Categorías: Actualidade

Julio Torrado urxe á Xunta a cumprir co compromiso de garantir transporte escolar gratuíto ao alumnado forzado a cambiarse ao instituto Armando Cotarelo de Vilagarcía

Chama á Consellería de Educación a comprometerse “por escrito” a gratuidade deste servizo, xa que case 300 alumnas e alumnos terán que percorrer case 2 quilómetros de distancia ao novo centro

Pide “claridade e garantías de calidade” ao respecto do traslado do ciclo superior de acondicionamento físico ao Bouza Brey

O deputado vilagarcián Julio Torrado vén de urxir á Xunta a cumprir co compromiso expresado polo conselleiro de Educación de garantir o transporte escolar gratuíto de xeito permanente ao alumnado forzado a cambiarse do instituto Fermín Bouza Brey ao Armando Cotarelo Valledor, en Vilagarcía de Arousa. Fíxoo, hoxe, logo de presentar unha batería de iniciativas neste sentido no Parlamento de Galicia.

Tras “varias ambigüidades” en sucesivas xúntanas, lembrou o vicevoceiro socialista, a Consellería de Educación vén de establecer que, “de maneira definitiva e sen consenso co claustro docente e colectivos de ANPA” do centro, centralizará os ciclos de formación profesional da contorna no instituto Bouza Brey, desprazando por tanto aos alumnos de secundaria ao centro educativo Armando Cotarelo Valledor, de Vilaxoán.

Este cambio, censurou, “ademais de contribuír á imaxe de escuridade no proceso de toma de decisións sobre as concentracións educativas”, provoca “problemas loxísticos particulares” no territorio, xa que “serán case 300 as alumnas e alumnos que terán que desprazarse a outro centro educativo, cruzando unha estrada de elevadísimo tránsito que supón un perigo constante para o caso de que a atravesen a diario un volume tan alto de mozas e mozos destas idades”.

Dentro das “limitadas” informacións que facilitou a Consellería de Educación ás nais e pais afectados pola decisión, destacou Torrado, “Educación trasladou un compromiso verbal sobre o feito de que o transporte para o alumnado que o necesite estará garantido”. Non en tanto, lamentou, “as respostas escritas da Consellería xa amosaron fraquezas sobre esta cuestión, apuntando que terán a disposición ese transporte só as alumnas e alumnos que teñan dereito”.

“Esta cuestión non é menor, pois a distancia que separa ambos centros é de case 2 quilómetros, que é xustamente a distancia mínima de referencia para garantir o dereito ao transporte gratuíto”, alertou o dirixente socialista, co que, neste marco, “semella imprescindible establecer criterios claros e cumprir os compromisos adquiridos polo máximo responsable da Consellería”.

Por todo isto, Torrado chamou á Consellería de Educación a comprometerse “por escrito” a gratuidade do servizo, en aras de evitar un “prexuízo” para as mozas e mozos obrigados a cambiar de instituto por unha decisión tomada de “xeito unilateral” polo goberno galego.

O CICLO SUPERIOR DE ACONDICIONAMENTO FÍSICO

Por último, o dirixente socialista pediu “claridade e garantías de calidade” ao respecto do traslado do ciclo superior de acondicionamento físico ao instituto Bouza Brey. “Cómpre que as decisións non se tomen de costas ao alumnado e ao profesorado”, subliñou Torrado, quen chamou á Consellería a “que se sente coa comunidade educativa para poder arranxar o problema de forma consensuada entre todas e todos os afectados”.

Compartir
Publicado por
PSdeG-PSOE

Últimas novas

Julio Abalde esíxelle á Xunta que garanta as compensacións dos mariscadores da ría do Burgo durante o período de recuperación da produción

Sinala que  lle corresponde ao Executivo autonómico poñer a súa parte durante os 18 a 24 meses que dura o…

09/05/2024 12:53

Julio Abalde reclama un plan específico para garantir un ensino “de calidade, inclusivo e equitativo” no rural galego

Acusa á Xunta de seguir un criterio “unicamente economicista” e advirte que o ensino de calidade “é imposible sen medios…

08/05/2024 19:10

O Partido Socialista de Galicia pedirá personarse na causa de Montoro polos chivatazos xudiciais contra Besteiro e Orozco

O Ministro do PP recibía con antelación información privilexiada de actuacións xudiciais contra os socialistas O secretario de organización do…

08/05/2024 12:21

O PP négase a apoiar no Parlamento unha proposta socialista pedíndolle á Xunta unha “reacción política” para impulsar a atención ás drogodependencias e reforzar a loita contra o narcotráfico

Paloma Castro advirte que o goberno galego está a incumprir o acordo parlamentario para asumir a xestión das Unidades de…

08/05/2024 11:00

Lara Méndez reclámalle á Xunta que apoie á viticultura heroica da Ribeira Sacra con recursos específicos para garantir a supervivencia da produción

Salienta a importancia desta modalidade produtiva para o mantemento da paisaxe e da poboación rural, e que sustenta a súa…

07/05/2024 18:33

Julio Abalde acusa á Xunta de responder con “medidas parciais e cosméticas” á caída estrutural da produción marisqueira

Reclama un Plan de axudas estables que permita a pervivencia do sector, que sufriu unha redución da produción de máis…

07/05/2024 17:21