Categorías: Secretaría Xeral

G. Caballero presenta un plan para a reactivación con máis de 300 medidas para “dar futuro a Galicia”: “Rectificamos as debilidades da Xunta para impulsar a economía, xerar emprego e defender ás persoas”

O líder socialista propón un plan de emprego xuvenil para 3.000 mozos e mozas, un programa de reapertura de negocios pechados, o reforzo da nosa I+D+i con 2.000 novos investigadores, máis financiamento para os servizos sociais municipais e contratos para 5.000 profesionais sanitarios

O presidente do PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga, reclama á Xunta que “contribúa ao despegue económico de Galicia” para ir “cando menos, ao mesmo ritmo que España”: “máis aposta polo crecemento e menos oposición ao goberno”

O secretario xeral critica que “o mesmo Feijóo que falaba de retirar as máscaras” estea agora “chinchando, refunfuñando e protestando” para “non poñerse ao carón do goberno, que acertou ao non decretar o último estado de alarma e ao apostar pola vacinación”

Santiago, 19 de xuño de 2021. O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, compareceu hoxe ante os medios para presentar as máis de 300 medidas que compoñen o plan para a reactivación que os e as socialistas levarán ao Parlamento para “dar futuro a Galicia”.

“Rectificamos as debilidades da Xunta para impulsar a economía, xerar emprego e defender ás persoas”, sintetizou o líder socialista logo dunha xuntanza co presidente do PSdeG e coordinador da Interparlamentaria, Xoaquín Fernández Leiceaga; os deputados no  Congreso Ana Prieto e Guillermo Meijón e os parlamentarios Pablo Arangüena e Paloma Castro.

Logo de criticar o “retraso” na comisión de reactivación, cuxo final pactaron PP e BNG para principios deste ano, Gonzalo Caballero amosou ao PSdeG como “unha oposición responsable” e que está “á altura das circunstancias” para facer un bo traballo parlamentario neste eido e para impulsar a unha Xunta que “carece de impulso” para a reconstrución de Galicia trala pandemia e que “acumula demasiados suspensos”.

“O goberno galego non pode seguir sendo o retardante da saída da crise”, subliñou o máximo dirixente do PSdeG, quen formulou que o proxecto elaborado polo PSdeG ten como finalidade “rectificar as debilidades da Xunta” e “impulsar a economía, xerar emprego e defender ás persoas”.

NOVO MODELO ECONÓMICO

En detalle, Gonzalo Caballero deu conta de que o novo modelo económico que precisa Galicia ten que apostar pola I+D+i, por situar a innovación no 1,5% do PIB galego. Nese eido, ademais, o PSdeG propón a contratación de 2.000 novos investigadores.

As medidas socialistas inciden na necesidade dunha nova política industrial en Galicia que incorpore unha mesa para o desenvolvemento industrial. O reforzo da industria ten que ser outra das patas, de xeito que as comarcas con maiores crises industriais teñen que contar con plans de accións específicos e deixar atrás “a orfandade” nas que as ten sumido Feijóo.

“O compromiso verde” é unha prioridade, subliñou o dirixente socialista, a prol de actuar no que atinxe á transición ecolóxica, á aposta polas enerxías renovables e á adaptación do noso sistema produtivo.

Ademais, avogou pola rexeneración dos nosos ríos e rías e por apoiar economicamente o relevo xeracional nas explotacións agrícolas e gandeiras, en liña coas reivindicacións do sindicato Unións Agrarias.

XERACIÓN DE EMPREGO E AXUDAS DIRECTAS

Co foco posto na creación de emprego, Gonzalo Caballero criticou o “déficit” do goberno galego nesta cuestión, así como na atención á xuventude. Por iso, defendeu destinar 10 millóns de euros neste ano a un plan de emprego xuvenil que dea unha oportunidade laboral a 3.000 mozos e mozas.

Non se esqueceu tampouco da importancia de dar “axudas directas” aos negocios que están “ao límite” nos sectores máis afectados pola covid, ao tempo que poñer en marcha un plan de reapertura para aqueles pequenos empresarios e autónomos que “tiveron que pechar” por mor da pandemia.

Ao fío disto, o secretario xeral do PSdeG recordo que a Xunta aínda non entregou os 234 millóns de euros que lle transferiu hai máis dun mes o goberno de España para dar axudas directas a pemes e autónomos, polo que urxiu a súa posta en circulación para que cheguen “aos petos” da xente que os necesita.

REFORZO DOS SERVIZOS PÚBLICOS

No relativo aos servizos públicos, Gonzalo Caballero formulou a creación de 5.000 plazas no Sergas, a fin de reforzar a atención primaria, a vacinación e as urxencias, aliviar as listas de espera e avanzar cara á volta á presencialidade; e o mantemento dos contratos para o curso que vén de todos os profesores que se contrataron para o curso que agora remata.

Tamén no eido educativo, requiriu que a primeira matrícula das universidades públicas galegas sexa gratuíta e que se universalice a educación de 0 a 3 anos como vía para dar “apoio ás familias”; así como que a cultura teña consideración de ben esencial.

Do mesmo xeito, o responsable do PSdeG apuntou a necesidade de que Galicia conte cun plan propio de conciliación e corresponsabilidade que evite que siga aumentando a carga de traballo das mulleres e que free a fenda laboral entre homes e mulleres. “Queremos unha reactivación cun compoñente feminista, que potencie o papel das mulleres”, recalcou.

Un plan de loita contra a pobreza é outra das propostas do PSdeG de cara á reactivación de Galicia, entre as que figuran tamén actuacións de política social como a creación de 2.000 novas prazas en residencias públicas dentro dun novo modelo sociosanitario, así como un plan de medidas non residenciais de atención aos maiores como o fortalecemento do servizo de axuda no fogar.

APOIO AOS CONCELLOS

“A Xunta ten que asumir as súas competencias, e pasar dos nove euros cos que financia cada hora do SAF a 12 euros”, recalcou Gonzalo Caballero, consciente de que abonar este servizo está “asfixiando aos concellos galegos”.

Máxime, incidiu, cando os concellos estiveron prestando axuda ás familias e aos negocios dende o inicio da pandemia, e non poden ver “recortados” os seus fondos. “A Xunta recibiu nun primeiro momento 700 millóns de euros o ano pasado para facer fronte á covid e este ano, máis de 1.100 millóns de euros extraordinarios”, evidenciou.

Precisamente por iso, o secretario xeral do PSdeG non só formulou que a Xunta destine máis fondos aos servizos sociais que se prestan dende os concellos, senón tamén que se incremente o Fondo de Cooperación Local.

“DESPEGUE ECONÓMICO”

Pola súa banda, o presidente do PSdeG e coordinador da Interparlamentaria, Xoaquín Fernández Leiceaga, destacou a mellora dos datos en España, ata o punto de que o Banco de España xa está revisando á alza as súas previsións de crecemento.

“A situación vai mudar, e imos entrar nunha espiral de crecemento e xeración de emprego”, manifestou, e indicou que España vai ser “o país da zona euro que máis crece”, con taxas por riba do 6%.

Ao fío disto, Leiceaga resaltou o feito de que a Comisión Europea valorou con “dez sobresaíntes e un notable” o plan de recuperación presentado polo goberno de España -“a pesares da campaña insidiosa da dereita, que traballou polo suspenso” para o país- e sinalou que isto suporá a recepción de 19.000 millóns de euros neste ano.

Nese contexto, o senador socialista esixiu á Xunta que “contribúa ao despegue económico de Galicia apoiando ao tecido produtivo e apostando pola xeración de emprego”. Trátase, como dixo, de ir “cando menos, ao mesmo ritmo que España”.

De feito, Fernández Leiceaga reclamou a Feijóo que “despregue xa” un plan para a recuperación da economía galega: “máis aposta polo crecemento e menos oposición ao goberno de España”, resumiu.

RETIRADA DAS MÁSCARAS NO EXTERIOR

Por outra banda, Gonzalo Caballero fixo alusión ao anuncio do presidente do goberno de España sobre a retirada das máscaras no exterior a partir do último sábado deste mesmo mes de xuño.

Nese senso, recordou que “Feijóo errou” cando negou o inicio da vacinación a primeiros deste ano, criticando os “anuncios grandilocuentes” do goberno de España; que “Feijóo errou” unha vez máis cando rexeitou o compromiso do executivo central de que o 60% dos residentes en España estarían vacinados ao longo deste verán; e que “Feijóo errou” cando se opuxo á retirada do estado de alarma, anticipando “o caos”.

“O 2020 foi o ano da chegada da covid e o 2021 está sendo o ano da vacinación masiva”, resaltou Gonzalo Caballero, enxalzando así o “éxito” da ciencia e da investigación ao poñer en marcha a vacina fronte á covid en menos dun ano e o “éxito” tamén da campaña de inmunización posta en marcha polo goberno de España.

Precisamente por iso, e á vista da evolución da vacinación, o líder do PSdeG criticou que Feijóo prefira estar “chinchando, refunfuñando e protestando” cando se anuncia que a máscara deixará de ser obrigatoria en exteriores ao longo do verán. “O mesmo Feijóo que falaba de retirala”, enfatizou, para esixirlle que “se poña ao carón do goberno de España, que está acertando na estratexia fronte ao virus”.

“Fronte a este Feijóo que é o máis chinchón, que tenta sempre poñer paus nas rodas, e que agora ata lle parece mal que poidamos avanzar na retirada das máscaras co aval sanitario, nós felicitámonos de que a estratexia de vacinación sexa un éxito”, concluíu.

Compartir
Publicado por
PSdeG

Últimas novas

Besteiro chama á “unidade de acción” para “reactivar” ao PSdeG en torno a un proxecto autónomo

O secretario xeral do PSdeG clausura o Congreso Extraordinario no que se aprobou unha nova Executiva paritaria con Luis Ángel…

28/04/2024 14:24

O PSdeG esíxelle a Feijoo que pare coa “deriva antidemocrática” e empraza a Rueda a apartarse do “vergoñento argumentario de Génova”

A presidenta do PSdeG, Carmela Silva, dirixiuse hoxe ao PP para esixirlles que “paren esta deriva antidemocrática” de “bulos, ameazas,…

26/04/2024 14:36

Lara Méndez aplaude a reforma da PAC, que cualifica de “oportunidade” para os agricultores galegos

Sinala que a redución da carga burocrática e as esixencias aos agricultores e gandeiros de explotacións de menos de 10…

25/04/2024 13:28

O Grupo Socialista esíxelle a Feijóo e ao PP que “poñan fin” á oposición “máis sucia da democracia”

Lara Méndez lembra a estratexia de “mentira e acoso” político xudicial coas que atacaron aos socialistas galegos, dende Besteiro aos…

25/04/2024 12:57

Carmen Dacosta esíxelle á Xunta que resolva o colapso da área sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras

Carmen Dacosta alerta da situación límite dos servizos de Urxencias, Oftalmoloxía, Rehabilitación e Atención Primaria e as deficiencias materiais na…

25/04/2024 12:32

Paloma Castro reclama máis persoal e recursos para os xulgados que tratan casos de violencia de xénero

Lembra que só o 30 por cento das vítimas presentan denuncia e emprazou á Xunta a presentar un Plan para…

24/04/2024 13:08