Categorías: Secretaría Xeral

Gonzalo Caballero reivindica unha “Xunta do benestar que loite pola igualdade e que xere emprego” fronte a un Feijóo que “quere seguir despilotando a reactivación sen rumbo e sen chegar a acordos”

O líder socialista reclámalle a Feijóo que abandone o papel de “Llanero Solitario” e ínstao a atender as propostas progresistas do PSdeG na Comisión de Reactivación

No día do Orgullo sinala o compromiso cos dereitos e liberdades das persoas LGTBI: “cando avanzamos na defensa dos dereitos LGTBI avanzamos cara un país mellor”

Santiago de Compostela, 28 de xuño de 2021. O portavoz do Grupo Socialista, Gonzalo Caballero, defendeu hoxe as políticas públicas para a reactivación de Galicia que “van da man de ter unha Xunta do benestar, que loite pola igualdade e que xere emprego”. Caballero volveu tender a man ao presidente da Xunta para chegar a acordos na comisión de reconstrución, pero criticou que o PP non teña en consideración boa parte das achegas socialistas: “Feijóo quere seguir despilotando a reactivación sen rumbo e sen chegar a acordos”.

Así o dixo en rolda de prensa en vésperas da sesión da comisión de reconstrución na que se aprobará o ditame. “O PP rexeita as propostas da oposición e non ten visión de entender que coas mesmas políticas que fracasaron na anterior crise non se pode saír da crise actual”, sostivo Caballero.

Por iso, emprazou a Feijóo a aproveitar que “nunca no goberno da Xunta de Galicia houbo tantos cartos coma neste 2021”, pero subliñou que “cando máis fondos hai, máis vemos a incapacidade, a falla de estratexia e o desastre de xestión do goberno da Xunta”. De feito, subliñou que “a día de hoxe aínda non foi quen de destinar os 113 millóns de euros do fondo de consenso a ningunha finalidade”, logo de seis meses “sen exercer as competencias propias nin as posibilidades dos orzamentos”.

Ao fío disto, Gonzalo Caballero lamentou a actitude de Feijóo de “ser o Llanero Solitario”, rexeitando acordos coa oposición e “sen saber que facer coa crise económica, rodeado soamente do PP”. Así pois, criticou a súa incapacidade para “impulsar unha auténtica política económica para a reactivación, deixando aos sectores económicos máis afectados orfos, e aos galegos e galegas abandonados cando hai posibilidades de apoialos dende a Xunta”.

O secretario xeral do PSdeG tendeu de novo a man para acordar medidas útiles para solucionar os problemas dos galegos e das galegas “fronte á incapacidade, ineficiencia e falla de xestión da Xunta”.

PROPOSTAS

Neste punto, o líder do PSdeG detallou algunhas das máis de 300 propostas presentadas polo PSdeG á comisión de reactivación, e que están dirixidas ao fortalecemento dos servizos públicos, á recuperación económica, á xeración de emprego e a apoiar á cidadanía en situación máis vulnerable.

Ao respecto, lamentou que o PP rexeite iniciativas como a de crear 5.000 prazas estables no Sergas, a de deseñar un novo modelo de residencias de maiores con 2.000 prazas en centros públicos, ou a de destinar o 1,5 por cento do PIB galego á ciencia e ao I+D+i. Do mesmo xeito, incidiu, o PP oponse a aumentar o gasto en cultura ata o 1 por cento do orzamento ou a incrementar as transferencias aos concellos para que poidan afrontar competencias que non está exercendo unha Xunta “antimunicipalista”.

Gonzalo Caballero reivindicou tamén un esforzo en materia de igualdade, así como manter no próximo curso ao profesorado contratado de forma extraordinaria para o curso 2020-21, reforzando así a calidade da educación pública.

Ademais, requiriu un plan de emprego xuvenil con 10 millóns de euros para dar unha posibilidade laboral a 3.000 mozos e mozas ao longo deste ano, así como un programa de vivenda dotado con tres millóns de euros para corrixir os problemas de acceso a unha vivenda digna e que supoñen dificultades para a emancipación ou a natalidade.

DÍA DO ORGULLO

O secretario xeral do PSdeG comezou a súa intervención lembrando a celebración, hoxe 28 de xuño, do Día do Orgullo, e facendo un respaldo explícito aos dereitos e liberdades en igualdade para as persoas LGTBI.

“Cando avanzamos na defensa dos dereitos das persoas LGTBI, avanzamos cara un país mellor”, destacou, ao tempo que salientou o anuncio do presidente do goberno, Pedro Sánchez, de que o Consello de Ministros aprobará mañá un anteproxecto de lei para as persoas LGTBI.

Gonzalo Caballero concluíu reivindicando unha sociedade “en liberdade e igualdade, na que cada quen poida facer coa súa vida e coa súa orientación o que lle pete”, e fixo un chamamento “fronte á LGTBIfobia e á intolerancia”, cunha defensa pechada dun “país libre no que cada quen poida facer o que queira sen medo á discriminación nin ao rexeitamento”.

Compartir
Publicado por
PSdeG

Últimas novas

Besteiro chama á “unidade de acción” para “reactivar” ao PSdeG en torno a un proxecto autónomo

O secretario xeral do PSdeG clausura o Congreso Extraordinario no que se aprobou unha nova Executiva paritaria con Luis Ángel…

28/04/2024 14:24

O PSdeG esíxelle a Feijoo que pare coa “deriva antidemocrática” e empraza a Rueda a apartarse do “vergoñento argumentario de Génova”

A presidenta do PSdeG, Carmela Silva, dirixiuse hoxe ao PP para esixirlles que “paren esta deriva antidemocrática” de “bulos, ameazas,…

26/04/2024 14:36

Lara Méndez aplaude a reforma da PAC, que cualifica de “oportunidade” para os agricultores galegos

Sinala que a redución da carga burocrática e as esixencias aos agricultores e gandeiros de explotacións de menos de 10…

25/04/2024 13:28

O Grupo Socialista esíxelle a Feijóo e ao PP que “poñan fin” á oposición “máis sucia da democracia”

Lara Méndez lembra a estratexia de “mentira e acoso” político xudicial coas que atacaron aos socialistas galegos, dende Besteiro aos…

25/04/2024 12:57

Carmen Dacosta esíxelle á Xunta que resolva o colapso da área sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras

Carmen Dacosta alerta da situación límite dos servizos de Urxencias, Oftalmoloxía, Rehabilitación e Atención Primaria e as deficiencias materiais na…

25/04/2024 12:32

Paloma Castro reclama máis persoal e recursos para os xulgados que tratan casos de violencia de xénero

Lembra que só o 30 por cento das vítimas presentan denuncia e emprazou á Xunta a presentar un Plan para…

24/04/2024 13:08