
O secretario xeral do PSdeG fixo a primeira viaxe do servizo, que parte de Lugo ás 5.18 e abre catro frecuencias diarias con Madrid desde A Gudiña-Porta de Galicia
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, estreou este mércores o novo servizo Alvia que une Lugo con Madrid acompañado polo alcalde de Lugo, Miguel Fernández e a concelleira Ana Fernández. O tren partiu da capital lucense ás 5.18 da mañá e fixo paradas en Sarria, Monforte e Ourense antes de chegar á estación da Gudiña-Porta de Galicia, onde Besteiro, que mantivo un encontro co alcalde da Gudiña, Néstor Ogando; o secretario provincial de Ourense, Álvaro Vila, a deputada Carmen R. Dacosta e outros cargos socialistas para valorar a posta en marcha dunha conexión que cualificou como “un día especial para a comunicación por ferrocarril coa capital de España”.
“Cumprimos co que nos comprometemos”, subliñou o líder socialista, que enmarcou a nova frecuencia na promesa que o PSdeG e o PSOE trasladaran ao Ministerio para recuperar unha conexión perdida e responder á demanda de Lugo, Sarria, Monforte e A Gudiña de contar cun tren a Madrid a primeira hora da mañá.
Besteiro explicou que o novo Alvia permite saír de Lugo ás 5.18 e chegar a Madrid antes das dez e media, “co tempo suficiente para facer calquera xestión e volver no mesmo día”. A nova frecuencia eleva a catro o número de trens diarios con destino á capital con parada na estación da Gudiña-Porta de Galicia, entre servizos Alvia e Avlo de alta velocidade, cun abano de saídas que vai desde as oito menos cuarto da mañá ata pasadas as cinco da tarde.
Os billetes parten de 16,90 euros no caso do Alvia e de 29 euros para a alta velocidade. “Son prezos moi competitivos que demostran a aposta do Goberno pola mobilidade ferroviaria de Galicia”, defendeu o dirixente socialista, que situou esta mellora dentro do investimento sostido do Executivo de Pedro Sánchez nas conexións ferroviarias galegas, con máis de 650 millóns de euros destinados nos últimos anos á liña entre Lugo e Ourense.
O secretario xeral do PSdeG lembrou ademais o contraste cos tempos do PP na Moncloa, cando os convois tardaban seis horas e media en cubrir o traxecto entre Lugo e Madrid. “Recuperamos unha frecuencia que estaba perdida, e fixémolo porque era ao que nos comprometeramos os socialistas”, insistiu.
Tras valorar a viaxe, Besteiro dirixiuse á Xunta de Galicia para reclamarlle que asuma a súa parte na mobilidade da zona e mellore o transporte por estrada: “De nada serve que nos volquemos en mellorar os traxectos cara Madrid se, ao chegar á estación, non temos un autobús que permita conectar con toda a comarca e con toda a Galicia interior”, advertiu.
O líder socialista subliñou que A Gudiña-Porta de Galicia está chamada a ser a estación de referencia non só para amplas zonas de Ourense e Lugo, senón tamén para puntos do norte de Portugal, e pediu que a rede de autobuses acompañe esa función. “Nós cumprimos. Agora tócalle á Xunta facer a súa parte”, concluíu.
Declaracións de Miguel Fernández e Néstor Ogando
Pola súa banda, o alcalde de Lugo, Miguel Fernández, valorou a posta en marcha do servizo como “unha reivindicación moi necesaria” para a cidade e a provincia. Fernández interpretou o estreo como “unha proba de como funcionamos os socialistas, de como temos palabra”, e respondeu ás críticas vertidas durante o proceso polo Partido Popular e por Elena Candia: “Dixéronnos que non íamos conseguilo e, traballando con discreción tanto co Ministerio como con Renfe, lográmolo”. Adiantou ademais que a mellora “non remata aquí”, en alusión á próxima posta en funcionamento da estación intermodal de Lugo, “unha instalación moderna, funcional e acolledora”, e comprometeuse a seguir reivindicando melloras ferroviarias para Lugo nas conexións con Ourense, Santiago e A Coruña.
Néstor Ogando, alcalde da Gudiña, mostrouse “sumamente orgulloso” de ter conseguido as novas frecuencias: “Loitamos moitísimo, houbo que ir a Madrid, houbo que estar con dirixentes en Ourense, e en todo momento fomos ben recibidos. Comprometéronse a recuperar as frecuencias e aquí estamos”. Ogando explicou que ata agora o tren saía da Gudiña ás 8.30 e chegaba a Madrid sobre as once da mañá, mentres que a nova configuración adianta a saída ás 7.44 e leva á capital xa en hora útil para realizar xestións; á media hora, ás 8.30, sae outra frecuencia con destino a Ourense, Lugo e o resto do interior.
Ogando sumouse á reivindicación do transporte por estrada: “Só nos queda que os enlaces por autobús sexan acordes coas paradas do tren”, concluíu.