Categorías: Actualidade

Orzamentos 2020: Mobilizar 427 millóns de euros para un proxecto “máis social, máis centrado no emprego e con contido medioambiental”

O portavoz do Grupo Socialista, Xoaquín Fernández Leiceaga, reclamou hoxe mobilizar un total de 427 millóns de euros dos Orzamentos da Xunta para o ano 2020 co obxectivo de acadar un proxecto “máis social, máis centrado no emprego e con contido medioambiental”. Presentou a emenda transversal que inclúe cambios entre partidas modificando as prioridades nas contas para o próximo ano, e que foi rexeitada polo PP.

Fernández Leiceaga reivindicou “outra política que corrixa as carencias e rectifique as prioridades equivocadas da Xunta de Galicia, que fomente o emprego de calidade e a modernización económica cun crecemento inclusivo”. Sinalou que “outra política orzamentaria é posible”, que “reduza a desigualdade e promova a mellora dos servizos sociais, atendendo á emerxencia climática”.

Situou ao emprego como prioridade do proxecto socialista, cunha “estratexia de loita contra o desemprego” consensuada incluíndo consignacións adicionais para políticas activas de emprego, priorizando o apoio aos traballadores máis mozos, parados e paradas de longa duración e potenciando o emprego feminino”. Reclamou ademais “unha nova liña de actuación para prover o retorno de persoas que residen fora” ou o reforzo das oficinas de emprego”.

O responsable socialista reclamou rectificar as prioridades orzamentarias para centrarse no impulso ao crecemento económico inclusivo, incorporando un Plan para unha transición enerxética xusta, coa intervención da Xunta en programas conxuntos das comarcas afectadas pola descarbonización. Reclamou unha dotación para actuacións en materia de industrias electrointensivas que posibilite alternativas viables para as zonas afectadas.

Propuxo tamén rectificar a política industrial para combinar a transición enerxética coa dinamización do solo empresarial, así como un plan de xestión para o desenvolvemento empresarial no rural ou un Plan para a formación de persoal nos sectores metalmecánicos. Tamén reivindicou o apoio á recuperación e impulso en materia de I+D+i co obxectivo de recuperar os niveis de financiamento que tiña en 2009.

Políticas Sociais

As propostas socialistas inclúen tamén a reposición das dotacións de persoal tanto na sanidade como na educación públicas, afrontando as infraestruturas sanitarias pendentes e as obras de mantemento urxentes nos centros educativos de Galicia. Sinaladamente en materia educativa, dixo, incorporan unha política de bolsas de estudos “máis potente”, así como intensificar os programas de prevención do fracaso escolar, de linguas estranxeiras e reposición informática.

Os socialistas galegos reclaman ademais un novo plan de financiamento, e reforzar o programa de bolsas de formación tanto nos diferentes postgraos como garantir a gratuidade nas primeiras matrículas, compensando ás universidades con fondos autonómicos.

Fernández Leiceaga propuxo unha serie de medidas dirixidas a reducir a fenda social e loitar contra a pobreza e a desigualdade, incrementando o número de persoas perceptoras dunha renda social, desenvolver algúns dos edificios públicos que prestarán unha atención residencial ás persoas de maior idade, e ampliando a rede de centros de día. Tamén inclúe o reforzo dos servizos sociais prestados a través das entidades locais e garantir a gratuidade na educación de 0 a 3.

Os socialistas galegos reclaman ademais o “reforzamento significativo” das axudas para o aluguer e as axudas á rehabilitación, ademais dunha rectificación radical da política do goberno galego en materia de infraestruturas, incrementando o investimento produtivo e encetando actuacións para aumentar a seguridade viaria. O responsable socialista propuxo aumentar as actuacións en estacións intermodais e promover o transporte público galego.

Ademais, incorpora propostas de impulso da política ambiental dirixidas a avanzar na transición hidrolóxica do ciclo da auga co saneamento das rías e plans medioambientais de mellora, con actuacións de depuración e abastecemento de auga en núcleos que carecen actualmente deste servizo básico. Reclamou reforzar a defensa e protección dos espazos naturais promovendo unha menor dependencia da carbonización.

Finalmente, os socialistas galegos propoñen medidas específicas contra a violencia de xénero, incluíndo ampliar a rede de Centros de Información á Muller, a posta en marcha de centros de acollida e o incremento de puntos de encontro.

Alertou ademais da ausencia da Memoria Histórica do proxecto de Orzamentos para 2020, e reclamou así un plan galego para a exhumación de vítimas do franquismo, actos de recoñecemento e reparación das vítimas e a retirada de simboloxía franquista.

Ingresos

O portavoz socialista propuxo variar o 4,15 por cento dos orzamentos da Xunta, ata 427,9 millóns de euros, incrementando os ingresos previstos en 227 millóns de euros cumprindo a normativa de estabilidade orzamentaria. Defendeu unha política de ingresos “non conformista e máis progresista”, incrementando a fiscalidade ás maiores rendas, modificando os tipos nos tramos máis altos do IRPF, por enriba de 47.600 euros.

Tamén reclamou manter o mínimo exento no imposto de Sucesións nos 400.000 euros por herdeiro mais a vivenda habitual, e diminuír o mínimo exento no imposto sobre o Patrimonio ata os 400.000 euros e manter os tipos previos á entrada en vigor da reforma do ano pasado que os rebaixou un 20 por cento.

Tamén propuxo o reforzo da fiscalidade “verde” ás empresas contaminantes e unha acción fiscal “máis decidida” sobre as grandes superficies comerciais, incrementando o gravame polo aproveitamento da auga encorada, ademais de mellorar a xestión recadatoria e dos ingresos propios de entidades como o Sergas ou o IGVS.

Compartir
Publicado por
PSdeG

Últimas novas

Besteiro impulsa unha liña de acción política do PSdeG dende o Parlamento para a rexeneración democrática en Galicia

O portavoz do Grupo Socialista empraza a Rueda a clarificar na próxima sesión de control “se segue a doutrina Ayuso…

30/04/2024 13:06

Besteiro esíxelle á dereita responsabilidade e compromiso coa rexeneración democrática

O secretario xeral dos socialistas de Galicia, José Ramón Gómez Besteiro, esixiulle hoxe á dereita “que se comprometa de xeito…

29/04/2024 10:48

Besteiro chama á “unidade de acción” para “reactivar” ao PSdeG en torno a un proxecto autónomo

O secretario xeral do PSdeG clausura o Congreso Extraordinario no que se aprobou unha nova Executiva paritaria con Luis Ángel…

28/04/2024 14:24

O PSdeG esíxelle a Feijoo que pare coa “deriva antidemocrática” e empraza a Rueda a apartarse do “vergoñento argumentario de Génova”

A presidenta do PSdeG, Carmela Silva, dirixiuse hoxe ao PP para esixirlles que “paren esta deriva antidemocrática” de “bulos, ameazas,…

26/04/2024 14:36

Lara Méndez aplaude a reforma da PAC, que cualifica de “oportunidade” para os agricultores galegos

Sinala que a redución da carga burocrática e as esixencias aos agricultores e gandeiros de explotacións de menos de 10…

25/04/2024 13:28

O Grupo Socialista esíxelle a Feijóo e ao PP que “poñan fin” á oposición “máis sucia da democracia”

Lara Méndez lembra a estratexia de “mentira e acoso” político xudicial coas que atacaron aos socialistas galegos, dende Besteiro aos…

25/04/2024 12:57