
O líder dos socialistas galegos intervén nun acto organizado polo PSdeG en Ourense en conmemoración dos 40 anos da Lei Xeral de Sanidade
Sinala que “a operación indigna e inmoral do PP en Lugo non vai ter éxito”
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, reivindicou hoxe a sanidade pública como un “dereito universal, único e solidario” fronte ao PP que “llelo quere retirar aos galegos e galegas”. Besteiro interveu nun acto organizado hoxe polos socialistas de Ourense con motivo do 40 aniversario da aprobación da Lei Xeral de Sanidade, unha norma “básica, que estrutura o Estado do Benestar” impulsada polo goberno do PSOE.
O responsable socialista chamou á “loita día a día” para defender o dereito á sanidade pública fronte a un PP que “leva 40 anos intentando desmontala”, como vén de constatar o informe do Consello de Contas presentado esta semana. Segundo o ente fiscalizador, Galicia é a segunda comunidade autónoma que menos inviste por habitante na Atención Primaria e que destina á sanidade pública “poucos cartos, mal investidos e co persoal en precario”.
Besteiro alertou fronte á situación da sanidade pública sinaladamente nas zonas do interior de Galicia, que son “penalizadas” pola xestión do goberno galego, sinaladamente en Ourense e Lugo, onde os concellos de menos de 5.000 habitantes “reciben unha atención non pública, non universal e non total”.
Os socialistas galegos celebraron hoxe os 40 anos da Lei Xeral de Sanidade cunha Mesa – Debate na que ademais de Besteiro interviñeron o secretario de Sanidade do PSdeG e deputado autonómico Julio Torrado, o ex deputado no Congreso Alberto Fidalgo, o ex presidente do Colexio Oficial de Médicos de Ourense, José Luis Jiménez Martínez, e a deputada no Congreso Marga Martín.
Os participantes analizaron a situación da sanidade pública como “patrimonio da democracia, e a democracia non se toca” por canto supón un “pacto moral do país co seu pobo” a través da Lei Xeral de Sanidade impulsada polo ministro socialista Ernest Lluch, un político socialista de fortes conviccións socialdemócratas que pagou coa súa vida ao ser asasinado por ETA.
Analizaron as conclusións do informe do Consello de Contas presentado o pasado xoves, que alerta da precariedade na sanidade pública, onde un de cada catro profesionais ten un contrato temporal mentres a Xunta anuncia convocatorias de persoal que nunca concreta e fan a xestión do sistema sanitario “tirando un dado”.
Alertaron de que cando os profesionais piden probas diagnósticas que non chegan a tempo, teñen que escoitar a Rueda falando de fraudes nas baixas laborais. Coincidiron en sinalar que fronte a un sistema “colapsado”, o goberno galego “en vez de tomar medidas para arranxalo, prefire culpar ao paciente”, e esixiron “reordenar o sistema, reforzar a plantilla e garantir cita en Primaria en 48 horas.
Operación indigna e inmoral do PP en Lugo
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, cualificou hoxe de “operación indigna e inmoral” a moción de censura coa que o Partido Popular pretende arrebatarlle a Alcaldía de Lugo aos socialistas co apoio dunha edila non adscrita, e advertiu de que esa manobra “non vai ter éxito” porque non poden “mercar a cidade”.
Besteiro pronunciouse a preguntas dos medios nun acto sobre sanidade celebrado en Ourense, despois de que máis de 2.000 persoas enchesen onte a Praza Maior de Lugo baixo o lema “Democracia si, transfuguismo non”.
A protesta, convocada pola plataforma cidadá Transfuguismo Non, Democracia Si, congregou tamén a alcaldes e alcaldesas da provincia, ás rexedoras da Coruña e de Santiago, e a representantes de organizacións sociais e culturais da provincia. Tras 27 anos de goberno socialista en Lugo, o PP busca recuperar a Alcaldía nun pleno extraordinario convocado para o vindeiro 7 de maio. De saír adiante a moción, a portavoz popular Elena Candia accederá ao bastón de mando dunha cidade que o PP non goberna dende 1999.
Besteiro saudou aos “miles de veciños de Lugo, e tamén de fóra de Lugo” que se concentraron en defensa da democracia, e tivo unha lembranza para os tres compañeiros do grupo socialista falecidos durante este mandato: a alcaldesa Paula Alvarellos, e os concelleiros Pablo Permuy e Olga López. As tres baixas no grupo socialista deron paso á entrada de María Reigosa, que herdou o acta tras o falecemento de Permuy e que agora, xa fóra do partido, comprometeu o seu voto co PP para tombar o goberno municipal de Miguel Fernández.
“Foi un día para dicirlle ao Partido Popular alto e claro que esa operación indigna e inmoral de moción de censura, apoiándose nunha tránsfuga, non vai ter éxito”, afirmou o líder dos socialistas galegos.
De cara ás próximas municipais, Besteiro avisou: “Dentro dun ano volvémonos a ver, e volverá outra vez un goberno das boas persoas, un goberno democrático respaldado pola inmensa maioría dos veciños e das veciñas”. Porque, advertiu, “en política non todo vale”.