A viceportavoz do Grupo Socialista, Paloma Castro, vén de presentar unha batería de iniciativas parlamentarias para esixirlle á Xunta que aprobe con urxencia un proxecto de actuación para garantir a seguridade viaria na estrada PO-546, coñecida como estrada vella de Marín.
A responsable socialista alerta do “grave risco” que supón o estado “lamentable” dunha estrada que soporta o paso de máis de 200 camións de gran tonelaxe que acceden diariamente á empresa Ence, que inciden sobre un firme que é utilizado habitualmente por ciclistas, que non poden circular pola autovía de Marín, e peóns, entre os que se contan moitos escolares que precisan das beirarrúas en bo estado.
Reclámalle así ao goberno galego que repare o firme da estrada, que leve a cabo as actuacións imprescindibles de mantemento e limpeza das beirarrúas e que repoña a sinalización horizontal e vertical, ademais da instalación de pasos de peóns elevados.
Castro leva ao Parlamento as denuncias dos veciños e veciñas diante do estado de “abandono e desleixo” desta vía, que só acadaron a limpeza e reparación dalgunhas marxes da estrada, o que “en nada mellora o estado no que se atopa nin reduce o risco de sinistralidade”.