A portavoz de Urbanismo do Grupo Socialista, María Pierres, dixo no Parlamento que a Lei de Rehabilitación e rexeneración e renovación urbanas de Galicia resulta “insuficiente, decepcionante e covarde”. A responsable socialista interveu no debate final desta norma no Pleno do Parlamento, que foi aprobada polo PP coa abstención do PSdeG porque “prima os intereses do sector privado antes que o público”.
A responsable socialista lamentou que o PP tan só aceptara 34 das 166 emendas do PSdeG, rexeitando as de maior peso para incrementar compromiso, a dotación orzamentaria e a participación nos procesos de rehabilitación. Advertiu que se trata dunha lei na que “só atopamos decepción” e na que “onde tiña que comprometerse opta por desentenderse, onde tiña que incentivar, opta por sancionar, e onde tiña que protexer aposta por desamparar”.
Os socialistas galegos reclamaron o compromiso co patrimonio e maior dotación para as oficinas dos servizos provinciais de Patrimonio, mentres esta norma “delega nas entidades locais a responsabilidade de informar das actuacións nos cascos históricos e nos BIC”. Acusou ao goberno galego de delegar nos concellos debido a “súa crenza de baixa carga de traballo” pero negándolles os fondos adicionais necesarios para contar con servizos adecuados.
Advertiu que a lei “parte da base de culpabilizar aos propietarios e propietarias”, e censurou que non pode pretenderse que unha administración consentidora e pouco atenta coa paisaxe e a protección do patrimonio, agora pretenda resolver o problema a golpe de sancións”. Ademais de que, engadiu, “crea un canon que se aplica nuns casos e non noutros”, e que “só sanciona o abandono nos casos de edificacións en áreas estratéxicas”.
Covarde
A deputada socialista cualificou de “covarde” e “consentidora” a Lei Proposta polo Goberno galego, na que “falta unha sensibilización dos valores culturais do noso patrimonio” e “valentía para afrontar o gravísimo problema da recuperación do patrimonio construído e para afrontar a rehabilitación non só dos centros históricos, senón de todo o patrimonio que conforma cidade”.
Os socialistas acusaron a Consellería de “calar e de incoherente” abrindo a porta á perda de conciencia por parte dos cidadáns sobre o patrimonio. Pierres criticou que o Goberno galego se centre no canon de inmobles en estado de abandono en lugar de “involucrar e incentivar a participación da cidadanía no proceso” e sinalou que “non hai que sancionar a toda a poboación, senón incentivala”.
Criticou tamén que se trata dunha “lei baleira de contido” e que “rezuma postureo” no canto do compromiso e dotación de axudas por parte da Xunta de Galicia coa falta de compromiso no establecemento dos fondos anuais e no cumprimento de prazos e informes “faltando equilibrio e transparencia”. Advertiu que a norma “prima o interese privado sobre o público considerando que este é o único impulsor da actividade de rehabilitación”.
A responsable socialista de Urbanismo defendeu no debate de hoxe a “creación de programas e campañas de sensibilización do patrimonio para os cidadáns galegos, especialmente o patrimonio cultural”.
Introduciu a perspectiva de xénero como un dos piares desta Lei e chamou a que “agora que existe a oportunidade de revisar, rehabilitar, rexenerar e recuperar as cidades, se faga contando non só co modo de moverse e de habitar das mulleres” senón incorporando tamén a “todos os colectivos que tradicionalmente teñen dependido delas, como son os menores, maiores e as persoas dependentes”.