Categorías: Secretaría XeralUncategorized

G. Caballero reivindica a lingua e a cultura galegas e urxe á Xunta “unha política ambiciosa para recuperar os niveis de actividade cultural previos á covid”

O líder socialista participa nunha ofrenda floral a Rosalía no Panteón de Galegos Ilustres, cunha declaración polas Letras Galegas que se celebrará a partir de hoxe cada ano, e que nesta ocasión contou con Anxo Rajó, filólogo especialista en Xela Arias

Francisco Cerviño, exdeputado e académico correspondente da RAG, destaca a lingua galega como “o logro colectivo máis importante que fixemos como pobo” e chama a “defendela porque é un patrimonio da humanidade”

Noa Díaz, secretaria de Cultura do PSdeG, reivindica “as voces e as letras das mulleres”: “Son moitas as que temos, pero foron poucas ás que se lle dedicou o Día das Letras Galegas”

Santiago, 15 de maio de 2021. O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, participou hoxe nun acto para festexar o Día das Letras Galegas no que realizou tamén unha ofrenda floral a Rosalía de Castro no Panteón de Galegos Ilustres. Unha homenaxe que, como avanzou, comezará a celebrarse a partir de agora cada ano, sumado así ao recoñecemento que cada 25 de xullo, Día de Galicia, congrega aos socialistas galegos en Rianxo.

“Festexar institucionalmente o Día das Letras Galegas é honrar a todos os que loitaron antes que nós por unha Galicia próspera, anovada e con futuro, sen renunciar ao que é máis intrinsecamente noso, a nosa lingua”, enfatizou, consciente da loita de “moitos socialistas que dedicaron a súa vida a este fin”.

Neste foro, o máximo dirixente do PSdeG reivindicou a lingua e a cultura galegas e subliñou que, nun momento no que están sufrindo “retrocesos”, “é importante trasladar e reforzar o noso compromiso” co que nos é propio. Ao fío disto, sinalou que a Xunta ten que desenvolver “unha política cultural ambiciosa” dende una perspectiva “positiva, de amor e agarimo pola nosa lingua e a nosa cultura”.

“Só dende un galeguismo inclusivo conseguiremos avanzar axeitadamente, para que os nenos e as nenas, que son os galegos e as galegas do futuro, sintan e amen a lingua e a cultura”, recalcou Gonzalo Caballero, quen reclamou á Xunta “unha política ambiciosa” que permita “recuperar ou superar os niveis de actividade cultural previos á covid ou mesmo á crise de 2008”.

Trátase, como dixo o responsable do socialismo galego, de que “a resiliencia que se nos demanda, en conxunto, aflore no noso teatro, na nosa música, na nosa literatura, no noso cine, no noso inxente patrimonio arqueolóxico, nas nosas artes plásticas… en todas as actividades que crean emprego cultural e que transmiten riqueza cultural nun sentido amplo”.

Ao fío diso, no que atinxe á lingua, Gonzalo Caballero chamou a atender “as chamadas que dende institucións europeos advirten de que, entre a mocidade, o galego vai perdendo terreo, precisamente cando máis medios hai para a aprendizaxe de idiomas e máis interaccionamos con outras linguas”.

“E sen unha lingua propia forte, coidada, ben tratada… a cultura no noso país caería nun pozo de difícil recuperación”, remachou, antes de citar a Xela Arias, a homenaxeada este ano polo Día das Letras Galegas: “o idioma é o principal signo dunha cultura”.

“TERRA DE MULLERES”

Logo do recoñecemento a Rosalía, o dirixente do PSdeG glosou a Xela Arias como “unha voz que segue a ser nova, fresca, contestataria e fermosa” e lamentou que “só seis mulleres mereceran esta homenaxe” dende a RAG.

“Todos e todas debemos seguir comprometidos para recoñecer que somos unha terra de mulleres creativas, fortes, loitadoras e de grande intelixencia e sensibilidade, como foi Rosalía, como foi Xela Arias”, recalcou Gonzalo Caballero.

NOA DÍAZ

Precisamente diso falou tamén Noa Díaz, secretaria de Cultura do PSdeG, quen reivindicou “as voces e as letras das nosas mulleres” na súa intervención.

“Son moitas as que temos, pero foron poucas ás que se lle dedicou este día”, subliñou Noa Díaz, quen destacou que o PSdeG é “un partido comprometido coa nosa lingua e a nosa cultura”.

Máxime, abundou, cando aínda hai quen “tenta empregar a nosa lingua como elemento de confrontación”, porque as linguas son e teñen que ser “xusto o contrario: elementos de cohesión”.

FRANCISCO CERVIÑO

Na súa quenda, Francisco Cerviño, exdeputado e académico correspondente da RAG, destacou a lingua galega como “o logro colectivo máis importante que fixemos como pobo, o monumento máis importante”.

Precisamente por iso, nun momento no que a nosa lingua “está en perigo”, Cerviño incidiu en que “cómpre tomar medidas de discriminación positiva do galego para poñelo en valor”.

“Temos a obriga de defender o que é un patrimonio da humanidade”, afondou o académico coruñés, consciente da importancia de impedir que a lingua galega “quede reducida a un número de falantes moi pequeno”.

BIOGRAFÍA

No acto tamén tomou a palabra Anxo Rajó, biógrafo de Xela Arias, quen explicou que foi compañeiro de clase da poetisa e fixo un percorrido pola súa traxectoria.

“Quédanos un camiño longo por percorrer con Xela Arias, e convídovos a que vos acheguedes a súa obra”, concluíu o filólogo.

Antes do Himno Galego, foi a quenda da actriz Rebeca Montero, quen interpretou varios poemas da homenaxeada este ano pola Real Academia Galega.

Compartir
Publicado por
PSdeG

Últimas novas

O PSdeG esíxelle a Feijoo que pare coa “deriva antidemocrática” e empraza a Rueda a apartarse do “vergoñento argumentario de Génova”

A presidenta do PSdeG, Carmela Silva, dirixiuse hoxe ao PP para esixirlles que “paren esta deriva antidemocrática” de “bulos, ameazas,…

26/04/2024 14:36

Lara Méndez aplaude a reforma da PAC, que cualifica de “oportunidade” para os agricultores galegos

Sinala que a redución da carga burocrática e as esixencias aos agricultores e gandeiros de explotacións de menos de 10…

25/04/2024 13:28

O Grupo Socialista esíxelle a Feijóo e ao PP que “poñan fin” á oposición “máis sucia da democracia”

Lara Méndez lembra a estratexia de “mentira e acoso” político xudicial coas que atacaron aos socialistas galegos, dende Besteiro aos…

25/04/2024 12:57

Carmen Dacosta esíxelle á Xunta que resolva o colapso da área sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras

Carmen Dacosta alerta da situación límite dos servizos de Urxencias, Oftalmoloxía, Rehabilitación e Atención Primaria e as deficiencias materiais na…

25/04/2024 12:32

Paloma Castro reclama máis persoal e recursos para os xulgados que tratan casos de violencia de xénero

Lembra que só o 30 por cento das vítimas presentan denuncia e emprazou á Xunta a presentar un Plan para…

24/04/2024 13:08

Paloma Castro pídelle á Xunta que habilite a cobertura do espazo deportivo do CEIP Ponte Sampaio, en Pontevedra

Paloma Castro sinala que os escolares “merecen un entorno axeitado” e un espazo cuberto no que practicar deporte e que…

24/04/2024 12:41