O portavoz do Grupo Socialista, Xoaquín Fernández Leiceaga, presentoulle hoxe un escrito dirixido ao presidente do Parlamento e a continuación a solicitude formal de Xunta de Portavoces para tratar o cese da Valedora. O responsable socialista urxiu ao presidente do Parlamento a decretar a vacante no cargo e iniciar “coa máxima celeridade” o procedemento para a renovación do cargo.
O responsable socialista declarouse hoxe “defraudado” polas decisións da Valedora do Pobo logo de ter sido condenada en firme por facerlle un cargo á medida da irmá do portavoz do Grupo do PP na propia institución. Criticou o “xogo” iniciado pola titular do Alto Comisionado do Parlamento para “diferir a decisión a un futuro indeterminado” e considerando que está en “plenitude de funcións”.
Fernández Leiceaga aludiu á sucesión de escritos da semana pasada nos que a Valedora poñía o seu cargo “a disposición” e presentaba unha renuncia condicionada para sinalar que “se hai renuncia hai renuncia, se non o seu escrito non vale para nada”. Por iso urxiu ao presidente do Parlamento a actuar declarando vacante o cargo e darlle inicio ao proceso de substitución e elección do sucesor.
Nova etapa
O portavoz socialista amosou ademais a súa “sorpresa” polo “empeño” do presidente da Xunta de “cargar as tintas en relación ao adxunto” á Valedora, cando a sentenza do TSXG “indica con claridade as responsabilidades” e exclúe a este cargo. Sinalou que “eu desligaría a súa situación da da Valedora”, que é quen está condenada por facerlle un cargo á medida dunha persoa e condicionar o proceso de elección con “arbitrariedade” e “desviación de poder”.
Puntualizou que “non queremos sacar partido nin bloquear á institución” e reiterou que “somos partidarios de abrir unha nova etapa e de abrila con rapidez, e non se trata de facer un xogo táctico para sacar partido, senón de facer as cousas de acordo coas normas”, e puntualizou que “se non utilizamos as normas para orientarnos en situacións de crise non sei para que serven”.