O portavoz do Grupo Socialista, Xoaquín Fernández Leiceaga, reclamou hoxe, conxuntamente co resto dos grupos da oposición, a convocatoria dun Pleno Extraordinario para “producir o cese” da Valedora do Pobo. Así o dixo logo dunha Xunta de Portavoces convocada de urxencia para tratar a situación do Alto Comisionado despois dunha sentenza do TSXG que determina “arbitrariedade” e “desviación de poder” ao crearlle un posto á medida da irmá do portavoz do PP.
O responsable socialista sinala que o informe xurídico presentado polo presidente do Parlamento a petición do Grupo Socialista “indica con claridade que os escritos da Valedora –poñendo o seu cargo a disposición- non teñen valor xurídico: son igual a nada”. O dito informe conclúe que o escrito da Valedora, presentado e despois modificado a pasada semana, “non produce a súa renuncia”.
Fernández Leiceaga explicou que a Valedora “segue en plenitude de funcións” polo que, dixo, procede “solicitar un Pleno Extraordinario na próxima semana para producir o seu cese”, logo de cumprir co trámite previsto na Lei do Valedor.
A Lei do Alto Comisionado prevé que o Pleno do Parlamento pode cesar á Valedora por maioría de tres quintas partes -45 deputados- logo de concederlle audiencia. A Mesa do Parlamento abriu onte un prazo de cinco días, que remata o próximo sábado, para que a titular da Oficina do Valedor presente as súas alegacións.