Categorías: Secretaría Xeral

Gonzalo Caballero: “Queremos saír desta crise cun gran acordo político, social e territorial, coa forza de todos os galegos”

O candidato socialista recrimina a Feijóo a “utilización perversa” do erario público para manter a candidatos do PP como se a Xunta fose “o seu chiringuito”

O candidato socialista á Presidencia da Xunta, Gonzalo Caballero, mantivo hoxe unha xuntanza co presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, para poñer en valor o traballo “a carón da cidadanía” por parte das administracións locais e do goberno de España fronte á “ausencia” da Xunta.

De feito, Gonzalo Caballero enumerou medidas como o pago dos ERTE, as axudas a autónomos, o ingreso mínimo vital ou a prohibición de realizar desafiuzamentos e cortes de subministracións básicas postas en marcha polo goberno presidido por Pedro Sánchez e a isto sumou as decisións dos concellos e as deputacións progresistas para favorecer a reactivación económica e axudar aos veciños en momentos de dificultade.

“Os galegos constatamos que, ante a ausencia de medidas da Xunta, a garantía foron os gobernos locais e provinciais e o goberno de España”, remarcou o líder dos socialistas galegos, quen plasmou “un proxecto de futuro para Galicia” que inclúe unha nova política económica e industrial, unha aposta “decidida” polos servizos públicos e un compromiso coa vertebración do territorio.

Ademais, coa vista posta na reconstrución de Galicia tralo paso da pandemia, Gonzalo Caballero volveu apelar a “un gran acordo social, político e territorial” que involucre aos partidos, ás distintas administracións e aos axentes sociais. “Queremos saír desta crise coa forza de todos os galegos e de todas as galegas”, defendeu, co convencemento de que “ninguén pode quedar atrás”.

Precisamente por iso, o máximo responsable do PSdeG incidiu en que “as políticas progresistas son máis necesarias que nunca”. “Desta crise hai que saír cun compromiso claro co estado do benestar, a xeración de emprego e o apoio aos concellos”, receitou, antes de sinalar que cómpre un fondo extraordinario para os concellos dotado con 300 millóns de euros que compense os seus gastos durante a crise da covid.

“XOGÁMONOS MOITO”

Ao fío da ausencia de medidas por parte da Xunta para apoiar, por exemplo, aos autónomos -e que si se puxeron en marcha comunidades como Valencia ou Asturias-, Gonzalo Caballero criticou a decisión de Feijóo de nomear delegados territoriais da Xunta a varios candidatos do PP, que agora volven cesar para concorrer ás eleccións.

“É unha utilización perversa do erario público”, manifestou, antes de recriminar a Feijóo que poña “os intereses do PP por riba dos intereses públicos” utilizando a Xunta como se forse “o seu chiringuito”.

Neste contexto, o dirixente socialista fixo un chamamento á maioría de progreso que existe en Galicia e que se ten amosado en todas as convocatorias electorais do ano pasado para que “ninguén quede na casa” o 12X. “Non podemos permanecer impasibles ante o retroceso que vive Galicia, xogámonos moito”, recalcou.

“O 12 de xullo temos que pasar páxina aos recortes nos servizos públicos e á inacción e abrir unha década de prosperidade”, reivindicou Gonzalo Caballero, porque o PSdeG representa “o cambio con garantías, o cambio no que os galegos poden confiar”.

APOSTA POLA ECONOMÍA E OS SERVIZOS PÚBLICOS

Pola súa banda, o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, puxo o foco na importancia do cambio de goberno na Xunta para traballar na reactivación económica e apostar polos servizos públicos. De aí que augurou que Gonzalo Caballero converterase no vindeiro presidente da Xunta.

E, tras lamentar que Feijóo non atendera a súa petición de coordinar as medidas sociais e económicas durante a crise, Valentín González Formoso detallou que a Deputación da Coruña destinou máis de 100 millóns de euros a un plan de emprego para persoas con dificultades de inserción laboral e para reactivar a economía.

En paralelo, como apuntou o tamén alcalde das Pontes, indicou que os concellos recibiron axudas por valor de máis de seis millóns de euros para tomar medidas no eido social, ao tempo que se inxectaron máis de 70 millóns de euros para, coa obra pública, dinamizar o tecido económico.

“O país necesita estas medidas”, recalcou o presidente da Deputación coruñesa, antes de amosar a súa coincidencia “ao 100%” co proxecto de goberno que ten o PSdeG para Galicia e que encabeza Gonzalo Caballero.

Compartir
Publicado por
PSdeG

Últimas novas

O PSdeG esíxelle a Feijoo que pare coa “deriva antidemocrática” e empraza a Rueda a apartarse do “vergoñento argumentario de Génova”

A presidenta do PSdeG, Carmela Silva, dirixiuse hoxe ao PP para esixirlles que “paren esta deriva antidemocrática” de “bulos, ameazas,…

26/04/2024 14:36

Lara Méndez aplaude a reforma da PAC, que cualifica de “oportunidade” para os agricultores galegos

Sinala que a redución da carga burocrática e as esixencias aos agricultores e gandeiros de explotacións de menos de 10…

25/04/2024 13:28

O Grupo Socialista esíxelle a Feijóo e ao PP que “poñan fin” á oposición “máis sucia da democracia”

Lara Méndez lembra a estratexia de “mentira e acoso” político xudicial coas que atacaron aos socialistas galegos, dende Besteiro aos…

25/04/2024 12:57

Carmen Dacosta esíxelle á Xunta que resolva o colapso da área sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras

Carmen Dacosta alerta da situación límite dos servizos de Urxencias, Oftalmoloxía, Rehabilitación e Atención Primaria e as deficiencias materiais na…

25/04/2024 12:32

Paloma Castro reclama máis persoal e recursos para os xulgados que tratan casos de violencia de xénero

Lembra que só o 30 por cento das vítimas presentan denuncia e emprazou á Xunta a presentar un Plan para…

24/04/2024 13:08

Paloma Castro pídelle á Xunta que habilite a cobertura do espazo deportivo do CEIP Ponte Sampaio, en Pontevedra

Paloma Castro sinala que os escolares “merecen un entorno axeitado” e un espazo cuberto no que practicar deporte e que…

24/04/2024 12:41