Categorías: Parlamento de GaliciaSanidade

O PSdeG reclama “unha inspección urxente” dun centro de saúde en Ourense con “pingueiras e filtracións”

Ourense, 3 de xaneiro de 2018. A voceira de Política Social do Grupo Socialista, Noela Blanco, avanzou este xoves a presentación de distintas iniciativas parlamentarias encamiñadas a reclamar “unha inspección técnica urxente” do centro de saúde do barrio ourensán do Couto ante “as reiteradas queixas” dos pacientes e profesionais.

Como explicou a deputada en rolda de prensa, este centro abriu hai pouco máis dun ano, pero xa rexistra “pingueiras e filtracións de auga” e “problemas coa calefacción”. “Os traballadores quéntanse coas estufas que traen das súas propias casas, pais e nais néganse a espir aos seus fillos e fillas para seren revisados polo frío que vai”, detallou, sen esquecerse dos “caldeiros” que recollen a auga que cae do teito.

Esta “auténtica chapuzada”, en palabras da socialista ourensana, garda relación co “electoralismo” que acompañou a apertura do centro, pois, como recordou, “ás portas das eleccións autonómicas” aínda non contaba con licenza de ocupación por culpa do “desgoberno” do PP na cidade de Ourense.

E é que, sinalou Noela Blanco, se ben o centro de saúde se construíu nuns terreos cedidos polo anterior goberno local socialista, “que deixou todo o papeleo listo e o orzamento asignado”, a escasa capacidade de xestión de Jesús Vázquez provocou un retraso na apertura das instalacións sanitarias “dun ano e medio dende a finalización das obras”.

Así as cousas, a deputada pedirá que “se corrixan as deficiencias” que se constaten na inspección e que “aquelas que sexan estruturais, sexan subsanadas pola empresa construtora”. Do mesmo xeito, requirirá “unha auditoría sobre a recepción das obras” por parte do Sergas, da que se deriven “as responsabilidades políticas pertinentes”.

POLÍTICA SOCIAL

En paralelo ao anuncio das iniciativas parlamentarias sobre o centro de saúde do Couto, a parlamentaria socialista denunciou o “retraso” na construción do comprometido centro de atención a persoas con diversidade funcional.

“Ourense é a única provincia sen un centro destas características”, lamentou, non sen recordar que o compromiso era que abrise en 2018 pero nos orzamentos da Xunta unicamente se consignan para a súa execución 600.000 euros.

Este “retraso” da obra pública coincide no tempo –apuntou Noela Blanco- co anuncio da Fundación San Rosendo de que abrirá un centro similar, “pero privado”, en Baños de Molgas.

A demanda dun centro para atender a persoas con discapacidades sumou a socialista a reivindicación da residencia de maiores para Ourense, así como o funcionamento durante as 24 horas do día do servizo de hemodinámica no CHUO e o necesario freo á perda de médicos e enfermeiros na provincia.

“ABSOLUTISMO” DO PP

Estas iniciativas, lamentou Noela Blanco, foron rexeitadas pola maioría absoluta do PP tamén á hora de emendar os orzamentos da Xunta.

Así é que, tras dar conta de que presentou case 200 iniciativas parlamentarias nos últimos tres meses (das que case a metade versan sobre a súa provincia), a socialista recomendou aos deputados populares que dean tamén a coñecer á cidadanía as súas propostas e que expliquen “por que actúan de maneira absolutista” na Cámara galega e sen ter en conta as necesidades dos veciños e veciñas de Ourense.

Finalmente, a parlamentaria do PSdeG fixo alusión ao discurso de Feijóo na súa mensaxe de fin de ano, no que puido constatar “a súa desconexión da realidade” e que “vive nunha burbulla”.

“O que necesita o presidente da Xunta, e polo tanto ímosllo a regalar por Reis, é un tour por Galicia e, neste caso, por Ourense”, ironizou Noela Blanco, para sinalar que esa visita permitiría que o mandatario autonómico vise as “pingueiras” do centro de saúde do Couto e as necesidades de atención que sofren en Ourense as persoas maiores ou con diversidade funcional.

TRAUMATÓLOGOS NO BARCO

Así mesmo, Noela Blanco esixiu explicacións á Xunta sobre as denuncias dos propios traballadores do hospital de O Barco de Valdeorras sobre que se están “falseando” partes dos médicos de garda que ten que haber no centro ante a “escandalosa falta de profesionais” que se está dando.

“Este desmantelamento do servizo non é casual, forma parte da estratexia de Feijóo de recentralizar os servizos sanitarios”, denunciou a deputada do PSdeG, quen sinalou que a nova Lei de Saúde convirte ás comarcas en “sucursais” das cidades. E, a maiores, á cidade de Ourense en “sucursal” de Vigo.

Compartir
Publicado por
PSdeG

Últimas novas

Besteiro chama á “unidade de acción” para “reactivar” ao PSdeG en torno a un proxecto autónomo

O secretario xeral do PSdeG clausura o Congreso Extraordinario no que se aprobou unha nova Executiva paritaria con Luis Ángel…

28/04/2024 14:24

O PSdeG esíxelle a Feijoo que pare coa “deriva antidemocrática” e empraza a Rueda a apartarse do “vergoñento argumentario de Génova”

A presidenta do PSdeG, Carmela Silva, dirixiuse hoxe ao PP para esixirlles que “paren esta deriva antidemocrática” de “bulos, ameazas,…

26/04/2024 14:36

Lara Méndez aplaude a reforma da PAC, que cualifica de “oportunidade” para os agricultores galegos

Sinala que a redución da carga burocrática e as esixencias aos agricultores e gandeiros de explotacións de menos de 10…

25/04/2024 13:28

O Grupo Socialista esíxelle a Feijóo e ao PP que “poñan fin” á oposición “máis sucia da democracia”

Lara Méndez lembra a estratexia de “mentira e acoso” político xudicial coas que atacaron aos socialistas galegos, dende Besteiro aos…

25/04/2024 12:57

Carmen Dacosta esíxelle á Xunta que resolva o colapso da área sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras

Carmen Dacosta alerta da situación límite dos servizos de Urxencias, Oftalmoloxía, Rehabilitación e Atención Primaria e as deficiencias materiais na…

25/04/2024 12:32

Paloma Castro reclama máis persoal e recursos para os xulgados que tratan casos de violencia de xénero

Lembra que só o 30 por cento das vítimas presentan denuncia e emprazou á Xunta a presentar un Plan para…

24/04/2024 13:08