A deputada socialista critica a “desatención da Xunta” cando “existen demandas, dende hai anos, que están insatisfeitas” no CEIP Mestre Valverde Mayo e no CEIP Atín Cela
A deputada pola provincia de Pontevedra do Grupo Socialista, Leticia Gallego, mantivo esta mañá unha xuntanza coa voceira do PSdeG no Concello de Mos, Victoria Alonso, para abordar as necesidades dos centros públicos de educación infantil e primaria do municipio.
Gallego urxiu á Xunta a acometer as reformas demandadas polos centros, xa que “se atopan desatendidos pola Xunta”. Así, sinalou que “existen peticións, dende hai anos, que están insatisfeitas” por parte da Consellería de Educación.
No caso do CEIP Mestre Valverde Mayo, a responsable socialista pediu ao goberno galego que “substitúa os falsos teitos, xa que están danados e constitúen unha das maiores preocupacións da Dirección do centro”. Ademais, instou a realizar unha ampliación da cuberta do patio, “xa que resulta claramente insuficiente, máxime nestes momentos nos que hai que manter as distancias de seguridade”.
En canto ao CEIP Atín-Cela, Gallego esixiu á Consellería de Educación que cambie a cuberta do patio, xa que “a actual é insuficiente e está feita de amianto”, o que supón un “risco” para o alumnado.
Gallego anunciou que o Grupo Socialista vén de presentar unha batería de iniciativas no Parlamento de Galicia para instar á Xunta a acometer as citadas actuacións, que xa “malia que xa foron trasladadas ao goberno galego nas emendas aos orzamentos autonómicos de 2021, o PP rexeitounas”.
Por último, a responsable socialista lembrou que a rede de centros públicos dedicados ás ensinanzas de Infantil e Primaria da nosa comunidade “conta cunha antigüidade, na meirande parte dos casos, duns 40 anos, o que fai necesario que a Consellería de Educación deba proceder ás reformas necesarias”.