Categorías: Secretaría Xeral

Gonzalo Caballero anuncia que os socialistas firman a moción de censura en Ourense e chama á “corresponsabilidade” de todas as forzas: “Cada un terá que retratarse”

O secretario xeral subliña que “só hai dúas opcións” para a terceira cidade de Galicia: ou manter “o caos municipal” provocado polo PP con Jácome ou apostar por “unha nova etapa” con Rafael Rodríguez Villarino á fronte

O líder do PSdeG sinala a Feijóo que “ten que decidir” se quere “o cambio” en Ourense ou “manter a Jácome onde o puxo” a través do “pacto da indignidade” con DO

O voceiro socialista en Ourense advirte ao PP de que “non pode evadir a súa responsabilidade” e indicalle que poña “unha firma” se “de verdade lle importa a cidade”

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, visitou hoxe Ourense para anunciar que “poñemos sobre a mesa as firmas dos nove concelleiros e concelleiras socialistas para impulsar unha moción de censura que permita solucionar a situación crítica da cidade” e chamou ás demais forzas políticas a actuar con “corresponsabilidade”. “Cada un terá que retratarse do que quere para Ourense: que goberne a lista máis votada ou que siga a crise municipal”, resumiu.

No escenario “máis grave de ningunha cidade de España”, o líder socialista deixou claro que “só existen dúas opcións” para Ourense, que pasan por que Rafael Rodríguez Villarino abra “unha nova etapa” á fronte do concello ou que se manteña “o caos municipal”. “As nove firmas do PSdeG-PSOE están depositadas para unha moción de censura, e corresponde aos demais engadir o seu respaldo”, subliñou.

Así pois, Gonzalo Caballero remarcou “o compromiso” do PSdeG con “dar un cambio de progreso” a Ourense, “para traballar nestes tempos de crise polo futuro da cidade con responsabilidade”. E contrastou este comportamento coa actuación do PP, que, logo de “xerar o problema” a través do “pacto da indignidade” asinado con Jácome, agora “non quere asumilo e desculparse ante a cidadanía”.

“Nós cremos que o cambio é necesario, e que os que xeraron o problema agora teñen que permitir solucionalo”, incidiu o xefe de filas do PSdeG, quen recordou como Feijóo “botou balóns fóra” cando el mesmo o levou á Cámara galega a dar contas sobre este asunto. Por iso, fixo un chamamento a Feijóo “para que decida que quere facer coa terceira cidade de Galicia: se quere un cambio ou quere manter a Jácome onde o puxo” a cambio de que Baltar seguise á fronte da Deputación.

“DAR UN PASO ADIANTE”

“É o único alcalde que puxo o PP nas cidades galegas e agora Feijóo está agochado”, evidenciou Gonzalo Caballero, quen reprobou que o PP estea “intentando enredar” e deixando pasar o tempo nunha estratexia que “parece encamiñada a que Jácome siga na alcaldía”.

“Nós damos un paso adiante para desatascar esta crise e evitar a súa cronificación, que sería perversa para a cidade”, advertiu, á vista de que quedan aínda máis de dous anos de mandato municipal. “Dicimos á cidade que o PSdeG quere referenciar un goberno de progreso en Ourense, e estamos abertos ao diálogo”, recalcou.

Así pois, afondou Gonzalo Caballero, “poñemos todos os vimbios” para resolver a “inestabilidade” municipal de Ourense, cidade que agora mesmo lidera un alcalde “atrincherado” con dous concelleiros “fronte a outros 24 que piden a súa dimisión”. “E o PP ten que posibilitar a solución”, remachou.

“UNHA FIRMA”

Así as cousas, o voceiro socialista en Ourense, Rafael Rodríguez Villarino, sentenciou que “é tempo de que o PP deixe de xogar coa cidade”. “Non pode evadir agora a súa responsabilidade”, advertiu.

De feito, explicou que a decisión de impulsar a moción de censura parte de que “estamos cansos de xogos e de falsas promesas”. “Se ao PP de verdade lle importa Ourense, que dea un paso adiante. Só se lles pide unha firma”, concretou.

“A única vía para cambiar o goberno de Ourense é firmar a moción de censura. Está a disposición de todos”, remachou Rafael Rodríguez Villarino.

Compartir
Publicado por
PSdeG

Últimas novas

Besteiro reivindica no Primeiro de Maio logros socialistas como a suba do salario mínimo e das pensiones

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, reivindicou hoxe en Lugo “os logros que teñen conseguido os socialistas,…

01/05/2024 21:13

Besteiro impulsa unha liña de acción política do PSdeG dende o Parlamento para a rexeneración democrática en Galicia

O portavoz do Grupo Socialista empraza a Rueda a clarificar na próxima sesión de control “se segue a doutrina Ayuso…

30/04/2024 13:06

Besteiro esíxelle á dereita responsabilidade e compromiso coa rexeneración democrática

O secretario xeral dos socialistas de Galicia, José Ramón Gómez Besteiro, esixiulle hoxe á dereita “que se comprometa de xeito…

29/04/2024 10:48

Besteiro chama á “unidade de acción” para “reactivar” ao PSdeG en torno a un proxecto autónomo

O secretario xeral do PSdeG clausura o Congreso Extraordinario no que se aprobou unha nova Executiva paritaria con Luis Ángel…

28/04/2024 14:24

O PSdeG esíxelle a Feijoo que pare coa “deriva antidemocrática” e empraza a Rueda a apartarse do “vergoñento argumentario de Génova”

A presidenta do PSdeG, Carmela Silva, dirixiuse hoxe ao PP para esixirlles que “paren esta deriva antidemocrática” de “bulos, ameazas,…

26/04/2024 14:36

Lara Méndez aplaude a reforma da PAC, que cualifica de “oportunidade” para os agricultores galegos

Sinala que a redución da carga burocrática e as esixencias aos agricultores e gandeiros de explotacións de menos de 10…

25/04/2024 13:28