a CENG ou a metade máis un dos militantes.

Comité Nacional Galego (CNG)

O Comité Nacional Galego é o órgano máximo de dirección política entre Congresos.

Son membros natos do CNG:

  • a Comisión Executiva Nacional Galega;
  • os/as representantes do PSdeG-PSOE no Comité Federal;
  • os/as membros da Comisión Nacional de Ética (con voz pero sen voto);
  • os/as membros da Comisión de Control Económico;
  • o/a Presidente/a da Xunta de Galicia, cando o PSdeG-PSOE asuma a responsabilidade do Goberno e sexa militante;
  • unha representación das XSG, acorde co previsto nos Estatutos do Partido;
  • o/a Presidente/a do Grupo Parlamentario Socialista de Galicia;
  • os/as deputados/as autonómicos/as socialistas;
  • os/as deputados/as senadores/as socialistas;
  • os/as parlamentarios/as europeos/as do PSdeG-PSOE;
  • os/as Presidentes/as ou portavoces socialistas nas Deputacións provinciais;
  • o/a Presidente/a da FEGAMP, sempre que sexa militante, e no seu defecto, aquel membro do PSdeG-PSOE que ostente o cargo de maior relevancia na Comisión Executiva deste organismo;
  • o/a coordinador/a de cada grupo sectorial constituído a nivel Nacional;
  • os/as representantes dos colectivos asociados ao PSdeG-PSOE, segundo o convenio asinado, sempre que nos convenios no se especifique o contrario;
  • os/as ex Secretarios/as Xerais e Presidentes/as autonómicos do PSdeG-PSOE;
  • unha representación de Izquierda Socialista en Galicia.

Son membros elixidos:

  • os/as 45 membros elixidos no Congreso Nacional;
  • os/as delegados e delegadas elixidos nas Asembleas Municipais e, no seu caso, intermunicipais, a determinar en función do número de militantes, tendo en conta o censo de militantes válido para a celebración do Congreso Nacional e o baremo fixado pola CENG.

O Comité Nacional Galego reúnese sendo convocado pola CENG, polo menos, tres veces ao ano, dúas delas en sesión ordinaria convocadas cunha distancia de, polo menos, seis meses. No derradeiro CNG de cada ano, a CENG, renderá conta da xestión realizada ao longo do mesmo.

O/A Secretario/a Xeral

O/A Secretario/a Xeral coordina a política e a estratexia do Partido. É o portavoz cualificado da CENG. Ostenta a representación do Partido e coordina os traballos da CENG. Así mesmo, autoriza coa súa sinatura todos os documentos políticos, orgánicos e administrativos do PSdeG-PSOE.

No caso de que o Secretario/a Xeral asuma funcións no Goberno da Xunta poderá delegar nun membro da CENG as seguintes funcións:

a) A coordinación efectiva do traballo interno e externo do Partido a nivel executivo, potenciando o mesmo mediante unha dedicación específica ás tarefas do Partido.

b) Ser o enlace permanente entre o Partido e os compañeiros e compañeiras que estean ao fronte das distintas administracións ou gobernos, trasladándolles a estes os criterios e consideracións do Partido.

c) Ser o portavoz cualificado da CENG e o encargado de emitir as opinións oficiais do Partido.

Comisión Executiva Nacional Galega (CENG)

A Comisión Executiva Nacional Galega realiza no ámbito de Galicia a política definida polos órganos de dirección do Partido, o Congreso Nacional e o Comité Nacional Galego, adoptando con este fin cantas decisións estime necesarias, sempre de acordo coas normas e directrices emanadas daqueles.

A CENG aplica permanentemente a política do PSdeG-PSOE.

A Comisión Executiva Nacional Galega é elixida directamente pola maioría simple dos votos representados no Congreso e xuntarase coa frecuencia que por si mesma acorde. Normalmente será convocada polo/a Secretario/a Xeral, podendo delegar na Secretaría de Organización, ou por solicitude escrita dun terzo dos seus membros.

Comisión Nacional de Ética

O Congreso Nacional elixirá unha Comisión Nacional de Ética. Dita Comisión estará integrada por cinco membros e terá un Presidente/a e un Secretario/a.

A Comisión Nacional de Ética supervisará e controlará as situacións patrimoniais dos afiliados e afiliadas socialistas e as actividades económicas de cargos públicos electos ou designados polo PSdeG-PSOE. Así mesmo, fará un seguimento do cumprimento das normas sobre incompatibilidades de cargos públicos que sexan afiliados ou afiliadas socialistas.

Os cargos públicos e militantes do PSdeG-PSOE poderán acudir á Comisión Nacional de Ética cando foran difamados ou sexan obxecto de informacións tendenciosas sobre o seu patrimonio ou actividades, ao obxecto de que sexa a Comisión a que asuma a defensa da súa integridade e honestidade.

O/A defensor/a do/a militante

O/A Defensor/a do/a Militante é o órgano do Partido que velará polos dereitos, garantías e obrigas dos/as militantes contidos nos Estatutos, Regulamentos e no Código Ético.

A Comisión Executiva elixirá unha persoa, como a súa comisionada, co cargo de Defensor/a do Militante. O/a Defensor do Militante será un/unha afiliado/a con máis de dez anos de antigüidade.

Serán competencias do/a Defensor/a do Militante:

  1. A defensa do interese dos militantes. Para iso poderá solicitar, de oficio ou a instancia de parte, as informacións que considere oportunas dos órganos competentes.
  2. A emisión de informes, ditames e recomendacións para un mellor funcionamento dos órganos do PSdeG-PSOE.
  3. A emisión dun informe anual de actividade, coas recomendacións que se consideren, derivadas das actuacións practicadas, para a súa revisión pola CENG.

A condición de Defensor/a do/a Militante é incompatible coa de membro da CENG, de calquera dos órganos do Partido e con calquera persoa vinculada laboralmente á estrutura do Partido.

Enlaces de interese

PARTICIPA