
O líder dos socialistas galegos participa na manifestación cidadá “espontánea e sentida da inmensa maioría da cidadanía de Lugo” fronte á moción de censura impulsada polo PP
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, reivindicou hoxe en Lugo o “goberno das boas persoas” fronte á “afrenta á democracia” e as “malas prácticas” do PP no Concello. Besteiro participou na manifestación “espontánea e sentida da inmensa maioría da cidadanía de Lugo” fronte á moción de censura impulsada polo PP apoiada nunha concelleira tránsfuga.
O responsable socialista trasladou a súa emoción pola mobilización da cidade “clamando” fronte ao “drama” impulsado por “aqueles que queren gobernar sen principios nin límites” e que, advertiu, se demostran “dispostos a calquera cousa para chegar ao goberno”, o que “indica como queren gobernar”. Defendeu a reivindicación maioritaria da cidadanía de Lugo, que “sabe que quere elixir o seu futuro a través dunhas eleccións democráticas”.
Emprazou ao PP a escoitar o sentir maioritario da cidade, que sinala que “en política non todo vale” e que, dixo, farán valer a súa voz nas eleccións municipais convocadas para o próximo ano, cando o actual alcalde socialista Miguel Fernández volverá a ser alcalde para “restaurar o valor da democracia e o sentir maioritario da cidadanía”.