Categorías: Secretaría Xeral

Gonzalo Caballero reivindica “o galeguismo verde” para “renaturalizar Galicia”: “Temos que protexer os espazos naturais nun modelo sostible e incorporar a ecoloxía urbana”

O líder do PSdeG avoga por “un gran pacto galego verde”: defensa da biodiversidade, un modelo sostible que incorpore a natureza ás cidades, transición ecolóxica xusta, rexeneración de rías e ríos, conservación de Rede Natura, bosques autóctonos, parques naturais e paisaxe…

O secretario xeral rexeita “o ecopostureo”: reclama que Galicia se sume á declaración de emerxencia climática e propón unha lei galega de cambio climático como xa teñen outras comunidades

Santiago de Compostela, 29 de maio de 2021. O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, presentou hoxe a campaña ‘Galicia, futuro verde’ na que desgranou “os 12 aspectos fundamentais” para construír “un país sostible” que contribúa á loita contra o cambio climático.

En compañía do presidente do PSdeG, o senador Xoaquín Fernández Leiceaga; os vicesecretarios xerais Pablo Arangüena e Icía García, e as parlamentarias Ana Prieto e Noa Díaz, Gonzalo Caballero reivindicou “o galeguismo verde” dos e das socialistas de Galicia.

“Estamos firmemente comprometidos con que o uso dos recursos hoxe non pode condicionar os dereitos dos galegos e das galegas do futuro”, resaltou o líder do PSdeG, quen fixo fincapé na idea de “renaturalizar Galicia”.

Trátase, como explicou o dirixente socialista, de “protexer os espazos naturais” e, ao tempo, de “apostar pola ecoloxía urbana, incorporando a natureza e a sostenibilidade ás cidades onde vivimos a maioría dos galegos e das galegas”.

Así pois, Gonzalo Caballero avogou por “un gran pacto galego verde” con todos os axentes económicos e sociais, as forzas políticas e as administracións públicas para que “a Galicia do futuro teña un claro compromiso co medio e coa sostibilidade”.

Sen caer no “ecopostureo”, subliñou o responsable do PSdeG, cómpre “protexer a biodiversidade e traballar por cidades con máis espazos naturais e, por tanto, con máis calidade de vida”. E non se esqueceu da importancia de construír unha “transición ecolóxica xusta”, que combine “a aposta polo emprego e o desenvolvemento económico” coa desaparición das industrias máis contaminantes, permitindo así “unha redución de emisións” que leve a Galicia a avanzar cara a “neutralidade climática” tendo en conta o horizonte máximo establecido para o ano 2050.

Ao fío desta “defensa férrea da Galicia verde que queremos para o futuro”, Gonzalo Caballero reclamou que Galicia se sume á declaración de emerxencia climática que xa teñen asinado practicamente todas as comunidades, tal e como se aprobou xa en 2019 no Parlamento galego. Ademais, apostou por desenvolver unha lei galega de cambio climático, cando xa o goberno de España aprobou a súa normativa e cando agora saen adiante tamén noutras autonomías.

“GALEGUISMO VERDE”

Xunto coa aposta por “renaturalizar as cidades”, por “unha transición ecolóxica xusta” e por propoñer unha lei galega fronte ao cambio climático, Gonzalo Caballero debullou “o plantexamento da Galicia que queremos” e que ten que ter entre as súas referencias “o galeguismo verde”.

Así, sinalou que a ampliación da Rede Natura non pode seguir “aparcada”, como a deixou o goberno de Feijóo dende 2011. “Galicia ten un 12% de superficie protexida cando a media estatal supera o 28%”, exemplificou, ao tempo que sinalou que o único estudio feito en España sobre esta cuestión -pola organización WWF- di textualmente que a Rede Natura de Galicia ten “o peor plan director de toda España”.

A protección do bosque autóctono ten que ser outra das prioridades de Galicia, freando os monocultivos para garantir a biodiversidade. Nesa liña, o máximo referente do PSdeG subliñou que en Galicia hai 201 especies de flora e fauna ameazadas, e que 72 delas están en perigo de extinción. A este respecto, denunciou que  a Xunta só deseñou un plan de recuperación para tres especies, a pesares de que a lei obriga a que conten con el todas as que estean en risco de extinción.

Algo similar ocorre, indicou, cos seis parques naturais da nosa comunidade, posto que dous deles aínda carecen de plans de xestión. Caso destacado é o das Fragas do Eume, que acumula “un retraso de 23 anos” neste eido, polo que o líder socialista reclamou “conservación real” deste tipo de espazos.

Así mesmo, recordou que a lei da paisaxe aprobada polo goberno encabezado por Emilio Pérez Touriño non foi desenvolvida polo goberno de Feijóo ata o ano 2020. “A paisaxe é parte da nosa riqueza natural e temos que protexela”, engadiu o secretario xeral do PSdeG.

Gonzalo Caballero tamén puxo o foco na necesaria “rexeneración integral das rías e dos ríos”, que sofren actualmente “problemas de contaminación importantes”. “Queda moito por facer”, remarcou, consciente de que “hai 20 anos da aprobación da directiva marco da auga”.

Ademais, explicitou a súa aposta polas enerxías renovables dentro dun modelo “que respecte o territorio e a paisaxe” e que teña rendementos tamén para os concellos nos que se instalan “e non só para as empresas”. “O PP está sen rumbo neste eido”, evidenciou, partidario do “equilibrio” entre a conservación dos espazos naturais e a xeración de enerxías limpas.

Outro dos aspectos que abordou Gonzalo Caballero é a economía circular e a xestión dos residuos. Rexeitou un modelo dominado pola incineración e avogou pola reciclaxe nun momento no que Galicia “non chega ao 20%” dos residuos reciclados a pesares de que o obxectivo europeo para este ano sitúase no 50%.

Para todo isto, como recalcou o dirixente socialista, cómpre que a Xunta deixe o “ecopostureo” e, no canto de dicir que “defende a natureza”, dispoña fondos. Nun ano de orzamentos expansivos froito das aportacións extraordinarias do goberno de España, sinalou, as políticas medioambientais da Xunta contan cun orzamento de 199 millóns de euros; unha cifra que contrasta cos 295 de 2009, o último ano do goberno progresista.

Compartir
Publicado por
PSdeG

Últimas novas

Carmen Dacosta lamenta que o PP se opoña a cubrir as catro prazas de pediatra do Centro de Saúde de A Ponte -Ourense-

Alerta de que o goberno galego deixa sen cubrir dúas das catro prazas, provocando esperas de quince días ou nenos…

02/05/2024 14:04

Paloma Castro considera “incomprensible” a negativa do PP a resolver os problemas viarios provocados pola ampliación da vía de acceso ao Montecelo

Esíxelle á Xunta e Concello que “deixen de tirarse a pelota uns aos outros e resolvan un problema serio para…

02/05/2024 14:02

Besteiro reivindica no Primeiro de Maio logros socialistas como a suba do salario mínimo e das pensiones

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, reivindicou hoxe en Lugo “os logros que teñen conseguido os socialistas,…

01/05/2024 21:13

Besteiro impulsa unha liña de acción política do PSdeG dende o Parlamento para a rexeneración democrática en Galicia

O portavoz do Grupo Socialista empraza a Rueda a clarificar na próxima sesión de control “se segue a doutrina Ayuso…

30/04/2024 13:06

Besteiro esíxelle á dereita responsabilidade e compromiso coa rexeneración democrática

O secretario xeral dos socialistas de Galicia, José Ramón Gómez Besteiro, esixiulle hoxe á dereita “que se comprometa de xeito…

29/04/2024 10:48

Besteiro chama á “unidade de acción” para “reactivar” ao PSdeG en torno a un proxecto autónomo

O secretario xeral do PSdeG clausura o Congreso Extraordinario no que se aprobou unha nova Executiva paritaria con Luis Ángel…

28/04/2024 14:24