
O PSdeG reúne na Coruña a socialistas vascos e cataláns para reivindicar un novo pacto pola lingua e advirte de que Galicia inviste entre 5 e 7 euros por habitante en política lingüística, Cataluña, entre 30 e 35 e Euskadi, 90. “Quince veces máis ca nós”
O secretario xeral do PSdeG abre a Semana das Letras Galegas socialista co foro “Ola, Europa! · A lingua pega forte”, acompañado pola deputada do PSC Imma Ferret, o parlamentario do PSE-EE Pau Blasi, o eurodeputado Nico González Casares e a deputada Silvia Longueira
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, abriu este luns na Coruña a Semana das Letras Galegas socialista cun foro a tres voces xunto á deputada do PSC Imma Ferret, ao parlamentario do PSE-EE Pau Blasi e ao eurodeputado Nico González Casares. A deputada Silvia Longueira moderou un encontro que tivo unha tese de fondo moi clara: en Galicia a lingua non está en perigo por morte natural. Está en retroceso por unha decisión política. E unha decisión política ten resposta política.
“O problema do galego é a distancia entre os discursos do PP e os orzamentos”, resumiu Besteiro diante dos xornalistas. E apoiou esta declaración con cifras: “Galicia inviste entre 5 e 7 euros por habitante en política lingüística. Cataluña, entre 30 e 35. Euskadi, 90. Quince veces máis ca nós. E despois sorpréndense de que o galego retroceda. Non é unha sorpresa. É unha consecuencia”, remarcou.
Tamén sinalou que desde 2023, o Goberno de España leva investidos preto de 3,5 millóns de euros para que o galego non quede fóra da intelixencia artificial, a través do proxecto Nós que se desenvolve no CiTIUS da Universidade de Santiago e no Instituto da Lingua Galega. A Xunta, no mesmo período, cero euros.
Besteiro lembrou que levamos 17 anos de “bilingüismo harmónico”, o eufemismo que Feijóo introduciu para xustificar non protexer a lingua máis débil. O resultado, conclúe a última enquisa do IGE referida ao período 2018-2023, é unha caída acelerada do uso do galego, sobre todo entre a mocidade.
Ademais, o líder socialista recuperou un dos momentos máis simbólicos da súa traxectoria. O 19 de setembro de 2023, cando subiu á tribuna do Congreso para estrear a tradución simultánea ao galego. “Foi un dos días máis importantes da miña vida política. Non polo cargo, non polo discurso. Pola lingua”. Aquela mañá, recordou, os deputados de Vox recolleron os auriculares e depositáronos en bloque no escano de Pedro Sánchez. PP, Vox e UPN votaron en contra da modificación do regulamento. 180 deputados votaron a favor.
Pau Blasi, parlamentario do PSE-EE, tomou o relevo cunha lectura desde Euskadi. Hoxe o 45% da poboación vasca fala euskera, o dobre que nos anos 80. “É a principal mostra de éxito e de consolidación dunha lingua sobre a que tamén hai discursos un pouco apocalípticos cada vez que se toma algunha medida de impulso”, sinalou. Reivindicou a Lei do Eusquera de 1982, pactada entre socialistas e nacionalistas, como columna vertebral dun modelo educativo, administrativo e universitario plenamente asentado.
Blasi foi especialmente crítico co viraxe do Partido Popular. “O PP, en Euskadi e tamén en Galicia, foi historicamente xente activa da lingua. Decidiron poñerse no lado contrario e tomar medidas que paralicen unha normalización que é lóxica, que é normal”. Para o socialista vasco a cuestión vai máis aló do plano cultural. “A democracia, se ten algo, é a xestión imperfecta da pluralidade. Tratar de impor unha soa mirada, unha soa cultura, unha soa lingua, é algo totalmente contrario á democracia”.
Pola súa banda, Imma Ferret describiu a situación do catalán como “diversa, complexa e delicada”, pero reversible. Citou o Pacto Nacional pola Lingua, firmado en Cataluña hai exactamente un ano, como o gran marco de consenso social e parlamentario para levar a comunidade a 600.000 novos falantes en 2030. “Defender o catalán non é atacar a ninguén”, dixo parafraseando o president Salvador Illa. “É defender un patrimonio que é noso”.
Pechou a quenda o eurodeputado Nico González Casares cun retrato do traballo discreto que o socialismo leva tres anos facendo en Europa. Un lobby intenso, xunto a Javi López (vicepresidente do Parlamento Europeo), Eider Gardiazabal e Laura Ballarín, para que o galego, o eusquera e o catalán entren con normalidade no Pleno da Eurocámara e no Consello. “As maiorías están aí. Só falta que se decante o Partido Popular Europeo, que parece ser hoxe o único obstáculo”, advertiu.
Silvia Longueira concretou as tres liñas que o PSdeG defende para reverter a deriva. Multiplicar por tres o orzamento de política lingüística nesta lexislatura. Un novo pacto pola lingua, aberto a todas as forzas, na liña do firmado en 1983 polo Goberno de Fernández Albor e do aprobado por unanimidade en 2004 baixo o Executivo de Emilio Pérez Touriño. E blindar a produción propia da CRTVG desbloqueando o seu Consello.
A deputada lembrou que o grupo socialista leva meses traendo ao Parlamento iniciativas para que o galego forme parte da vida cotiá da mocidade. Nas plataformas dixitais. No audiovisual. Nas aplicacións de aprendizaxe de linguas. Nos videoxogos. Onde a xente nova vive de verdade. “Unha lingua que non está no día a día da mocidade é unha lingua que se vai apagando”, resumiu.
Besteiro pechou a súa quenda cunha declaración de intencións. “Eu non quero que o galego sexa unha peza de museo. Non quero que sexa folclore. Quero unha lingua viva, na rúa, no traballo, no móbil, na escola. E quero que o Goberno galego inviste no galego o que hai que investir, non o que sobra”.
A Semana das Letras Galegas do PSdeG continúa este martes en Santiago e remata o domingo en Ferrol. Tres cidades, tres formatos diferentes, unha mesma idea de fondo: a lingua é patrimonio, non bandeira.