Categorías: Actualidade

Orzamentos 2019: ideoloxía vergonzante

O portavoz de Economía do Grupo Socialista, Abel Losada, criticou a “ideoloxía vergonzante” que destila dos Orzamentos da Xunta para 2019. No debate do ditame de Orzamentos en Comisión que comezou esta mañá, o responsable socialista reclamoulle á Xunta que utilice a marxe de déficit autorizada por Bruxelas e aumentarlle a carga fiscal ás grandes fortunas para reforzar os servizos públicos.

Losada criticou que o PP “cada vez que fala ratifica unha ideoloxía vergonzante”, logo de que o seu portavoz equiparara hoxe a proposta de subir os impostos ás grandes fortunas con “meter a man nos petos” dos máis ricos. O responsable socialista replicou desafiando a que “digan que están en contra de que os que gañan 3.200 euros paguen un pouco máis para que os que gañan menos de 900 teñan sanidade e educación pública de calidade”.

O portavoz socialista explicou que “incrementar a presión fiscal non significa meterlle a man no peto a ninguén, significa que a aqueles que fan enxeñería fiscal ou teñen fondos opacos en Panamá lles sexa polo menos máis difícil”.

Logo de que o PP preguntara “para que” son necesarios máis recursos, replicou que “para que no PAC da Estrada –no que morreu un paciente desatendido- houbera un médico, para que os comedores sociais non teñan que ser pagados polos concellos, ou para que sexa a Xunta, que ten a competencia, a que faga a cidade de FP de Vigo e non a Zona Franca”.

Esixiulle ao goberno galego que “exerzan as súas competencias” e acusounos de “mentir” ao sinalar que Galicia está creando “máis emprego que España” logo de que no último mes o paro aumentara un 0,37 por cento en Galicia e en España diminuíra un 0,1 por cento. Lembrou que dende 2009 en Galicia hai 77.000 ocupados menos, un 5,2 por cento, mentres no conxunto do Estado aumentaron un 2,25 por cento de acordo coa EPA.

Advertiu que “non é certo” que o emprego estea funcionando mellor en Galicia que no resto do Estado cando o número de parados aumentaron nun 5 por cento dende que goberna Feijóo, mentres no Estado diminuíron un 19,3 por cento.

Emendas ao articulado

O responsable socialista defendeu hoxe as 73 emendas ao articulado dos Orzamentos que se manterán ata o debate final no Pleno do Parlamento, logo da aprobación de 4 propostas e unha transacción sobre cuestións fundamentalmente técnicas. Losada dividiu as emendas socialistas en 7 grandes bloques, comezando precisamente polo aumento do uso da marxe adicional do déficit autorizada por Bruxelas.

Tamén reclamou a mellora da utilización dos fondos públicos, reorganizando a presión fiscal de forma que aumente un pouco sobre as grandes fortunas, reducindo o recurso ao ensino concertado onde non é necesario, e loitando contra a especulación no chan industrial. Outro gran bloque está centrado no incremento da transparencia e do bo goberno, coa redución de gastos innecesarios, vetando ademais os contratos público privados nos servizos sociais.

Losada propuxo o reforzo das políticas sociais, fundamentalmente sanidade e educación, así como da Risga e as aportacións á Dependencia, así como dignificar e reforzar os servizos públicos cun emprego público “en cantidade e calidade” porque, explicou, “non vale engadir plantas en hospitais se non hai enfermeiros e médicos que os atendan”.

Outro gran bloque está centrado no reforzamento dos dereitos laborais e, finalmente, dirixiu a última serie de propostas ao apoio ás corporacións locais, no reforzo dos fondos, a transparencia de axudas e reforzo de mancomunidades e agrupacións de concellos.

Compartir
Publicado por
PSdeG

Últimas novas

O PSdeG esíxelle a Feijoo que pare coa “deriva antidemocrática” e empraza a Rueda a apartarse do “vergoñento argumentario de Génova”

A presidenta do PSdeG, Carmela Silva, dirixiuse hoxe ao PP para esixirlles que “paren esta deriva antidemocrática” de “bulos, ameazas,…

26/04/2024 14:36

Lara Méndez aplaude a reforma da PAC, que cualifica de “oportunidade” para os agricultores galegos

Sinala que a redución da carga burocrática e as esixencias aos agricultores e gandeiros de explotacións de menos de 10…

25/04/2024 13:28

O Grupo Socialista esíxelle a Feijóo e ao PP que “poñan fin” á oposición “máis sucia da democracia”

Lara Méndez lembra a estratexia de “mentira e acoso” político xudicial coas que atacaron aos socialistas galegos, dende Besteiro aos…

25/04/2024 12:57

Carmen Dacosta esíxelle á Xunta que resolva o colapso da área sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras

Carmen Dacosta alerta da situación límite dos servizos de Urxencias, Oftalmoloxía, Rehabilitación e Atención Primaria e as deficiencias materiais na…

25/04/2024 12:32

Paloma Castro reclama máis persoal e recursos para os xulgados que tratan casos de violencia de xénero

Lembra que só o 30 por cento das vítimas presentan denuncia e emprazou á Xunta a presentar un Plan para…

24/04/2024 13:08

Paloma Castro pídelle á Xunta que habilite a cobertura do espazo deportivo do CEIP Ponte Sampaio, en Pontevedra

Paloma Castro sinala que os escolares “merecen un entorno axeitado” e un espazo cuberto no que practicar deporte e que…

24/04/2024 12:41