Categorías: ActualidadeParlamento de Galicia

O Parlamento aproba a proposta socialista a favor da proibición do proxenetismo e para instar á Xunta a impulsar políticas públicas abolicionistas

Noa Díaz urxe a “dar os pasos” no ámbito das competencias autonómicas para “rematar co sistema prostitucional” coa mirada no obxectivo final da “violencia machista 0”

O Pleno do Parlamento de Galicia aprobou hoxe por unanimidade a proposición non de Lei do Grupo Socialista para apoio dos grupos parlamentarios á tramitación da reforma do Código Penal para prohibir o proxenetismo “en todas as súas formas”. A portavoz de Igualdade do Grupo Socialista, Noa Díaz, presentou esta iniciativa na que lle reclama á Xunta que impulse a abolición da prostitución “no ámbito das súas competencias”.

A responsable socialista chamou aos grupos parlamentarios a aliñarse na proposta de reforma do Código Penal impulsada no Congreso polo PSOE no obxectivo final de “chegar á violencia machista 0”, comezando por “erradicar unha das formas máis terribles de violencia sexual que sofren as mulleres, como é a prostitución”.

Advertiu neste sentido que “se somos feministas non podemos consentir a prostitución”, que ten a súa orixe na desigualdade de xénero e na situación de subordinación social e laboral das mulleres con respecto aos homes. Reclamou “castigar todo tipo de proxenetismo”, incluíndo multar aos puteiros.

Engadiu que “a falacia de que as mulleres se prostitúen porque queren é unha escusa para encubrir a violencia sexual contra as mulleres”, e advertiu que “falar dos dereitos das mulleres prostituídas é en realidade falar dos dereitos dos que fan negocio cos seus corpos, os proxenetas e os puteiros”. Puntualizou que “a prostitución non é un traballo, o traballo sexual non existe e a libre elección da prostitución é un mito”.

A responsable socialista explicou que “as mulleres prostituídas sempre son as pobres e as vulnerables do mundo”, e sinalou que “prostitución e trata con fins de explotación sexual non se poden disociar, son dúas caras dunha mesma realidade”. Explicou que as mulleres e nenas representan o 71 por cento das vítimas de trata detectadas en todo o mundo, e 8 de cada 10 vítimas de trata son prostituídas.

A proposta presentada polo Grupo Socialista insta á Xunta ademais a impulsar a abolición da prostitución no ámbito das competencias do goberno autonómico, así como impulsar “políticas públicas orientadas á loita contra a explotación sexual”. Reclamou ademais un estudo para “actualizar a información sobre a prostitución, a trata e a explotación sexual en Galicia”.

Noa Díaz pediulle ao goberno galego ademais que faga público o I Plan galego contra a trata de seres humanos con fins de explotación sexual 2022 – 2024, que aprobou o 4 de agosto e que xa lle presentou hai semanas ás entidades coas que traballou. Sinalou que “coñecemos o traballo realizado coa Rede Galega para a Trata, pero descoñecemos o resultado final”, e dixo que “van sendo horas” cando “xa vai alá o que debera ter sido o seu primeiro ano de vixencia”.

Díaz presentou unha proposta de consenso en base á iniciativa do PSdeG incorporando as aportacións dos outros grupos parlamentarios, que foi aprobada agás o punto que lle pedía á Xunta poñer a disposición recursos residenciais de media estadía, atención psicolóxica, apoio social, educativo e laboral para as mulleres en situación de prostitución, votado en contra polo PP.

Texto da iniciativa aprobada hoxe:

1. O Parlamento de Galicia acorda manifestar o seu apoio á tramitación da Proposición de lei orgánica pola que se modifica a Lei orgánica 10/1995, do 23 de novembro, do Código penal, para prohibir o proxenetismo en todas as súas formas.

2. O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a:

2.1. Realizar un estudo para actualizar a información sobre a prostitución, a trata e a explotación sexual en Galicia.

2.2. Facer público e comezar de inmediato co desenvolvemento do I Plan galego contra a trata de seres humanos con fins de explotación sexual’

2.3. Impulsar, no ámbito das súas competencias, políticas públicas orientadas á loita contra a explotación sexual e a abolición da prostitución.

3. Dirixirse ao Goberno de España para:

3. 1. Facer público o I Plan Camino aprobado o pasado 20 de setembro en Consello de Ministros.

3.2. Dar cumprimento á medida 257 do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero que establece o impulso e aprobación dunha Lei Orgánica contra a Trata de seres humanos con fins de explotación sexual.

3.3. Impulsar as modificacións legais necesarias para:

3.3.1. Introducir un enfoque de dereitos humanos que persiga o proxeneta e cliente mais que tamén garanta as condicións materiais que permitan as mulleres en contexto de prostitución deixala, incluídas as persoas migrantes en situación de irregularidade administrativa. Para tal fin, as autoridades públicas competentes deberán artellar os mecanismos necesarios para garantir a cobertura das súas necesidades persoais básicas (ingresos mínimos, vivenda, emprego, regularización administrativa, formación…)

3.3.2. Perseguir intensa e efectivamente a explotación sexual, con coordinación eficaz dos distintos organismos, corpos e entidades (Policía, Garda Civil, Xulgados, Fiscalía, Inspección de traballo, ONGs, etc), complementada coa dotación dun servizo de asesoramento e atención inmediata ás mulleres en situación de prostitución formado por traballadora social, educadora social e psicóloga.

3.3.3. Dotar orzamentariamente de maneira suficiente e plurianual para garantir o debido cumprimento e desenvolvemento da lei incluíndo fondos concretos para as administracións autonómicas en tanto que principais competentes en materia de igualdade e dereitos sociais”.

Compartir
Publicado por
PSdeG-PSOE

Últimas novas

O Grupo Socialista urxe á Xunta a comezar “xa” cos traballos de prevención de incendios que teñen que estar rematados antes de xuño

A portavoz de Política Forestal do Grupo Socialista, Carmen Rodríguez Dacosta, alertou de que a Xunta aínda non comezou cos…

04/05/2024 11:29

O PSdeG acusa a Rueda de retroceder dúas décadas en políticas de igualdade

Dirixentes e cargos públicos do PSdeG manifestaron hoxe a súa “sincera e fonda preocupación” polo que consideran unha “grave declaración…

03/05/2024 17:22

Paloma Castro critica que a política medioambiental do PP “non supera o mero postureo”

Lamenta o voto en contra do PP á proposta socialista para implantar un programa de educación ambiental nos centros educativos…

03/05/2024 13:25

O emprego de calidade, o fortalecemento dos servizos públicos e o autogoberno, as principais ligas de acción da nova Executiva do PSdeG

A nova Executiva do PSdeG reuniuse hoxe por primeira vez tras o Congreso extraordinario do pasado domingo, coincidindo co 145.º…

02/05/2024 23:05

Patricia Iglesias responsabiliza á Xunta da paralización de máis de 20 parques eólicos polo TSXG

Advirte que “tan insensato é pretender o desenvolvemento indiscriminado de toda a potencia eólica solicitada como optar pola prohibición total…

02/05/2024 19:21

Paloma Castro acusa á Xunta e PP de converterse nun “lastre” para o despegue económico e industrial da comarca de Pontevedra

Paloma Castro critica o voto en contra do PP no Parlamento á ampliación dos polígonos de Reigosa, Fragamoreira e O…

02/05/2024 19:18