Categorías: Actualidade

O Parlamento aproba a proposta para crear unha canle Xabarín en TVG

Noa Díaz reivindica a necesidade dunha canle con contidos infantís e xuvenís dentro da oferta da Televisión de Galicia para que a nenez e a mocidade “socialicen en galego”, xa que “é un dereito, non un capricho”

A responsable socialista lamenta que Galicia sexa a única comunidade con lingua propia que carece dunha canle continuada de programación para a nenez

O Parlamento de Galicia vén de aprobar a proposta conxunta de PSdeG e BNG para que a CRTVG impulse a canle ‘Xabarín’ de televisión infantil e xuvenil en galego. A proposición non de lei, que nace dunha iniciativa popular impulsada pola Mesa pola Normalización Lingüística, foi aprobada por unanimidade polo Pleno da Cámara.

Díaz defendeu que a nova canle sexa unha “oportunidade” de que a nosa infancia e mocidade “socialicen en galego”, o que supón “abrirlle todo un abano de posibilidades de goce e diversión na nosa lingua nun momento como o actual no que as pantallas se teñen convertido case nos novos xoguetes das e dos máis pequenos”.

“Con esta proposición que asumimos hoxe as nenas e nenos, e os non tan novos, terán a oportunidade de crecer no seu idioma”, reivindicou a responsable socialista cando, ademais, nos atopamos ás portas da conmemoración do Día das Letras Galegas.

A socialista lamentou que, na actualidade, “o número de series ou películas que poden verse no noso idioma é tan irrisorio que non dá nin para falar de porcentaxes” e, de feito, xa “quedou constancia da inexistencia do galego nas diversas plataformas audiovisuais que existen no Estado”, segundo un recente informe da Mesa pola Normalización Lingüística.

Nexte contexto, Díaz censurou que Galicia sexa a única comunidade con lingua propia que carece dunha canle continuada de programación para a nenez ao tempo que “en Cataluña dispoñen da canle Super3 e en Euskadi teñen Hiru3”. A deputada sinalou ademais que “o goberno vasco e catalán chegaron a acordos coas operadoras Movistar+ e Vodafone TV para que emitan os seus contidos, asegurando así que na ampla oferta destas plataformas audiovisuais tamén se integran os seus idiomas”.

“Galicia non pode quedar atrás”, incidiu Díaz, quen resaltou que as familias queren ter “o mesmo dereito que noutros lugares”, xa que isto “é un dereito, non un capricho” e o mero feito dunha canle con contidos infanto-xuvenís en galego sería “un paso importantísimo para manter o galego vivo e loitar contra a, cada vez maior, desafección da xente nova pola nosa lingua”.

Así, a responsable socialista destacou que “a promoción da nosa lingua en todos os ámbitos e espazos é unha obriga estatutaria do goberno galego”. De feito, subliñou que “é abundante a literatura normativa que recolle a importancia estratéxica do sector audiovisual para a normalización das linguas” e que “garante o dereito da cidadanía de recibir contidos nun contexto de pluralismo cultural e lingüístico”.

Por último, Díaz lembrou que a proposta hoxe aprobada ten o respaldo dunha iniciativa popular presentada pola Mesa pola Normalización Lingüística “que recolle o sentir de moitas persoas” cando se recolleron máis de 33.000 sinaturas en toda Galicia.

“Recuperemos ese sentir de toda unha xeración que a comezos dos anos 90 enganchou cun Xabarín e canturreaba en galego, que sentaba a mirar a Chin Chan en galego. Fagámolo como hoxe, en positivo, entendendo a normalización da nosa lingua como o natural, como a obriga que ten a política de asegurar espazos de socialización e garantir a supervivencia da nosa maior riqueza entre a xente máis nova”, concluíu.

Compartir
Publicado por
PSdeG

Últimas novas

Besteiro pide o consenso parlamentario para defender a oficialidade do galego na Unión Europea

O voceiro do Grupo Socialista sinalou, nunha comparecencia acompañado polo eurodeputado Nicolás González Casares, a necesidade dun acordo de país…

13/05/2024 16:56

Carmen Dacosta cualifica de “incoherente e lesiva” a extinción da Axencia Galega da Industria Forestal por parte da Xunta

Considera “un gran paso atrás” a supresión do organismo para traspasar as competencias á Consellería de Economía   A portavoz…

12/05/2024 11:00

José Miñones sinala que o “demoledor” informe do Consello de Contas constitúe unha “emenda á totalidade” da política sanitaria de Rueda e da Xunta de Galicia

Apunta que os relevos nas xerencias das áreas sanitarias de Santiago, Ourense e Ferrol “evidencian que a sanidade galega é…

11/05/2024 11:00

Patricia Iglesias denuncia que a Xunta deixa sen executar máis da metade dos Fondos de Recuperación

Lamenta a opacidade e nula vontade de xestión de Xunta e PP, que hoxe rexeitou unha proposta para pedirlle ao…

10/05/2024 12:38

Julio Abalde esíxelle á Xunta que garanta as compensacións dos mariscadores da ría do Burgo durante o período de recuperación da produción

Sinala que  lle corresponde ao Executivo autonómico poñer a súa parte durante os 18 a 24 meses que dura o…

09/05/2024 12:53

Julio Abalde reclama un plan específico para garantir un ensino “de calidade, inclusivo e equitativo” no rural galego

Acusa á Xunta de seguir un criterio “unicamente economicista” e advirte que o ensino de calidade “é imposible sen medios…

08/05/2024 19:10