
Aitor Bouza sinala que as apenas 4.000 vivendas que teñen anunciado en 17 anos demostran “a súa incompetencia en materia de vivenda”
O portavoz de Vivenda do Grupo Socialista, Aitor Bouza, esixiulle hoxe á Xunta que presente nun prazo dun mes un informe completo sobre as vivendas públicas construídas dende 2009. O responsable socialista presentou unha proposición non de Lei que será votada mañá mércores e reclamou “vivenda pública digna e en condicións”.
O parlamentario socialista reclamoulle ao goberno galego que faga públicos os datos da vivenda pública iniciada dende 2009 a través da web do IGVS. Pediu o número concreto de inmobles construídos por concellos e o seu estado de execución actual, así como os concellos nos que non se construíu ningunha vivenda pública dende a chegada do PP ao goberno galego.
O responsable socialista advertiu que o goberno galego está a anunciar que ten iniciado a construción de 4.000 inmobles dende a súa chegada á Xunta, unha cifra que amosa “a súa incompetencia” en materia de vivenda. Criticou que estean “a dar leccións” en materia de vivenda cando tiveron anos nos que apenas executaron o 0,5 por cento dos 3 millóns de euros orzamentados.
Sinalou que os resultados das políticas do PP en materia de vivenda pública están moi lonxe das 32.000 familias apuntadas ao rexistro galego de demandantes de vivenda. Ironizou con que “se a lo menos fixeran 4.000 vivendas cada Lexislatura, a lo menos a metade das persoas apuntadas ao Rexistro terían o problema resolto”.
Bouza criticou a xestión “indecente” do goberno galego, que está expropiar terreos para vivenda pública no barrio de Mallou, en Santiago de Compostela, pagando entre 3 e 4 euros o metro cadrado, unha “miseria” que supón que “pouco menos que son os veciños e veciñas os que van ter que pagar a construción de vivenda pública”. Tamén sinalou as condicións deplorables das residencias dos veciños e veciñas do barrio das Telleiras, en Narón, logo de 12 anos.