Categorías: Actualidade

Luis Álvarez tilda os Orzamentos da Xunta de “versión moderna do pan e circo”, cunha “colección de regalías electorais”

O Grupo Socialista solicita a devolución dos Orzamentos da Xunta, que fracasan no fortalecemento dos servizos públicos e renuncian a empregar os fondos estatais para liderar o cambio produtivo e a aposta polo emprego de calidade

O portavoz do Grupo Socialista, Luis Álvarez, cualificou hoxe os Orzamentos da Xunta para 2024 de “versión moderna do pan e circo” pola “colección de regalías electorais” mentres deixan de lado o fortalecemento dos servizos públicos e o cambio do sistema produtivo que precisa Galicia. O responsable socialista presentou a emenda de totalidade coa que o PSdeG reclamou a devolución dos Orzamentos para o próximo ano.

Álvarez criticou o conxunto de “medidas sen precedentes, incoherentes coas necesidades da xente, ocorrencias de gabinete e que producen pasmo”. Criticou que se centren en presentar unha serie de “regalías electorais”, como os bonos para material deportivo, para turismo no Camiño de Santiago ou de descontos para cruceiros polo Mediterráneo, que ve “fora de lugar cando temos unha porcentaxe insoportable de poboación en risco de pobreza ou exclusión social”.

Máis alá destas ocorrencias, dixo, os Orzamentos para 2024 fracasan ao facer unha asignación de recursos ineficaz para abordar as necesidades básicas, así como os servizos públicos de sanidade, educación e servizos sociais. Engadiu que “non hai medidas que contribúan á redución das desigualdades sociais, nin medidas para reducir as fendas socioeconómicas” como consecuencia dunha “planificación deficiente e da asignación incorrecta de recursos”.

Explicou que o crecemento “histórico” destes Orzamentos deriva en boa parte do aumento do financiamento finalista do Estado, que dedica 496 millóns de euros máis a Galicia, malia que o goberno galego “intente agochalo”. Sen embargo, este incremento de recursos non está acompañado polas “medidas de protección que precisa a cidadanía no actual escenario de crecemento de prezos”, cando máis da metade dos fogares chegan con dificultade a fin de mes.

Criticou o “bandazo” do goberno galego co Imposto do Patrimonio, que cualificou de “slalon impositivo de medalla, logo do predecible batacazo dos seus colegas madrileños no Tribunal Constitucional”. Advertiu que a Xunta prefire beneficiar ás grandes fortunas no canto de subir o complemento autonómico das pensións non contributivas, recuperar o modelo de libros de texto gratuítos ou de financiar as primeiras matrículas universitarias no ensino público.

Luis Álvarez reclamou un modelo orzamentario alternativo que “poña as bases para o cambio produtivo que precisa o país e que nos coloque na senda da transición ecolóxica e dixital”. Urxiu un novo proxecto de Orzamentos que “poña as bases para combater o reto demográfico, fortaleza os servizos públicos, aposte polo investimento en I+D+i, o fortalecemento dos sectores produtivos e a industria e que aposte polo emprego de calidade”.

Emenda transversal

A portavoz de Orzamentos do Grupo Socialista, Begoña Rodríguez Rumbo, intervirá pola tarde para presentar a emenda transversal coa que o PSdeG propón mobilizar 470 millóns de euros ata acadar os 13.700 millóns de gasto non financeiro e mudar as prioridades da acción do goberno, centradas no reforzo do Estado do Benestar e a reactivación económica e industrial de Galicia.

Rodríguez Rumbo presentou unha “alternativa realista” ás contas do goberno galego que aposte pola economía do coñecemento e canalice os fondos europeos para “avanzar cara unha economía con maior valor engadido, máis dixital e baseada na transición ecolóxica”. Presentou outro modelo centrado no reforzo ás clases medias e traballadoras, a industria, o emprego, os servizos públicos, a vivenda, a cultura e a lingua, a mocidade, aos maiores, o deporte ou a memoria democrática.

Propuxo un modelo alternativo que poña o foco no “despregamento económico e social que Galicia necesita” e que dea as respostas necesarias aos retos inmediatos e de futuro “para acadar unha Galicia máis verde, máis dixital, máis cohesionada territorial e socialmente sen que ninguén quede atrás”. Reclamou políticas “máis ambiciosas, que avancen en xustiza social e en prosperidade económica” e que sitúen a Galicia na “vangarda económica, industrial e social”.

Dixo que os Orzamentos da Xunta “amosan o fin de ciclo do PP” de cara ás inminentes eleccións autonómicas, que permitirán “iniciar o cambio que Galicia precisa con José Ramón Gómez Besteiro como presidente da Xunta, que liderará un goberno socialista”. O futuro goberno, dixo, será “exemplo de transparencia, compromiso e lealdade institucional, recuperando o diálogo e a moderación e traballará por e para as galegas e os galegos”.

DEBATE DE TOTALIDADE DOS ORZAMENTOS XERAIS DA XUNTA DE GALICIA 2024

PARLAMENTO DE GALICIA

INTERVENCIÓN DO PORTAVOZ DO GP DOS SOCIALISTAS DE GALICIA, LUIS ÁLVAREZ

NOTA: O TEXTO É UN BORRADOR E PODE ESTAR SUXEITO A MODIFICACIÓNS CON RESPECTO DA INTERVENCIÓN FINAL

A falla de acerto á hora de planificar, deseñar e elaborar os  orzamentos públicos ten, con absoluta seguridade, consecuencias negativas para a sociedade, para a nosa Comunidade Autónoma. E iso é así porque se revelan como un instrumento ineficaz.

Lamentablemente este proxecto de orzamento é o que é: unha colección de estímulos ao votante. Xa o di refraneiro popular: o que regala ben vende si o que recibe o entende. E iso é o que queren, a súa versión moderna de pan e circo. Só así cabe entender unha colección de medidas sen precedente, incoherentes coas necesidades da xente, ocorrencias de gabinete e que producen pasmo. Falaremos delas.

Miren, este proxecto de orzamentos ten unha planificación deficiente, como explicarei máis adiante, e polo tanto asigna recursos de forma incorrecta, posto que non reflicte as prioridades e necesidades de Galicia, carece dunha planificación estratéxica acertada e, en consecuencia, presenta investimentos ineficientes.

Non se abordan con acerto as prioridades sociais e, polo tanto, non se fai unha asignación de recursos de maneira efectiva para abordar as necesidades básicas da sociedade, como os servizos públicos esenciais: a sanidade, a educación e os servizos sociais.

Ao anterior debemos engadir problemas históricos na xestión do PP na Xunta de Galicia:

  • A baixa execución orzamentaria en programas clave, xustificados sempre pola Xunta de Galicia, pero que responden a falta de capacidade institucional, burocracia excesiva e problemas de coordinación.
  • A falta de transparencia que dificulta a rendición de contas e pode levar a unha xestión ineficaz dos fondos. Son xa un clásico os informes do Consello de Contas alertando desta situación. Só un par de exemplos: o último informe do Consello de Contas evidencia que  só executaron 524 dos 1.098 millóns de euros de fondos europeos dispoñibles para esta Comunidade Autónoma ou que Galicia só executa 4,5 dos 52 millóns de euros que ten dispoñibles para financiar o acceso á vivenda.
  • Falta de avaliación de resultados, non existen (e o noso grupo parlamentario o ten pedido en múltiples ocasións) procedementos nin mecanismos para avaliar os resultados das execucións orzamentarias, nin o impacto dos orzamentos sobre os problemas sobre os que os orzamentos pretendían incidir.

Sabemos todos que a ausencia de protección social adecuada e suficiente nos orzamentos compromete de forma irreversible o benestar dos cidadáns.

Francamente, medidas como os bonos de 200 € para material deportivo, a extensión do bono de 200 € a toda España para facer o Camiño de Santiago ou asinar un convenio para ter descontos en cruceiros creo que están fóra de lugar cando temos unha porcentaxe insoportable de poboación en risco de pobreza ou exclusión social.

Hai que chamar ás cousas polo seu nome, e o que están a facer vostedes neste proxecto de orzamentos son regalías electorais.

Dicir isto non é populismo, porque podería dicir moito máis e de forma máis crúa, pero iso déixollo a vostedes que levan unhas semanas dedicados ao nada nobre arte de inflamar a sociedade.

Non hai neste proxecto medidas que contribúan á redución das desigualdades sociais; nin se intúen medidas para reducir as brechas socioeconómicas, porque aqueles colectivos máis vulnerables, como persoas de baixos ingresos ou as persoas maiores, ou mesmo as persoas con discapacidades non terán as respostas que necesitan e si se lles poderían dar.

A cuestión é como chegamos ata aquí e o reto debería ser como saímos de aquí.

Cando aínda non  nos tiñamos recuperado desa crise financieira de 2008, o 11 de marzo de 2020 a Organización Mundial da Saúde elevou a situación de emerxencia de saúde pública ocasionada pola Covid-19 a pandemia internacional e a rapidez na evolución, a escala nacional e internacional, requiriu a adopción de medidas inmediatas e eficaces para facer fronte a esta conxuntura que evitaran a propagación do virus e as súas nefastas consecuencias, provocando ao tempo da crise sanitaria unha crise económica e unha crise social sen precedentes.

Esta crise económica, abrupta e inesperada, impactou no conxunto da economía mundial, pero a diferencia da anterior, os gobernos reaccionaron adoptando políticas expansivas tanto no ámbito fiscal como no monetario, convertendo aos Estados nun instrumento fundamental para impulsar a economía, asistindo ao tecido produtivo, mantendo o emprego e actuando como soporte para as persoas máis vulnerables.

E si, resulta evidente que o papel dos Estados foi clave nos momentos máis duros da pandemia e que este papel seguiu sendo fundamental coa invasión de Ucraína por Rusia en 2022, sendo o Goberno de España un dos que despregou o maior paquete de medidas dirixidas a familias e sectores produtivos.

Neste mesmo sentido, o Anuario 2023 elaborado polo Foro Económico de Galicia e presentado en setembro deste ano, pon de manifesto que a pandemia tivo un impacto máis intenso que a Grande Recesión, pero os seus efectos foron menos duradeiros grazas ao seu carácter esóxeno e ás políticas gobernamentais eficaces. A invasión de Ucraína afectou sensiblemente aos prezos, pero non o fixo no caso do emprego e do PIB, e que entre as medidas máis valoradas polas empresas están os créditos ICO e os ERTE, considerados ferramentas imprescindibles e eficaces. En comparación, os créditos e axudas do Igape relacionados co lucro cesante e o incremento de custos tiveron un menor impacto e foron menos destacados no ámbito empresarial.

Aínda que España recuperou o nivel do PIB previo á pandemia xa no 2022, e que todos os organismos internacionais a sitúan como unha das economías que máis está crecendo este ano e que seguirá esa previsión para o 2024, é innegable que o incremento dos prezos afecta á economía en xeral, pero que no noso país está sendo máis moderada debido fundamentalmente ao paquete de medidas de máis de 15.000M € despregado polo Goberno do Estado para paliar os efectos desta nova situación socioeconómica, medidas como o incremento nun 15 % do Ingreso Mínimo Vital e as pensións non contributivas, a creación dun bono social de 200 €, unha nova rebaixa dos impostos aos combustibles, o límite nun 2 % no incremento dos alugueres, o incremento do bono eléctrico para máis familias, a rebaixa dun 0,20 céntimos/litro nos combustibles ou o bono alugueiro para xente moza, entre outras medidas.

A Xunta de Galicia presenta para 2024 uns orzamentos “históricos” que medran, polo lado dos ingresos non financeiros un 6,6 % acadando os 13.325 millóns de euros, é dicir, 826,8 millóns de euros máis, sen que neles se perciba a resposta que Galicia precisa para afrontar os retos inmediatos nin os retos de futuro para acadar unha Galicia máis verde, máis dixital, máis cohesionada territorial e socialmente, máis igualitaria e sen que ninguén quede atrás.

Uns orzamentos nos que o financiamento autonómico medra nun 8,6  % (804 millóns de euros máis) ata acadar os 10.206 millóns de euros, e nos que o financiamento finalista do Estado incrementan un 16,8 %, é dicir, 496 millóns de euros máis,

O que non explica a Xunta de Galicia, porque lle interesa ocultalo, é que ese incremento se produce porque, entre outros:

-Hai aumento nun 36 % das achegas por persoa beneficiaria do Sistema para a Autonomía e atención á Dependencia (SAAD)

-o aumento no ámbito educativo

-polo reparto dos fondos de emprego

-o pacto pola violencia de xénero

-ou o Plan estatal de vivenda que se incrementa nun 27,65 %, chegando a 167 millóns de euros para 2024.

A pesares deste incremento orzamentario, deberían ser uns orzamentos que avanzasen en xustiza social, en garantir a igualdade de oportunidades e protexer ás familias, pero volven ser uns orzamentos nos que non se establecen as medidas de protección que precisa a cidadanía no actual escenario de crecemento dos prezos, que implica unha perda de poder adquisitivo da cidadanía, que tamén se ve afectada pola suba dos tipos de interese que afectan as cotas a pagar polas hipotecas variables, nunha realidade na que  segundo o ige case o 54 % dos fogares galegos chegan con dificultades ou moita dificultade a fin de mes. Por isto, á vez que debemos atender a evolución do cadro macroeconómico e os riscos existentes para a economía galega nos trimestres vindeiros, cómpre poñer o foco de atención na situación microeconómica dos fogares e nas rendas dispoñibles e a capacidade adquisitiva das familias, abordando o risco de desigualdade e exclusión que afecta a boa parte da cidadanía galega con salarios e pensións medias moi por debaixo dos niveis medios do conxunto do Estado.

mención especial merece o bandazo do imposto do patrimonio, slalon impositivo de medalla logo do predecible batacazo dos seus colegas madrileños no tribunal constitucional. son os verdadeiros defensores ¿de quen?

  • Dos máis de 12.000, no Estado, contribuíntes con patrimonios superiores aos tres millóns de euros abonaron unha cota media de 52.000 euros?
  • Tal e como estaba previsto, a práctica totalidade dos contribuíntes desta figura fiscal residen en comunidades que renunciaron a recadar o Imposto sobre o Patrimonio
  • Este imposto vai en liña coa política fiscal do Goberno de avanzar cara a un sistema máis progresivo no que acheguen máis quen máis teñen

e vostedes nunca explicaron a que teríamos que renunciar para que os que máis poden pagasen menos, porque hai que explicar esas cousas. pero claro, non houbo que renunciar a nada porque recibimos máis do estado….. porque, renunciar a recadar 44 m€ do imposto do patrimonio require unha explicación que vostedes nunca nos deron máis alá de teorizacións sobre dobre imposición

Simultaneamente ao anterior a negativa do Goberno autonómico a subir o complemento autonómico das pensións non contributivas, a volver ao modelo de libros de texto gratuítos e a establecer as primeiras matrículas universitarias sen custes para o alumnado reflicte como estes orzamentos non abordan decisións que son asumibles polas contas públicas e que axudarían á cidadanía galega a chegar a fin de mes. porque calquera destas medidas ten un custe inferior a eses 44 m€ aos que ían a renunciar.

O mesmo acontece cara ao tecido produtivo galego, que sofre tamén o incremento de custes e a fraxilidade de certos mercados e niveis de consumo, o cal se reflicte non só nas dificultades de moitos pequenos negocios, empresas e persoas autónomas, senón tamén na situación de crise en que actualmente viven empresas que foron referencia en importantes sectores da economía galega, vexamos, por exemplo, no complexo industrial vinculado á pesca e o conxelado. Mentres nestes orzamentos se evidencia que o Goberno da Xunta de Galicia segue carecendo de política industrial e que a perda de peso e emprego que se deu neste sector durante os anos de goberno do PP na Xunta non ten resposta no enfoque e medidas orzamentarias para 2024, tamén vemos como tampouco existe o necesario  impulso para o tecido produtivo empresarial en dificultades, nin para afrontar un maior dinamismo innovador que permita acortar a fenda existente coas rexións españolas e europeas con maiores niveis de I+D+i. De feito, sabemos que a economía galega ocupa posicións atrasadas, e de tendencia á baixa, en indicadores de competitividade entre as distintas rexións europeas; á vez que somos conscientes de que o futuro gáñase pola innovación e a modernización constante do tecido produtivo ante retos como o avance da intelixencia artificial ou a relevancia dos chips en diversos procesos industriais.

Polo contrario, a Consellería de Economía, Industria e Innovación sinala como prioridade orzamentaria a creación dunha nova Oficina Económica no Igape, mais esa “xanela única” non resolverá por si mesma os principais problemas da cidadanía e das empresas galegas.

O goberno da Xunta carece dun modelo económico sólido sobre o que edificar a súa política económica e elaborar os propios orzamentos, polo que estes constitúen unha oportunidade perdida. E Galicia non debe nin pode desaproveitar os recursos manexados nestes orzamentos.

A maiores, e dada a relevancia e a transversabilidade da política económica para calquera orzamento, a falla da política económica da Xunta reflíctese en debilidades en distintos ámbitos de actuacións das políticas públicas como o sector industrial, o medio rural ou o I+D+i,.

No Anuario 2023 do Foro Económico de Galicia tamén se pon de manifesto que “Galicia ten a oportunidade de destacar no escenario europeo polo seu potencial enerxético, pola expansión da dixitalización, e pola produción agroalimentaria de calidade ao abeiro da aposta pola sustentabilidade”, pero tamén fai mención da lista de deberes pendentes: insuficiente integración da universidade coas administracións públicas, a sociedade e a empresa; insuficiente apoio ás persoas emprendedoras; exceso de burocracia administrativa; insuficiente impulso para promover o crecemento do tamaño medio das nosas Pemes; escasa planificación do sector turístico e a necesidade de finalizar as conexións ferroviarias e a coordinación dos nosos aeroportos e portos.

Sabemos todos que os orzamentos son o elemento crucial no que se orientan todas as actuacións dun goberno, e a ausencia de actuacións ben orientadas nos últimos anos levounos a ter unha comunidade autónoma menos dinámica economicamente e máis empobrecida, e estes orzamentos non van contribuír a garantir un sistema de benestar e protección social, fortalecer á clase media e traballadora, actuar como locomotora da economía e manter o compromiso de responsabilidade fiscal.

Tras 14 anos de goberno do PP na comunidade galega, os servizos públicos sufriron unha evidente precarización:

En políticas socias, cun déficit de máis de 14.000 prazas públicas en residencias, considerando que a rateo recomendada é do 5 % con respecto á poboación maior de 65 anos; a supresión da Tarxeta Básica, unha axuda para produtos básicos de supermercado, hixiene ou farmacia para 75.000 galegos e galegas, que supuña 31 millóns de euros ao ano, apenas o 0,02 por cento do Orzamento da Xunta para axudar ás persoas en situación de vulnerabilidade ou o Servizo de Axuda no Fogar (SAF), que pese ao incremento que experimentou logo do acordo impulsado polo PSdeG na comisión de reconstrución, tampouco ten prevista unha aportación suficiente que faga que os concellos nos vexan comprometidos os seus orzamentos.

E tendo en conta o contexto de inflación que afecta máis ás familias en risco de pobreza, é urxente modificar a Lei de inclusión para permitir a complementariedade da RISGA co IMV, así como elaborar un plan contra a pobreza infantil que blinde aos menores e inclúa un paquete de medidas cun orzamento específico para familias monoparentais.

O mesmo acontece na Educación, un programa que sube menos da metade que o conxunto do orzamento, un 3,71 % fronte ao 8 %, cunhas contas que non van reverter os recortes en profesorado e a conseguinte quebra da igualdade de oportunidades existente entre o rural e o urbano, que perpetúa un sistema de axudas para libros de texto de “gratuidade solidaria”, menos eficiente que a gratuidade universal, máis caro e con menos cobertura; cun transporte escolar que cada día é máis ineficiente con retrasos inxustificables para o seu cometido principal ou con diferencias importantes nos servizos de comedor escolar.

En Sanidade, son uns orzamentos ineficientes para afrontar os problemas reais do sistema sanitario público de Galicia, por non ter capacidade de realizar as transformacións que os profesionais reclaman dende dentro do sistema. Os orzamentos non van paliar as listas de espera no sistema sanitario, en especial a existencia de esperas en Atención Primaria que antes non había, nin a saturación que sofren os profesionais por seguir inmersos nun modelo que non é tan eficaz como noutros tempos.

Os orzamentos en sanidade crecen menos que o conxunto do orzamento global por segundo ano consecutivo, o que evidencia que perde peso dentro das prioridades do goberno. E, particularmente, crece menos en atención primaria que no conxunto do orzamento sanitario, o que amosa que especialmente este ámbito tamén ten menor importancia para este goberno cando é o que máis problemas está a evidenciar e Galicia segue a ser a segunda Comunidade Autónoma de España que menor porcentaxe do seu gasto sanitario destina a Atención Primaria. Toda unha declaración de intencións e de prioridades.

En materia de vivenda, o fracaso constatado das políticas da Xunta de Galicia no que xa se considera o quinto piar do Estado do benestar fan imposible facer realidade un dereito constitucional, tendo 18.000 persoas inscritas no rexistro público da Xunta de Galicia de demandantes de vivenda de promoción pública.

A ridícula execución orzamentaria das partidas destinadas a vivenda, a falla de fomento de políticas para a rehabilitación e habitabilidade de vivendas para seren saudables e para se adaptaren aos novos cambios demográficos,  acordes coa transición ecolóxica e dixital, así como a inexistencia dun plan para erradicar  a infravivenda e o chabolismo, son a evidencia da inexistencia de compromiso do Goberno galego con este dereito, tendo incrementos orzamentarios nos últimos anos debido aos fondos finalistas que veñen do Goberno do Estado, que para 2024 supón un incremento do 27,92 %.

En Política Industrial, é inaprazable que a Xunta de Galicia asuma as súas competencias en materia de industria e active políticas activas e plans de apoio a emprendedores e ao tecido produtivo, que aproveite a oportunidade única que nos brindan os fondos europeos para colocarnos na vangarda da transición ecolóxica e no desenvolvemento de enerxías renovables e hidróxeno verde, aproveitando as nosas potencialidades no medio e no coñecemento.

O índice de produción industrial en Galicia (datos IGE agosto) experimentou unha caída do -5,8 % interanual, mentres que para o conxunto do Estado a baixada foi dun -3,65 %, nun contexto no que a pasividade e a inacción da Xunta fai que Galicia estea cada vez máis lonxe de acadar o obxectivo marcado por Bruxelas de que o sector industrial xere o 20 por cento do PIB.

En canto á Política Agraria, acontece o mesmo abandono por parte do Goberno galego, cun escenario volátil, no que os agricultores e gandeiros están vendo como os custes de produción se disparan, cunha situación dos mercados das materias agravadas polas consecuencias que está provocar a guerra en Ucraína, a seca nas principais zonas de abastecemento de cereais, unido á alza dos prezos do combustibles, fertilizantes e pensos. No ámbito agrario, vemos como por primeira vez dende a pandemia e a crise de prezos o Goberno galego implementa fondos para o sector da carne, en concreto para os produtores de tenreira galega suprema, pero estes deberían de ser tamén para o resto de produtores de carne de tenreira e outros sectores cárnicos. Ademais cómpre que o Goberno galego actúe axudando aos produtores de castaña que este ano están a sufrir os efectos da seca e teñen fortes perdas na produción.

O Goberno do Estado implementou unha liña de axudas aos sectores agrarios pola seca de máis de 10 millóns de euros, que debería de ser complementado con fondos da Administración autonómica.

Como consecuencia é necesario desenvolver plans de continxencia para manter as explotacións, así como plans de emerxencia que garantan a produción de alimentos e eviten o peche de explotacións.

En canto á Política pesqueira, volvemos ver como estes orzamentos da Consellería do Mar repiten as mesmas políticas para os mesmos problemas, o cal é a mellor receita para o fracaso. Ademais se analizamos as execucións orzamentarias dos últimos ano, con datos catastróficos, deixando tantos e tantos millóns sen executar ano tras ano, danos a entender que, nin sequera,  as previsións contidas nestes orzamentos se van a executar. Como mostra, de novo, no ano 2022 só se executaron o 36,8 % dos fondos que conforman os programas dedicados ao mar, amosando un claro problema estrutural deste departamento da Xunta de Galicia.

O sector pesqueiro, marisqueo e acuícola segue tendo que facer fronte a numerosos retos: ataques inxustificados da CE,  a falla de remuda xeracional, facer fronte aos incrementos de prezos de combustibles e materias, seguir avanzando na comercialización e na transformación, así como afrontar a descarbonización e mellora da eficiencia enerxética.

O marisqueo atravesa unha fase crítica, constatado polo descenso demoledor na produción marisqueira da ría de Arousa, a mellor do mundo neste aspecto e, durante este ano 2023 varios colectivos dependentes da actividade marisqueira alertaron dunha baixada xeral en todas as especies, podendo chegar ata o 70 % nalgunhas delas, coma a ameixa ou o berberecho, situacións que teñen levado a decretar paros no libre marisqueo, cuns retrasos moi considerables no pago das axudas que acompañaron a eses paros por parte da Consellería do Mar e os bateeiros tamén teñen que seguir afrontando a  problemática campaña do mexillón.

No que atinxe ao Medio ambiente hai unha caída orzamentaria que chama enormemente a atención, tendo en conta que xa partíamos dun nivel moi baixo. O capítulo de actuacións medioambientais cae un 13 % menos con respecto ao ano pasado, o que supón que 14 anos despois estamos moi lonxe dos 295 millóns de euros en materia medioambiental do último orzamento de Emilio Pérez Touriño que hoxe serían 383 millóns actualizados polo IPC, o que implica que 14 anos despois estamos aproximadamente na metade de fondos que se dedicaban naquel momento, unha cifra que amosa o absoluto desleixo en materia medioambiental da Xunta de Galicia.

Requírese unha Política Fiscal máis progresista, que faga unha redistribución real da riqueza, obrigando aos que máis teñen a que colaboren un pouco máis para axudar ás clases medias e traballadoras e, sobre todo aos fogares máis vulnerables, para saír todos e todas xuntos sen deixar a ninguén atrás, para o que hai que facer unha reformulación dos beneficios fiscais aplicados durante os últimos anos que permitiron regalos fiscais aos 8.500 ricos e ricas do noso país, mentres tiñamos 636.000 persoas en risco de pobreza ou exclusión social.

Dado o contexto actual, de reivindicación da igualdade en todos os ámbitos, preocupa tamén que o Goberno galego non acompañe a loita feminista, algo que queda perfectamente reflectido nos orzamentos, que incrementan e diminúen partidas en función da previsión de fondos chegados do Estado ou de Europa. Deste xeito, non se consolidan fondos para accións imprescindibles como a conciliación e a corresponsabilidade ou a loita contra a violencia machista.

É tamén moi cuestionable o esforzo en materia cultural, en consonancia coa liña conservadora do Goberno galego de fuxir da reivindicación do noso e non comprender o enorme valor, tamén económico, que a nosa cultura e a nosa lingua teñen, como xa está demostrando boa parte da industria cultural galega. Idéntica situación se produce coa lingua, nun tempo no que as máximas entidades culturais expertas na materia alertan do precario momento no que se atopa o noso idioma, que está a perder neofalantes de maneira preocupante.

Polo que os socialistas pedimos a devolución destes orzamentos porque nada fai prever que con estes orzamentos expansivos se poñan as bases para o cambio produtivo que precisa o noso país, que nos coloque na senda da transición ecolóxica e dixital, que poña as bases para combater o reto demográfico, que fortaleza os servizos públicos, aposte polo investimento en I+D+i, o fortalecemento dos sectores produtivos e a Industria e a aposta polo emprego de calidade que reverta a precariedade dos nosos profesionais e que permita recuperar todo o talento exportado durante tantos anos.

Compartir
Publicado por
PSdeG-PSOE

Últimas novas

José Miñones sinala que o “demoledor” informe do Consello de Contas constitúe unha “emenda á totalidade” da política sanitaria de Rueda e da Xunta de Galicia

Apunta que os relevos nas xerencias das áreas sanitarias de Santiago, Ourense e Ferrol “evidencian que a sanidade galega é…

11/05/2024 11:00

Patricia Iglesias denuncia que a Xunta deixa sen executar máis da metade dos Fondos de Recuperación

Lamenta a opacidade e nula vontade de xestión de Xunta e PP, que hoxe rexeitou unha proposta para pedirlle ao…

10/05/2024 12:38

Julio Abalde esíxelle á Xunta que garanta as compensacións dos mariscadores da ría do Burgo durante o período de recuperación da produción

Sinala que  lle corresponde ao Executivo autonómico poñer a súa parte durante os 18 a 24 meses que dura o…

09/05/2024 12:53

Julio Abalde reclama un plan específico para garantir un ensino “de calidade, inclusivo e equitativo” no rural galego

Acusa á Xunta de seguir un criterio “unicamente economicista” e advirte que o ensino de calidade “é imposible sen medios…

08/05/2024 19:10

O Partido Socialista de Galicia pedirá personarse na causa de Montoro polos chivatazos xudiciais contra Besteiro e Orozco

O Ministro do PP recibía con antelación información privilexiada de actuacións xudiciais contra os socialistas O secretario de organización do…

08/05/2024 12:21

O PP négase a apoiar no Parlamento unha proposta socialista pedíndolle á Xunta unha “reacción política” para impulsar a atención ás drogodependencias e reforzar a loita contra o narcotráfico

Paloma Castro advirte que o goberno galego está a incumprir o acordo parlamentario para asumir a xestión das Unidades de…

08/05/2024 11:00