Categorías: ActualidadeNovasParlamento de GaliciaPortada

Pablo Arangüena pídelle á Xunta que abra unha investigación e que asuma responsabilidades pola “grave neglixencia” no caso dos sobrecustes da Cidade da Cultura, que lle custou 300.000 euros ao erario público

Lamenta a absoluta falta de explicacións e de transparencia do goberno galego por un erro que que impediu opoñerse a unha reclamación xudicial de xuros a favor de FCC

O deputado socialista, Pablo Arangüena, instou hoxe ao goberno galego a abrir unha investigación para aclarar os motivos polos cales non se contestou a unha resolución xudicial sobre as reclamacións da empresa FCC polos sobrecustes na Cidade da Cultura. Tamén demandou que a Xunta cuantifique o custe ás arcas públicas da falta de contestación a esa resolución e que depure as responsabilidades que procedan, establecendo os mecanismos para que non volva repetirse unha situación semellante.

Pablo Arangüena realizou estas peticións hoxe na Comisión Institucional do Parlamento, onde evidenciou a “grave neglixencia” do goberno galego neste asunto, que, segundo os cálculos da propia Fundación Cidade da Cultura, lle custou preto de 300.000 euros en xuros ao erario público. “Con 300.000 euros pódense facer un montón de cousas”, zanxou Arangüena, “pero a Xunta perde 300.000 euros porque di que os correos do xulgado entran como spam, algo inaudito senón estivésemos afeitos á súa constante incompetencia”.

Así, tras preguntarlle por esta cuestión ao goberno galego, Pablo Arangüena lamentou a absoluta falta de explicacións con respecto a unha situación, que se atribúe a unha serie de circunstancia pero sen concretar cales foron. “Resulta incomprensible” subliñou, “que a Xunta cometa un erro desta magnitude e ninguén dea unha explicación nin remotamente satisfactoria sobre cales foron as circunstancias que impediron alegar o cálculo de xuros formulado pola construtora FCC”.

Como mostra da “falta de transparencia” da Xunta neste caso, Pablo Arangüena tamén criticou que deixase de contestar a petición dun medio de comunicación sobre este tema e que, “”cando se viron obrigados a facelo pola Valedora do Pobo, tampouco aclararon nada”. “Nunha empresa privada”, remarcou, “esta situación implicaría dimisións ou cando menos a asunción de responsabilidades”.

“Despois da intervención do comparecente”, criticou Arangüena, “chegamos á conclusión de que non hai outra explicación desta neglixencia que o mal funcionamento da asesoría xurídica da Xunta e a mala organización do sistema de comunicacións interno”.

Na súa intervención, o deputado socialista explicou que a finais de 2019 o Tribunal Supremo deu a razón á construtora FCC nunha demanda interposta por sobrecustes na construción do Museo da Cidade da Cultura. Eses sobrecustes foron estimados en arredor de 2,5 millóns de euros, pero quedaban por concretar os xuros de demora que implicaran. O xulgado de primeira instancia de Santiago no que comezara o caso iniciou o proceso de execución de sentenza e a construtora formulou unha petición de xuros de 1.005.377,20 euros.

Ese cálculo foille trasladado polo xulgado á Xunta dándolle dez días para que contestase alegando o seu acordo ou desacordo. Porén, “transcorrido con creces o prazo de dez días” sen resposta da Xunta, o xulgado ditou un decreto polo que aprobaba a liquidación de 1.005.377,20 euros en xuros.

Nese momento a Xunta tentou sen éxito recorrer primeiro ante o xulgado e despois ante a Audiencia da Coruña esa resolución xudicial, alegando que a comunicación do xulgado “chegou ao denominado Sistema de Seguimento de Preitos, pero non á conta de correo electrónico corporativo da letrada encargada nese momento do procedemento, que non recoñeceu a comunicación e a arquivou directamente como spam”.

A Xunta acompañou para apoiar as súas alegacións un informe emitido polo xerente de Amtega. No seu recurso ante a Audiencia a Xunta argumentou que rexeitar a súa petición de volver ao momento procesual no que debía emitir a súa propia estimación dos xuros suporía “un grave dano ao erario”.

Xa a principios de 2021, unha resolución da Audiencia provincial da Coruña confirmou a decisión do xulgado de primeira instancia de fixar en 1.005.377,20 euros os xuros a pagar pola Xunta a FCC e contestoulle á Xunta que “a defensa do erario público incumbe de modo especial á recorrente, que debe velar pola correcta recepción das comunicacións”.

Por outra banda, en xaneiro de 2022, unha resolución da Comisión da Transparencia dependente da Valedora do Pobo deixa constancia de incumprimentos da Lei de transparencia por parte da Xunta (en concreto da Amtega) na xestión da información solicitada en relación con este asunto polo medio de comunicación que publicou as informacións sobre este asunto.

A resolución concluíu instando a Amtega a responder á petición de información nun prazo máximo de 10 días hábiles e a enviarlle en 15 días á Comisión da Transparencia copia do envío desa información para poder supervisar que así o fixo. Con todo, o que se remitiu foi un informe dun folio no que non se explica nin se xustifica como se produciu o erro que alegou a Xunta ante o xulgado”.

En conclusión, a día de hoxe, “segue sen aclararse o motivo da neglixencia que lle vai custar 300 mil euros ao erario público”, finalizou Pablo Arangïena.

Compartir
Publicado por
PSdeG-PSOE

Últimas novas

Besteiro reivindica no Primeiro de Maio logros socialistas como a suba do salario mínimo e das pensiones

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, reivindicou hoxe en Lugo “os logros que teñen conseguido os socialistas,…

01/05/2024 21:13

Besteiro impulsa unha liña de acción política do PSdeG dende o Parlamento para a rexeneración democrática en Galicia

O portavoz do Grupo Socialista empraza a Rueda a clarificar na próxima sesión de control “se segue a doutrina Ayuso…

30/04/2024 13:06

Besteiro esíxelle á dereita responsabilidade e compromiso coa rexeneración democrática

O secretario xeral dos socialistas de Galicia, José Ramón Gómez Besteiro, esixiulle hoxe á dereita “que se comprometa de xeito…

29/04/2024 10:48

Besteiro chama á “unidade de acción” para “reactivar” ao PSdeG en torno a un proxecto autónomo

O secretario xeral do PSdeG clausura o Congreso Extraordinario no que se aprobou unha nova Executiva paritaria con Luis Ángel…

28/04/2024 14:24

O PSdeG esíxelle a Feijoo que pare coa “deriva antidemocrática” e empraza a Rueda a apartarse do “vergoñento argumentario de Génova”

A presidenta do PSdeG, Carmela Silva, dirixiuse hoxe ao PP para esixirlles que “paren esta deriva antidemocrática” de “bulos, ameazas,…

26/04/2024 14:36

Lara Méndez aplaude a reforma da PAC, que cualifica de “oportunidade” para os agricultores galegos

Sinala que a redución da carga burocrática e as esixencias aos agricultores e gandeiros de explotacións de menos de 10…

25/04/2024 13:28