
O líder dos socialistas galegos asiste en Pontevedra á entrega do XXII Premio Xornalistas Liberdade de Prensa a Jose Precedo, que representa o “rigor e independencia” na súa traxectoria profesional
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, reivindicou o “xornalismo valente, con criterio, capaz de incomodar ao poder cando hai que facelo”. Así o dixo na entrega do XXII Premio Xornalistas Liberdade de Prensa por parte do Colexio de Xornalistas de Galicia a Jose Precedo nun acto que tivo lugar na Casa Consistorial de Pontevedra, no que a xornalista pontevedresa Belén López leu o manifesto “Conciencia e Resistencia”.
O líder dos socialistas galegos trasladou os seus parabéns ao Colexio de Xornalistas por propoñer e galardoar a Precedo como representante do xornalismo “con rigor e independencia” durante toda a súa traxectoria, como demostrou na súa declaración diante do Tribunal Supremo no proceso contra o fiscal xeral, no que mantivo a súa defensa do segredo profesional.
Besteiro salientou a “sorte” que supón contar con profesionais da talla deste xornalista “nun momento no que tantas veces se confunde a información co ruído, ou directamente coa propaganda”. O seu traballo, dixo, lembra que o oficio do xornalismo serve “para contar o que pasa” e defende “un xeito de entender o xornalismo que cada vez custa máis soster”.