Categorías: Secretaría Xeral

Gonzalo Caballero indica a Feijóo que respalde a petición de estado de alarma que xa fixeron nove autonomías para dotar de seguridade xurídica ás medidas fronte á covid

O PSdeG pedirá que comparezan na comisión de reconstrución a responsable de Domus VI, traballadoras e usuarios das residencias, economistas como Laxe e os presidentes da FEMP e a Fegamp, entre outros

O secretario xeral traslada “todo o apoio do PSdeG” aos traballadores de Alcoa na batalla contra unha multinacional que está amosando “un comportamento indesexable e desleal” para tentar restrinxir a competencia

Santiago, 24 de outubro de 2020. O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, requiriu hoxe a Feijóo “responsabilidade” e “sensatez” para sumarse á petición doutras nove comunidades autónomas de que se declare o estado de alarma, toda vez que se trata do mecanismo que aporta “máis fortaleza e máis seguridade xurídica” ás medidas e restricións necesarias na loita contra a propagación do coronavirus.

“Que Feijóo non obstaculice a loita contra a pandemia”, remarcou Gonzalo Caballero nunha comparecencia ante os medios, na que fixo fincapé en que Feijóo ten que “colaborar” para frear esta segunda vaga da covid e deixar de lado “a estratexia de confrontación do PP”.

“Cada día que pasa é un día perdido”, advertiu o máximo dirixente do PSdeG, quen reclamou que Galicia se dote dun “plan de resposta fronte á covid” que inclúa o “reforzamento inmediato” do sistema sanitario público, especialmente no que atinxe á atención primaria.

Neste punto, Gonzalo Caballero deixou claro que fortalecer a sanidade pública “non é poñer consultas telefónicas”, senón contar con profesionais e recursos suficientes para deixar de aprazar operacións e consultas. “Frear o virus é a mellor forma de defender a saúde”, remarcou, consciente da importancia de dobregar de novo a curva para poder manter “a actividade social e a actividade económica”.

COMISIÓN DE RECONSTRUCIÓN

En paralelo, o secretario xeral do PSdeG puxo o foco na importancia de traballar na comisión de reconstrución constituída no Parlamento galego e lamentou a “urxencia” imposta por PP e BNG para rematar o seu traballo no primeiro mes do ano, cando aínda non estarán dispoñibles os fondos procedentes da Unión Europea.

Por iso, amosouse aberto a “ampliar” o prazo do traballo deste órgano parlamentario, máxime nun contexto no que a reconstrución vai ser a prioridade de toda a lexislatura.

De aí que garantiu que o PSdeG “traballará arreo” na comisión, á que presenta un plan de traballo que inclúe aos sindicatos e á patronal; a economistas de referencia como o catedrático Fernando González Laxe, membro do Foro Económico de Galicia; e a expertos nos eidos medioambiental, da transición dixital, do medio rural…

Do mesmo xeito, o PSdeG requirirá a presencia dos referentes do municipalismo, coa comparecencia do presidente da Fegamp, Alberto Varela, para abordar a cooperación entre concellos e Xunta; e a do presidente da FEMP e alcalde de Vigo, Abel Caballero, quen xa compareceu no Congreso dos Deputados, para abordar a reconstrución do país dende a perspectiva municipalista.

No tocante á sanidade, Gonzalo Caballero deu conta de que pedirá que comparezan os representantes de entidades como a Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria, SOS Sanidade Pública ou Enfermeiras en Loita, así como representantes sindicais da sanidade, expertos e profesionais, entre outros.

Tamén cómpre escoitar a representantes da comunidade educativa, como os reitores das universidades públicas, os representantes do profesorado e das anpas. Así mesmo, o PSdeG solicitará a participación de expertos educativos como Carmen Fernández Morante, presidenta dos decanos de Educación de España, para abordar as medidas necesarias no eido educativo.

Canto á política social, o líder do PSdeG recordou que Feijóo rexeitou a comisión específica sobre as residencias de maiores, onde faleceron centos de persoas na primeira vaga da covid, argüíndo que se trataría na de reconstrución.

Por iso, os socialistas chamarán aos representante de REDE, a asociación de familiares de usuarios de residencias de maiores; de Trega, a entidade que agrupa ás traballadoras destes centros; e á conselleira delegada de Domus VI, a maior empresa xeriátrica que opera en Galicia.

O plan de traballo proposto polo PSdeG incluirá entre os comparecentes representantes tamén dos eidos da cultura, da igualdade, da discapacidade e da loita contra a pobreza, entre outros; e demandará informes a distintos colectivos, entidades, organismos e colexios profesionais.

Finalmente, Gonzalo Caballero defendeu a habilitación dunha caixa de correo para que o Parlamento poida recibir propostas e suxestións da sociedade civil, tal e como se fixo na comisión da reconstrución do Congreso dos Deputados.

ALCOA

A maiores, Gonzalo Caballero manifestou “todo o apoio do PSdeG” aos traballadores de Alcoa na batalla contra unha multinacional que está amosando “un comportamento indesexable e desleal” no seu intento de pechar a fábrica de San Cibrao para reducir a súa competencia.

Fronte a esta “chantaxe”, apelou unha vez máis a facer “unha fronte común” entre todas as administracións e as forzas políticas coa que “presionar” á empresa para que permita a entrada do inversor interesado.

Nese senso, recordou que o goberno de España está aberto a intervir a empresa a través da SEPI e a reclamar a Alcoa a devolución das axudas públicas concedidas, e que a Xunta ten que presionar nos eidos laboral e medioambiental. “A empresa non pode seguir co plan de pechar”, remachou.

Compartir
Publicado por
PSdeG

Últimas novas

Besteiro reivindica no Primeiro de Maio logros socialistas como a suba do salario mínimo e das pensiones

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, reivindicou hoxe en Lugo “os logros que teñen conseguido os socialistas,…

01/05/2024 21:13

Besteiro impulsa unha liña de acción política do PSdeG dende o Parlamento para a rexeneración democrática en Galicia

O portavoz do Grupo Socialista empraza a Rueda a clarificar na próxima sesión de control “se segue a doutrina Ayuso…

30/04/2024 13:06

Besteiro esíxelle á dereita responsabilidade e compromiso coa rexeneración democrática

O secretario xeral dos socialistas de Galicia, José Ramón Gómez Besteiro, esixiulle hoxe á dereita “que se comprometa de xeito…

29/04/2024 10:48

Besteiro chama á “unidade de acción” para “reactivar” ao PSdeG en torno a un proxecto autónomo

O secretario xeral do PSdeG clausura o Congreso Extraordinario no que se aprobou unha nova Executiva paritaria con Luis Ángel…

28/04/2024 14:24

O PSdeG esíxelle a Feijoo que pare coa “deriva antidemocrática” e empraza a Rueda a apartarse do “vergoñento argumentario de Génova”

A presidenta do PSdeG, Carmela Silva, dirixiuse hoxe ao PP para esixirlles que “paren esta deriva antidemocrática” de “bulos, ameazas,…

26/04/2024 14:36

Lara Méndez aplaude a reforma da PAC, que cualifica de “oportunidade” para os agricultores galegos

Sinala que a redución da carga burocrática e as esixencias aos agricultores e gandeiros de explotacións de menos de 10…

25/04/2024 13:28