

Aitor Bouza reclámalle ao goberno galego que constitúa unha Mesa de negociación co sector e active compensacións económicas para marisqueo a pé, a flote e artes menores
O parlamentario socialista Aitor Bouza acusou hoxe ao PP de “rirse dos mariscadores e mariscadoras” de Pontedeume ao votar en contra da proposta que levou hoxe á Comisión de Pesca para pedirlle á Xunta que habilite indemnizacións pola perda de actividade. O responsable socialista criticou que o PP defenda estas propostas en Pontedeume, pero prefiran “ridiculizalas” cando son debatidas no Parlamento de Galicia.
Bouza esixiulle ao PP e ao goberno galego que visiten a localidade e “escoiten ao sector”, que está a pasar por unha situación crítica pola caída drástica da produtividade mentres a Xunta “non está a facer nada” cando teñen as competencias para habilitar liñas de axuda específicas. Lamentou que o PP rexeitara esta proposta que respondía ás peticións da propia confraría, que reclama medidas “reais e efectivas”.
O parlamentario socialista reclamoulle ao goberno galego que constitúa unha mesa de negociación cos sectores de marisqueo a pé e a flote e tamén coas artes menores de Pontedeume, garantindo a súa participación directa na toma de decisións. Reclamou o trato equitativo entre os tres con medidas que atendan de maneira “xusta e equilibrada” aos traballadores e traballadoras.
Esixiulles a revisión urxente das indemnizacións ao marisqueo pola caída da produción, incrementando as contías para que resulten suficientes para afrontar as perdas reais, habilitando ademais liñas de apoio específicas para o sector das artes menores para que poidan recibir compensacións tras máis de dous meses de inactividade.