

Silvia Longueira denunciou que servizos que antes estaban establecidos con periodicidade concreta sofren agora “cambios e demoras constantes”
Esixiulle á Xunta un informe de todos os atrasos e anulacións de frecuencias no transporte de viaxeiros por estrada
“A ineficacia e a mala xestión é unha realidade manifesta”, asegurou a deputada socialista sobre os numerosos problemas que están a padecer usuarios e usuarias
A deputada socialista Silvia Longueira reclamoulle hoxe á Xunta que repoña “de inmediato” as frecuencias de autobús na liña Betanzos-A Coruña nos tramos horarios de maior uso, sinaladamente os que coinciden cos desprazamentos aos postos de traballo e de volta entre ambas cidades.
Longueira criticou a “ineficacia e a mala xestión” do transporte de viaxeiros por parte do Goberno de Rueda, algo que, segundo afirmou, é “unha realidade manifesta”. Tal como denunciou, “iso contrasta de xeito teimudo con esa lei de impulso demográfico que pretende asentar a poboación no territorio”.
No caso concreto de Betanzos, cifrou en preto de 3.000 os desprazamentos que se producen a diario entre esa cabeceira comarcal e a capital de provincia, unha cifra moi significativa para unha poboación de 13.000 habitantes. Porén, as persoas que optan polo transporte público que compete á Xunta de Galicia viron como se “descabalgaron” horarios que anteriormente estaban establecidos con unha periodicidade e liñas concretas.
Agora “atópanse con cambios constantes ao chegar ás paradas de autobús, desde modificacións de última hora ata demoras superiores aos 20 minutos, así como buses que, ao encherse as prazas, deixan en terra a un bo número de pasaxeiros”. Segundo denunciou, hai tempo que este tipo de incidentes se suceden “con unha frecuencia inusitada, en modo de escalada sen freo”, especialmente nas horas punta.
Por iso, Silvia Longueira reclamoulle á Xunta que, ademais de poñerse xa a arranxar o problema, inspeccione as incidencias que se están producindo na liña e dea conta no Parlamento galego de todos os atrasos e anulacións nos servizos de transporte de viaxeiros por estrada.