
Aitor Bouza advertiu que os datos “van desaparecendo” porque, se fosen públicos, “o que se demostraría é a ineficacia do Goberno do PP”
“A min tamén me preocuparía que poidamos facer historia con eses datos, porque o que se demostraría é a ineficacia da Xunta”. O deputado socialista Aitor Bouza denunciou así a falta de transparencia do rexistro de demandantes de vivenda, que logo de 20 anos en servizo, non ofrece a posibilidade de acceder a máis cifras que as actuais.
O parlamentario do PSdeG denunciou hoxe en comisión a “falta de transparencia e de acceso á información” en materia de vivenda e defendeu unha iniciativa a través da que lle reclama á Administración autonómica que garanta que os datos “estean dispoñibles de forma aberta, accesible e reutilizable”.
Bouza lembrou que o devandito rexistro se creou durante a presidencia de Emilio Pérez Touriño e que, despois, en 17 anos, o PP “nin actualizou a web”, de xeito que os datos “van desaparecendo”. Nese senso, preguntouse por que ao PP “lle preocupa tanto” que se poida facer unha trazabilidade na evolución deses números, e sinalou como posible causa que cando Feijoo chegou ao Goberno había 15.000 inscritos, mentres que agora pasan de 31.000.
Para Bouza, trátase dunha situación “que nin sequera se debería debater” porque se solucionaría coa “aplicación estrita da lei de transparencia”.
Políticas públicas “máis eficaces”
O deputado do PSdeG advertiu que “de nada serve ter unha foto fixa se non se pode consultar cal é o histórico dos datos”, xa que así se dificulta realizar unha avaliación rigorosa da evolución da demanda de vivenda en Galicia. Iso impide, ademais, utilizar esa información na definición de políticas públicas “máis eficaces”.
Aitor Bouza lamentou “ter que escoitar no discurso de Rueda que o rexistro medra grazas a que a Xunta está construíndo moita vivenda pública”, cando desa evolución se pode deducir, máis ben, que “ninguén se anotaba porque xa se sabía que non valía para nada porque a Xunta non facía vivenda pública”.
Por iso, reclamou “un informe detallado sobre a evolución histórica do rexistro de demandantes de vivenda protexida, incluíndo análise de tendencias, distribución territorial e características da demanda”.