Categorías: Secretaría Xeral

Gonzalo Caballero aposta por un compromiso galego contra o cambio climático: “Temos que defender o dereito ao futuro das seguintes xeracións”

O líder socialista apela á “prudencia” ante os rebrotes da covid para poder “seguir avanzando e non retroceder”: “Queremos que Galicia sexa un destino seguro”

Ribeira, 10 de xullo de 2021. O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, visitou hoxe o parque natural das Dunas de Corrubedo, dende onde lanzou unha mensaxe “ecoloxista” e de “compromiso co medio” coa vista posta na necesaria loita contra o cambio climático.

Nun contexto no que, subliñou, a Xunta merece “un suspenso” en política medioambiental, o líder do PSdeG chamou a “defender o dereito ao futuro das seguintes xeracións” e apostou por unha lei galega contra o cambio climático, como fan a maioría de comunidades, que sitúe a Galicia como unha “referencia” neste eido.

“Temos que enfrontar os retos do cambio climático e coidar o noso medio natural”, incidiu Gonzalo Caballero, antes de criticar que a Xunta estea deixando “rezagada” a Galicia no que atinxe a esta cuestión ao non comprometerse coa declaración de emerxencia climática e ao non desenvolver políticas de defensa do medio.

A xeito de mostra, o dirixente socialista detallou que só tres das 72 especies en perigo de extinción contan en Galicia co plan de recuperación que esixe a lei, mentres que ningunha das 126 especies en situación vulnerable teñen aprobada unha estratexia de conservación ou protección.

E se o coidado da biodiversidade reflicte “un suspenso” do goberno galego, algo similar ocorre coa xestión dos parques naturais. Só dous dos seis que existen en Galicia, sinalou Gonzalo Caballero, contan cun plan de usos e xestión. No caso de Corrubedo, recordou, “houbo que agardar 30 anos” para que saíra adiante: “temos que defender os espazos naturais con medidas, recursos e compensando ás comunidades afectadas”.

“O CAMBIO CLIMÁTICO ESTÁ AQUÍ”

“Necesitamos un claro compromiso coas políticas medioambientais”, remarcou o responsable do PSdeG, consciente de que “o cambio climático está aquí” e de que, se non se toman medidas, suporá que Galicia teña en poucas décadas “un clima similar ao de Murcia ou Andalucía”.

Para facerlle fronte, como recordou Gonzalo Caballero, “fan falla fondos”, pero Feijóo “recortou os orzamentos para políticas medioambientais nun 35% con respecto ás últimas contas públicas do goberno progresista en Galicia”, o liderado polo presidente Emilio Pérez Touriño.

Así pois, logo de criticar o “ecopostureo” e a “falla de sensibilidade medioambiental” de Feijóo, o máximo dirixente do socialismo galego incidiu en que “hai moito por facer” na tarefa de “protexer a nosa natureza”, que “é defender o presente e tamén defender a Galicia do futuro”.

“PRUDENCIA NO VERÁN DA REACTIVACIÓN”

En paralelo, o líder do PSdeG aproveitou a súa visita ao parque natural das dunas de Corrubedo para apelar á “prudencia” ante o aumento de contaxios. “É verdade que a maioría estamos xa vacinados, pero aínda non gañamos plenamente a batalla fronte ao virus”, advertiu.

Por iso, ante “o verán da reactivación” da economía e dos hábitos sociais, Gonzalo Caballero incidiu na importancia de “non cometer imprudencias” e de “cumprir os protocolos” para garantir que se poida “seguir avanzando e non retroceder”.

“Nós sempre asumimos as normas da Xunta, non as cuestionamos, e defendemos que a vacinación e a prudencia son as bases fundamentais para a reactivación de Galicia neste verán”, engadiu.

“Queremos que a hostalería poida ter actividade e que Galicia se consolide como un destino turístico seguro”, concluíu, consciente ademais da importancia do ano Xacobeo para a afluencia de visitantes á nosa comunidade.

Compartir
Publicado por
PSdeG

Últimas novas

O PSdeG acusa a Rueda de retroceder dúas décadas en políticas de igualdade

Dirixentes e cargos públicos do PSdeG manifestaron hoxe a súa “sincera e fonda preocupación” polo que consideran unha “grave declaración…

03/05/2024 17:22

Paloma Castro critica que a política medioambiental do PP “non supera o mero postureo”

Lamenta o voto en contra do PP á proposta socialista para implantar un programa de educación ambiental nos centros educativos…

03/05/2024 13:25

O emprego de calidade, o fortalecemento dos servizos públicos e o autogoberno, as principais ligas de acción da nova Executiva do PSdeG

A nova Executiva do PSdeG reuniuse hoxe por primeira vez tras o Congreso extraordinario do pasado domingo, coincidindo co 145.º…

02/05/2024 23:05

Patricia Iglesias responsabiliza á Xunta da paralización de máis de 20 parques eólicos polo TSXG

Advirte que “tan insensato é pretender o desenvolvemento indiscriminado de toda a potencia eólica solicitada como optar pola prohibición total…

02/05/2024 19:21

Paloma Castro acusa á Xunta e PP de converterse nun “lastre” para o despegue económico e industrial da comarca de Pontevedra

Paloma Castro critica o voto en contra do PP no Parlamento á ampliación dos polígonos de Reigosa, Fragamoreira e O…

02/05/2024 19:18

Carmen Dacosta lamenta que o PP se opoña a cubrir as catro prazas de pediatra do Centro de Saúde de A Ponte -Ourense-

Alerta de que o goberno galego deixa sen cubrir dúas das catro prazas, provocando esperas de quince días ou nenos…

02/05/2024 14:04