Categorías: Actualidade

Gonzalo Caballero destaca que “a rebaixa das peaxes da AP-9 mudou a mobilidade galega”, mentres o PP “está en contra e non fai nada por abaratar as autoestradas propias”

Sinala que “o goberno do Estado inviste en bonificar peaxes en Galicia ata 100 veces máis que a Xunta”, polo que “Feijóo debe levantar as peaxes na Costa da Morte e Val Miñor”

Lembra que en xuño de 2018 “acordamos co ministro Ábalos priorizar as rebaixas da AP-9 para corrixir a liña de privatización e peaxes de Aznar, Rajoy e Feijóo”

O voceiro de Economía do Grupo Socialista, Gonzalo Caballero, denunciou o “cinismo” e a “falla de respecto ás galegas e aos galegos” por parte da Xunta ao amosar que “está en contra” da “rebaixa histórica” das peaxes da AP-9, ao tempo que evita reducir as peaxes nas autoestradas da súa competencia. Fíxoo hoxe, no transcurso dunha pregunta oral ao goberno galego na Comisión de Economía do Parlamento.

“A rebaixa das peaxes da AP-9 mudou a mobilidade galega”, reivindicou o voceiro socialista, quen lamentou que mentres o PP “está en contra e non fai nada por abaratar as autoestradas propias”.

“Poden marchar para casa en materia de peaxes que non se notaría nada”, espetou o deputado socialista ao Executivo autonómico, tras criticar unha Xunta “ausente” e “falla de compromiso” nesta cuestión “de forma permanente”, que ademais “tenta esconderse cando se fala dun avance tan importante para os galegos e as galegas” como as “rebaixas históricas” da AP-9.

Neste sentido, o responsable socialista criticou a política de peaxes do PP, que prexudicou a Galicia toda vez que foi o goberno de Aznar o que privatizou a concesionaria da autoestrada AP-9 e prorrogou 25 anos a concesión a Audasa. “Sen as decisións tomadas polo PP, a AP-9 voltaría en pouco tempo ao público, como ocorreu con outras autoestradas do Estado”, sentenciou.

Con todo, Gonzalo Caballero pediu ao goberno galego que, dende as súas competencias, “dedique fondos” a rebaixar as peaxes, algo que “ten cabida no marco regulatorio e competencial”. Especificamente, urxiu á Xunta a que rebaixe as peaxes das autoestradas autonómicas, unha demanda xa exposta polo PSdeG e que permitiría abaratar os custos de mobilidade na AG-57, entre o Val Miñor e Vigo, e na AG-55, que une Carballo e A Coruña.

“Unha vez que hai unha política de bonificacións tan potentes no Estado, a Xunta non se pode negar”, remarcou o socialista, quen evidenciou que fronte aos 600.000 euros ao ano que gasta o Executivo galego en bonificacións, o goberno do Estado “inviste 100 veces máis” para Galicia, polo que “Feijóo debe levantar as peaxes na Costa da Morte e Val Miñor”.

En todo caso, malia a oposición da Xunta de Feijóo a realizar a rebaixa nas autoestradas da súa competencia, Gonzalo Caballero deu por feito que “o goberno de Galicia acabará levantando as peaxes da AG-55 e da AG-57 porque esta medida non ten un custe excesivo para as arcas públicas e liberaría moita circulación noutros tramos alternativos”.

A REBAIXA NAS PEAXES DA AP-9: UNHA MEDIDA “HISTÓRICA”

De feito, Gonzalo Caballero reivindicou que “Galicia experimentou un cambio fundamental na mobilidade” durante o último ano coa rebaixa das peaxes da AP-9, xa que “despois de moitas décadas” cunha “demanda histórica” de abaratar “a vía de comunicación máis importante” de Galicia, houbo unha “rebaixa histórica” grazas a un goberno progresista.

Isto supuxo, argumentou, un cambio na mobilidade, pola “desconxestión” en tramos alternativos e polos custes da mesma para o conxunto da cidadanía, o tecido produtivo e as actividades empresariais.

Neste marco, Gonzalo Caballero lembrou que foi el mesmo quen levou adiante “as conversacións e os traballos” co Ministerio de Transportes que permitiron levar a cabo a rebaixa das peaxes da AP-9. Como recordou, “o 25 de xuño de 2018, nada máis chegar o goberno de progreso a España, unha das primeiras reunións que mantivemos foi co ministro José Luis Ábalos”, con quen acordamos priorizar as rebaixas da AP-9 para corrixir a liña de privatización e peaxes de Aznar, Rajoy e Feijóo”.

E, a pesares de incluír unha medida “transcendental” para Galicia que posibilitou un “cambio histórico” e abriu “un novo tempo na mobilidade galega”, o PP -lembrou o parlamentario socialista- votou en contra dos orzamentos, opoñéndose así á rebaixa.

DISCURSO “FALAZ E FARSANTE DO PP” RESPECTO Á REBAIXA FISCAL

Ao fío disto, o deputado do PSdeG censurou o discurso “falaz e farsante do PP” sobre a rebaixa fiscal. En concreto, criticou que avogue “constantemente” por unha rebaixa impositiva, cando, en virtude da política fiscal actual, o goberno de España ten a capacidade de dispoñer de fondos “para poder axudar á xente” e tomar medidas “transcendentais” como a rebaixa da AP-9, que “axuda a milleiros de galegos e galegas”, pero tamén para subir pensións ou establecer o Ingreso Mínimo Vital.

Compartir
Publicado por
PSdeG-PSOE

Últimas novas

José Miñones sinala que o “demoledor” informe do Consello de Contas constitúe unha “emenda á totalidade” da política sanitaria de Rueda e da Xunta de Galicia

Apunta que os relevos nas xerencias das áreas sanitarias de Santiago, Ourense e Ferrol “evidencian que a sanidade galega é…

11/05/2024 11:00

Patricia Iglesias denuncia que a Xunta deixa sen executar máis da metade dos Fondos de Recuperación

Lamenta a opacidade e nula vontade de xestión de Xunta e PP, que hoxe rexeitou unha proposta para pedirlle ao…

10/05/2024 12:38

Julio Abalde esíxelle á Xunta que garanta as compensacións dos mariscadores da ría do Burgo durante o período de recuperación da produción

Sinala que  lle corresponde ao Executivo autonómico poñer a súa parte durante os 18 a 24 meses que dura o…

09/05/2024 12:53

Julio Abalde reclama un plan específico para garantir un ensino “de calidade, inclusivo e equitativo” no rural galego

Acusa á Xunta de seguir un criterio “unicamente economicista” e advirte que o ensino de calidade “é imposible sen medios…

08/05/2024 19:10

O Partido Socialista de Galicia pedirá personarse na causa de Montoro polos chivatazos xudiciais contra Besteiro e Orozco

O Ministro do PP recibía con antelación información privilexiada de actuacións xudiciais contra os socialistas O secretario de organización do…

08/05/2024 12:21

O PP négase a apoiar no Parlamento unha proposta socialista pedíndolle á Xunta unha “reacción política” para impulsar a atención ás drogodependencias e reforzar a loita contra o narcotráfico

Paloma Castro advirte que o goberno galego está a incumprir o acordo parlamentario para asumir a xestión das Unidades de…

08/05/2024 11:00