Categorías: Actualidade

Pablo Arangüena presenta no Debate do Estado da Autonomía unha “estratexia de país” para superar o “estancamento” de Galicia provocado polos gobernos de Feijóo

O viceportavoz do Grupo Socialista, Pablo Arangüena, interveu na última sesión do Debate do Estado da Autonomía, que se celebrou hoxe no Parlamento de Galicia, onde defendeu as 40 propostas de Resolución presentadas polos socialistas galegos. Estas debullan, dixo, unha “estratexia de país” que permita a Galicia superar o “estancamento” provocado por 12 anos de goberno de Feijóo.

Trátase, dixo, dunha batería de propostas –o máximo permitido no debate- “sistemáticas e coherentes” cun modelo de país alternativo dende a socialdemocracia. Arangüena desgranou as propostas, relativas á política económica, política industrial e emprego, sanidade, educación, políticas sociais e modernización da administración, medio ambiente e emerxencia climática ou o equilibro territorial, así como o autogoberno, a mocidade ou a ética pública.

Avogou por corrixir as eivas da Xunta en política industrial cun gran pacto e converter ao Igape nun verdadeiro instrumento de promoción económica que permita frear a descapitalización de Galicia e o balance “desastroso” de investimentos en Galicia. Nesta autonomía en 2020 chegaron 80 millóns de euros de investimento estranxeiro por 1.814 millóns que saíron de Galicia, o que constitúe “a mellor proba do gran fracaso económico do autodenominado gran xestor Feijóo”.

Reclamou consenso nos proxectos que opten aos fondos Next Generation EU, sinaladamente logo de que a propia ministra de Economía tivera que lerlle a cartilla a Feijóo reclamando estratexia e clarificara os proxectos. Arangüena reclamou “pasar da carta aos reis magos á concreción”, porque “non se pode dicir un día que hai 7 proxectos, outro 107 e rematar sinalando 354, todos eles en marcha antes da pandemia”.

Criticou a “gran mentira, estafa e engano á cidadanía” por parte do goberno galego, por canto o 95 por cento dos proxectos que presenta “non son financiables”, e “prefiren gastar en chiringuitos e clientelismo mentres sementan a idea de aldraxe a Galicia para tapar as súas vergoñas”. Unha suposta discriminación a Galicia desmentida polos orzamentos do Estado, que aumentan un 29,3 por cento o investimento destinado a Galicia.

Sobrecustes e ilegalidades

Emprazou ao goberno galego a “recoñecer que a Galicia vaille moito mellor con este goberno que cos de Rajoy”. Puxo como exemplo a construción do AVE, que con Rajoy acumulou “retrasos de 2 anos de media, sobrecustes e ilegalidades” mentres Feijóo “non dicía nin mú”, ata que chegou o goberno de Sánchez, que rematará a infraestrutura en decembro “sen un segundo de retraso”, o mesmo que acadou unha “rebaixa histórica nas peaxes do AVE”.

O Grupo Socialista presentou tamén unha proposta para a “renaturalización de Galicia”, en materia medioambiental, mentres o viceportavoz socialista alerta de que a Xunta “incriblemente segue a incumprir a resolución aprobada en 2019 de declarar a emerxencia climática” en Galicia. Criticou que fagan caso omiso das propostas aprobadas no Parlamento, acorde cunha xestión “dende a opacidade, o nepotismo, o favoritismo e a discrecionalidade”.

Reclamou un plan de control da administración autonómica que “inclúa medidas en transparencia, control da corrupción e da legalidade das designacións de cargos e empregos públicos, para que non sigan inspirándose no modelo Baltar, no que máis do 80 por cento dos contratos e das subvencións repártense a dedo a empresas e concellos afíns ao PP”.

Déficit en políticas sociais

O Grupo Socialista reclamoulle ao goberno galego que corrixa o déficit en política social reforzando os equipos de valoración da discapacidade ou mellorando as políticas de atención á dependencia, e reforzando os investimentos en sanidade. Chamou ao goberno galego a emendar súa a “falla de inversión, de recursos, ou a precariedade laboral nun sistema que por primeira vez rexistra listas de espera en Atención Primaria”.

Arangüena puxo tamén o foco na situación do ensino público, onde a xestión de Feijóo supuxo o peche de 138 colexios en só 12 anos. Reclamoulle que “atenda ás reclamacións da comunidade educativa, porque contan con 1.800 millóns de euros extra en caixa entregados polo Estado dende o inicio da pandemia para, entre outras cousas, reforzar os servizos públicos”.

Acusou ao presidente da Xunta de “tomarnos o pelo” cando anunciou o pasado mércores que ía garantir escolas infantís gratuítas para os nenos e nenas de 0 a 3 para que, hoxe, “presenten vostedes unha proposta de Resolución para pedirlle ao Estado que financie esa gratuidade”. Lembrou que os socialistas galegos levaban a gratuidade das escolas infantís no programa electoral, pero non co “modelo PP, invito eu, pagas ti”.

Autogoberno e diálogo

O parlamentario socialista sinalou a proposta do Grupo Socialista dirixida a “avanzar no autogoberno” para ampliar o nivel de competencias de Galicia, e sinalou que “somos respectuosos co nacionalismo como ideoloxía, e concordamos co BNG no espazo común do galeguismo, pero rexeitamos o separatismo”. Advertiu de que “só conduce a que os ricos se separen dos pobres e a xerar discordia, desorde e pobreza”.

Arangüena defendeu a “máxima vontade de diálogo e consenso”, fronte ao plantexamento “bronco, falaz, demagóximo e indocumentado” por parte do PP, para “competir con Vox” polo espazo da estrema dereita. Sinalou que os socialistas galegos acordaron 7 transaccións propostas polo PP, por tan só dúas que estes admitiron en resposta ás propostas de transacción presentadas polos socialistas galegos.

O debate rematou coa aprobación, entre outras, da proposta socialista para reclamarlle á Xunta un novo modelo de atención e coitados aos maiores, ampliando a rede de centros con 2.000 novas prazas públicas nesta Lexislatura, reforzando os equipos de inspección e retrasando ao máximo o proceso de institucionalización dos maiores.

O responsable socialista sinalou que esta proposta “comeza por non facer a vista gorda ante as irregularidades das grandes empresas do sector”, como sinalou o informe do Consello de Contas de 2017, “poñendo negro sobre branco a conivencia do Goberno de Galicia coa patronal do sector” e as irregularidades e falla de sancións por parte do goberno galego.

Lembrou que a pandemia “destapou as vergoñas da situación na que viven moitos dos nosos maiores e o escándalo de empresas como Domus Vi, nas que persoas amigas do PP se forran e fanse millonarias a costa da saúde dos nosos maiores”. Aludiu á intervención no Parlamento da ex conselleira delegada do emporio residencial, que en plena pandemia “dixo na Comisión de Reactivación que estaba moi orgullosa de facer negocio cos nosos maiores”.

No debate de hoxe foron aprobadas dúas propostas de Resolución presentadas polo Grupo Socialista tal e como foron presentadas, e outras sete foron aprobadas logo de ser transaccionadas co PP.

PROPOSTAS DE RESOLUCIÓN DO GRUPO SOCIALISTA APROBADAS HOXE:

Proposta de Resolución número 3.

– “O Parlamento galego insta a Xunta de Galicia a implantar un plan de dinamización do noso medio rural, que inclúa a posta en marcha da Lei de recuperación de terras para levar a cabo un aumento da base territorial das nosas explotacións; o establecemento de medidas para o control do cumprimento da Lei da cadea alimentaria e de axudas e incentivos para evitar que as explotacións do sector primario produzan por debaixo dos custes de produción; o impulso dun novo modelo forestal que garanta unha verdadeira política forestal sostible diversificando as especies, ciclos e do noso monte; o deseño dun mapa de servizos no rural para garantir o acceso aos servizos públicos básicos”.

Proposta de Resolución número 33.

– “O Parlamento galego insta á Xunta de Galicia a impulsar, en colaboración coas asociacións de mulleres do rural, a elaboración en 2022 do Estatuto da Muller Rural Galega e dun Plan Estratéxico para a Muller Rural de Galicia que contribúan á promoción integral das mulleres, á súa plena participación social e á igualdade de oportunidades real. Este plan, que debera partir dun estudo rigoroso da situación socioeconómica das mulleres do rural galego, deberá contemplar, ao menos, accións dirixidas a promover o acceso das mulleres á formación e ao emprego, así como o desenvolvemento da súa actividade emprendedora no medio rural”.

PROPOSTAS DE RESOLUCIÓN DO GRUPO SOCIALISTA TRANSACCIONADAS E APROBADAS HOXE:

Proposta de transacción entre o G.P. Popular de Galicia e o G.P. dos Socialistas de Galicia verbo da Proposta de Resolución número 13 do G.P. dos Socialistas de Galicia.

– “O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a elaborar, conforme aos principios reitores do novo Plan Estratéxico de Galicia, o Plan de xuventude para os vindeiros anos, que supoña un marco para o desenvolvemento de políticas xuvenís, co fin de promover entre a xente nova unha vida saudable, emancipada e autónoma incluíndo medida”.

Proposta de transacción entre o G.P. Popular de Galicia, o G. P. Socialista verbo das Propostas de Resolución número 15 do G.P. Socialista de Galicia.

– “O Parlamento amosa o seu rexeitamento aos discursos de odio e insta a todas as forzas políticas a rexeitar calquera declaración que atente gravemente contra a dignidade humana, cuestionando os dereitos fundamentais das persoas LGTBI.

Así como a seguir desenvolvendo á Lei 2/2014, do 14 de abril, pola igualdade de trato e a non discriminación das persoas LGTBI, en colaboración co Observatorio Galego contra a discriminación por orientación sexual e identidade de xénero, no relativo á posta en marcha de campañas de sensibilización, información e formación, nos distintos sectores sociais, sobre a realidade das persoas LGTBI”.

Proposta de transacción entre o G.P. Popular de Galicia e o G. P. Socialista verbo das Propostas de Resolución 16 do G. P. Socialista.

– “O Parlamento galego insta a Xunta de Galicia a continuar desenvolvendo as medidas previstas nos plans de goberno dixital e de mellora da xestión dos servizos públicos, así como no programa de integridade institucional, dirixidas á renovación e transformación cara a unha administración dixital, fomentando a mellora continua das prácticas de transparencia e bo goberno, na acción do goberno e na actividade da Administración, tanto a nivel institucional como económico, aumentando a participación cidadá”.

Proposta de transacción entre o G. P. dos Socialistas de Galicia e o G.P. Popular de Galicia verbo da Proposta de Resolución número 26 do G.P. dos Socialistas de Galicia.

– “O Parlamento galego insta á Xunta de Galicia a desenvolver un plan de reactivación do pequeno e mediano comercio que supere o realizado ata este momento, dotado de maior orzamento, que inclúa un plan de reapertura dos pequenos negocios que tiveron que pechar por mor da pandemia para poder reactivar o pequeno e mediano comercio.

Así mesmo, debe impulsarse un Plan de Adaptación Dixital para o pequeno comercio, co obxectivo de mellorar a súa competitividade e manter o seu emprego”.

Proposta de transacción entre o G.P. Popular de Galicia, o G.P. dos Socialistas de Galicia verbo das Propostas de Resolución número 21 do G.P. Popular de Galicia e a número 30 do G.P. dos Socialistas de Galicia.

– “O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a apoiar ás universidades públicas galegas cun financiamento estable para o período 2022-2026 e a propiciar a coordinación dun Sistema Universitario Galego (SUG) moderno e innovador, con titulacións diversificadas que cubran ás necesidades de novos perfís profesionais, e a desenvolver unha investigación universitaria orientada a áreas estratéxicas para Galicia.

Incrementarase a porcentaxe de financiamento estrutural fixada no Plan Galego de Financiamento Universitario, logo dunha revisión pormenorizada dos criterios de cálculo, que permita ás universidades públicas galegas manter un financiamento estable que asegure as súas estruturas e que non estean tan condicionados a resultados ou obxectivos.

Así mesmo, incrementar o orzamento do capítulo dedicado á investigación universitaria en todos os seus programas, fortalecendo e/ou mellorando os existentes e lanzando novas iniciativas que aseguren o mantemento de estruturas e do capital humano investigador”.

Proposta de transacción entre o G.P. Popular de Galicia, o G. P. do Grupo Socialista verbo das Propostas de Resolución número 32 do Grupo Socialista.

– “O Parlamento galego insta á Xunta de Galicia a publicar o antes posible o Plan galego integral de loita contra a explotación sexual e trata, que está elaborando coa Rede Galega contra a Trata, que integra ás entidades que traballan neste campo e que inclúe accións de asistencia e protección ás vítimas; de educación e formación; de inserción laboral; de sensibilización, prevención e investigación; de coordinación e cooperación”.

Proposta de transacción entre o G.P. Popular de Galicia e o G.P. dos Socialistas de Galicia verbo da Proposta de Resolución número 36 do G.P. dos Socialistas de Galicia.

– “O Parlamento galego insta á Xunta de Galicia a desenvolver un novo modelo de atención e coidados ós nosos maiores que inclúa ampliar a rede de centros residenciais para crear preto de 2.000 novas prazas residenciais públicas no que queda de lexislatura e reforzar os equipos de inspección dependentes da Consellería de Política Social para incrementar a supervisión destes centros de maiores, así como retrasar o máximo posible o proceso de institucionalización dos nosos maiores mellorando o coidado domiciliario e coordinando mellor os recursos dispoñibles”.

Compartir
Publicado por
PSdeG

Últimas novas

Carmen Dacosta lamenta que o PP se opoña a cubrir as catro prazas de pediatra do Centro de Saúde de A Ponte -Ourense-

Alerta de que o goberno galego deixa sen cubrir dúas das catro prazas, provocando esperas de quince días ou nenos…

02/05/2024 14:04

Paloma Castro considera “incomprensible” a negativa do PP a resolver os problemas viarios provocados pola ampliación da vía de acceso ao Montecelo

Esíxelle á Xunta e Concello que “deixen de tirarse a pelota uns aos outros e resolvan un problema serio para…

02/05/2024 14:02

Besteiro reivindica no Primeiro de Maio logros socialistas como a suba do salario mínimo e das pensiones

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, reivindicou hoxe en Lugo “os logros que teñen conseguido os socialistas,…

01/05/2024 21:13

Besteiro impulsa unha liña de acción política do PSdeG dende o Parlamento para a rexeneración democrática en Galicia

O portavoz do Grupo Socialista empraza a Rueda a clarificar na próxima sesión de control “se segue a doutrina Ayuso…

30/04/2024 13:06

Besteiro esíxelle á dereita responsabilidade e compromiso coa rexeneración democrática

O secretario xeral dos socialistas de Galicia, José Ramón Gómez Besteiro, esixiulle hoxe á dereita “que se comprometa de xeito…

29/04/2024 10:48

Besteiro chama á “unidade de acción” para “reactivar” ao PSdeG en torno a un proxecto autónomo

O secretario xeral do PSdeG clausura o Congreso Extraordinario no que se aprobou unha nova Executiva paritaria con Luis Ángel…

28/04/2024 14:24