
A ponencia ratifica o pacto liderado polo PSOE con Sumar e BNG para transferir a Galicia a titularidade da autoestrada. O texto continuará agora a súa tramitación parlamentaria en comisión e pleno antes da súa aprobación definitiva
Está mañá desde Cacheiras o líder do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, xa anunciou que Rueda terá que dar moitas explicacións se o PP votaba en contra, como finalmente fixo
A deputada socialista no Congreso e membro da Comisión de Transportes e da ponencia sobre a AP-9, Patricia Otero, denunciou hoxe que “o PP e Vox tentaron rebentar o acordo para transferir a titularidade da AP-9 a Galicia, pero non o conseguiron”. A ponencia ratificou o texto pactado polo Grupo Socialista xunto a Sumar e o BNG, que abre a porta a que a autoestrada do Atlántico pase a ser xestionada pola Xunta de Galicia.
Otero subliñou que se trata dun “acordo importante que cumpre a vontade emitida polo Parlamento de Galicia” e que fai posible o traspaso da titularidade e das competencias sobre a vía. “Hoxe demos un paso decisivo para que a AP-9 sexa, por fin, unha autoestrada galega”, afirmou a deputada.
A socialista cargou con dureza contra o Partido Popular e Vox, que votaron en contra do texto na ponencia. “Co seu voto, o PP e Vox amosaron que non están realmente pola labor de que a AP-9 sexa de titularidade galega. Buscan só a confrontación e hoxe buscaban reventar un acordo apoiado por todas as forzas políticas da comisión, agás eles mesmos”, denunciou.
Otero emprazou a Alfonso Rueda e ao Partido Popular a dar explicacións aos galegos e ás galegas polo seu voto. “Rueda e o PP terán moito que explicar sobre por que votan en contra dos intereses de Galicia. Non vale dicir unha cousa en Santiago e outra distinta en Madrid: a AP-9 é unha reivindicación histórica do país e o PP volveu poñerse de costas a Galicia”, sinalou.
A deputada lembrou que a proposición de lei foi aprobada por unanimidade polo Parlamento de Galicia, incluído o voto do PP, e que agora o partido de Feijóo e Rueda “rompe esa unanimidade xusto cando o traspaso está a piques de ser unha realidade”. “É unha incoherencia política difícil de xustificar diante da cidadanía”, engadiu.
Otero destacou que o acordo ratificado hoxe na ponencia recolle a transferencia da titularidade da AP-9, das competencias sobre o réxime xurídico da concesión e das funcións e servizos vinculados á autoestrada. O texto continuará agora a súa tramitación parlamentaria en comisión e pleno antes da súa aprobación definitiva.
“Os socialistas cumprimos. O presidente Pedro Sánchez comprometeuse a traer a AP-9 a Galicia e hoxe estamos a un paso de logralo. Mentres uns traballan por Galicia, outros tentan boicotealo desde dentro”, concluíu a deputada.
Besteiro: Rueda terá que dar “moitísimas explicacións”
As declaracións de Otero sumáronse ás que esta mesma mañá realizou en Cacheiras (Teo) o secretario xeral do PSdeG-PSOE, José Ramón Gómez Besteiro, quen advertiu de que se o PP non apoia o acordo da AP-9, Rueda e o resto de representantes da formación “terían que dar moitísimas explicacións”. Besteiro subliñou que “ninguén entendería” que os populares se opuxesen a unha transferencia reclamada por unanimidade polo Parlamento de Galicia, incluído o seu propio voto.
O líder dos socialistas galegos reivindicou ademais o papel do PSOE para acadar este avance e emprazou a abrir agora o debate sobre a liberalización das peaxes da autoestrada, un obxectivo que considera “prioritario” unha vez consolidada a transferencia da titularidade.