
A portavoz de Facenda, Patricia Iglesias, instou ao Goberno de Rueda a negociar “con altura de miras” o sistema de financiamento, a aceptar a quita da débeda e a rexeitar “as consignas de Feijoo e Génova 13”
A portavoz socialista de Facenda, Patricia Iglesias, advertiu hoxe no pleno do Parlamento do “fracaso e o perigo” do modelo fiscal do Partido Popular na Xunta, un modelo que “non atende ás necesidades de quen máis o precisa”, criticou.
Iglesias defendeu un modelo baseado na fortaleza dos servizos públicos que sirva de ascensor social. “Pero ese ascensor non funciona con aire, senón con recursos públicos e cunha política fiscal responsable”, destacou.
Por ese motivo, censurou que o PP saque peito dos beneficios fiscais que o ano pasado lles restaron ás arcas autonómicas 793 millóns de euros, fondos “que non van reforzar unha atención primaria en auténtico colapso, nin reducir as listas de agarda da dependencia, nin irán á vivenda pública e tampouco ao financiamento local”. “O que temos aquí é unha ideoloxía liberal de dereita recorrente e estrutural” que beneficia non á maioría social, senón “fundamentalmente ás rendas altas”, denunciou.
A deputada do PSdeG advertiulles aos populares sobre facer competencia fiscal “e buscar titulares ideolóxicos”. “Non van competir con Ayuso”, insistiu.
Patricia Iglesias recordou que o PP rexeitou unha quita de 4.000 millóns de euros sobre a débeda galega, que se multiplicou por tres desde a súa chegada ao poder. “Unha quita que é boa, sen matices, porque liberaría recursos e a capacidade financeira da comunidade”, afirmou.
Tamén instou á Xunta a negociar “con altura de miras” para mellorar a proposta do Goberno de 587 millóns de euros adicionais para o financiamento de Galicia, e conseguir así “máis recursos para sanidade, para educación, para dependencia e para vivenda”. A iso sumou a necesidade de “practicar o autogoberno fiscal” con responsabilidade.
Advertencias da Autoridade Independente de Responsabilidade Fiscal
Nese punto, lembrou que a Autoridade Independente de Responsabilidade Fiscal (Airef) leva tempo alertando do risco de incumprimento da regra de gasto e alertou de que “cada nova rebaixa fiscal reduce estruturalmente a capacidade recadatoria da comunidade autónoma, e cada novo agasallo fiscal fai máis difícil soster os nosos servizos públicos”. E fronte aos argumentos dos populares contra os impostos, subliñou: “Quen máis os subiu foi M. Rajoy, el Barbas ou el Asturiano”.
“Van negociar ou van seguir as consignas de Feijoo e Génova 13 por intereses partidistas?”, preguntouse, e rematou recordando que para o PSdeG a política fiscal é “unha ferramenta para a igualdade de oportunidades”. “Defendemos negociar, mellorar os 587 millóns de euros e mellorar os criterios de avellentamento e dispersión de poboación”, dixo.