O voceiro da Executiva do PSdeG reprochou que “nun momento crítico, con milleiros de galegos sen luz e con servizos afectados, o presidente da Xunta decidise non estar”. Iso si, dixo. “apareceu para facer a rolda de prensa e facer anuncios sen contido. Silencio e escapismo, ese é o seu estilo”, rematou
Na valoración política da semana en Galicia, alertou tamén sobre os novos obxectivos sanitarios para 2025, que segundo o propio SERGAS inclúen premiar a redución do gasto farmacéutico por riba do criterio clínico, incentivar a derivación á sanidade privada e empeorar os tempos de espera en cirurxía
O voceiro da Executiva Nacional do PSdeG, Julio Torrado, criticou hoxe a “actitude escapista” de Alfonso Rueda, a quen acusou de exercer un “goberno ausente” e de instalarse “no silencio permanente” ante cuestións que afectan de cheo á cidadanía galega.
Torrado sinalou que o presidente da Xunta “fuxiu do Parlamento” sen responder ás preguntas de Gómez Besteiro sobre os datos do desemprego en Galicia, e cualificou de “preocupante” que Rueda celebre como un logro que haxa titulados en enxeñaría traballando de dependentes nunha tenda de souvenirs en Semana Santa: “Ese é o modelo de emprego do PP”, afirmou.
O socialista tamén anunciou iniciativas parlamentarias para aclarar o comportamento de Rueda durante a recente noite de emerxencia por apagóns. “A realidade é que unha vez que a situación pasou a nivel 3, o presidente da Xunta decidiu marchar para casa “porque se pasa a nivel 3, entón xa é cousa doutros. Iso chámase escapismo”, engadiu.
Neste sentido, Torrado reprochou que “nun momento crítico, con milleiros de galegos sen luz e con servizos afectados, o presidente decidise non estar”. Iso si, dixo. “apareceu para facer a rolda de prensa e facer anuncios sen contido. Silencio e escapismo, ese é o seu estilo”, rematou.
O PP criminaliza as baixas
O voceiro socialista cargou tamén contra as “erráticas políticas do SERGAS”, e advertiu que “parece non haber ninguén ao volante”. Criticou que a Xunta presuma de reducir baixas sen atender ás causas reais: “As condicións laborais deterioradas, a precariedade e a presión asistencial están detrás de moitas baixas que agora se criminalizan”.
Alertou, ademais, sobre os novos obxectivos sanitarios para 2025, que segundo o propio SERGAS inclúen premiar a redución do gasto farmacéutico por riba do criterio clínico, incentivar a derivación á sanidade privada e empeorar os tempos de espera en cirurxía: “En Lugo, Ferrol, Pontevedra ou Vigo, os obxectivos para este ano son peores que os tempos actuais en todas esas áreas sanitarias, como en Pontevedra que o tempo de espera actual é de 59 e o obxectivo é de 70 días. Iso non é mellorar a sanidade, é renderse”, advertiu.
“O conselleiro parece máis preocupado por agradar aos xestores privados que por garantir unha sanidade pública digna. E mentres tanto, Rueda cala”, concluíu.
“Emprego precario, caos sanitario, propaganda nuclear e apagón institucional. Ese é o resumen da semana política en Galicia. E mentres, o presidente, ausente. Silencio, escapismo e ausencia. Esa é a pegada de Rueda”, sentenciou Torrado.