

O secretario xeral do PSdeG participou no acto da Real Academia Galega polo Día das Letras Galegas dedicado á escritora e xornalista viguesa
“Galicia gasta seis euros por habitante en política lingüística. Cataluña, trinta e cinco. Euskadi, noventa”, denunciou ante a Xunta do PP
Os socialistas pechan a Semana das Letras cunha foliada en Esmelle, o lugar que Caamaño escolleu para a súa Morgana
O secretario xeral do PSdeG-PSOE, José Ramón Gómez Besteiro, reivindicou este domingo en Santiago a figura de Begoña Caamaño no acto que a Real Academia Galega dedicou á escritora e xornalista viguesa polo Día das Letras Galegas. Defendeu a súa obra. E aproveitou para esixirlle á Xunta do PP un xiro no investimento en política lingüística.
“Hoxe homenaxeamos á vez a unha escritora, a unha xornalista, a unha feminista e a unha loitadora. Begoña Caamaño foi todo iso sen ter que escoller”, afirmou.
Besteiro deteuse no que fixo Caamaño coa tradición. “Reescribiu a Circe, a Penélope e a Morgana porque sabía que os mitos non son neutros, e que había que devolverlles a voz ás mulleres ás que lla tiñan negada”, sinalou. Lembrou tamén como o fixo: “en galego, e dende unha radio pública que ela quixo independente e crítica”. Para o líder socialista, quedarse na etiqueta de autora homenaxeada sábelle a pouco. “Reducila a iso queda curto”, dixo.
En declaracións aos médios, o secretario xeral avisou de que a defensa do idioma non pode quedar nun día ao ano: “Hai que apostar polo galego de verdade, e iso vese nas contas”, apuntou. E remarcou a comparación entre as diferentes comunidades autónomas: “Galicia gasta seis euros por habitante en política lingüística. Cataluña, trinta e cinco. Euskadi, noventa. Cando ves esa diferenza, xa sabes a importancia que lle dan uns e outros”. O recado foi para a Xunta do PP, á que lle reclamou investir moito máis para situar o galego onde merece.
Por último, lembrou que as e os socialistas pechan a Semana das Letras lonxe dos despachos. “Agora marchamos a Esmelle, en Ferrol, a celebrar a primeira foliada do socialismo galego, xusto no lugar que Begoña Caamaño escolleu para a súa Morgana”, explicou Besteiro, porque “non se nos ocorreu mellor xeito de pechar a semana que gozar dese territorio que ela imaxinou para os seus mitos.”