

Aitor Bouza, sobre o plan estratéxico de Sogama para o período 2025-2030: “Nin é plan, nin é estratéxico, nin é para 2030. Segue a inercia do mesmo sistema caduco”
O deputado socialista defendeu que a transición ecolóxica “non é unha opción, senón unha obriga que debera ser tamén unha oportunidade”
O deputado socialista Aitor Bouza reivindicou hoxe en comisión parlamentaria un cambio do modelo de xestión de residuos e que Sogama se marque “compromisos concretos coa redución de residuos en orixe e a reciclaxe, e que deixe de recorrer á incineración”. Bouza sinalou que a transición ecolóxica “non é unha opción, senón unha obriga que debera ser tamén unha oportunidade”.
Por iso lamentou que o plan estratéxico para o período 2025-2030 que a sociedade pública presentou hoxe en comisión “nin é un plan, nin é estratéxico, nin é para 2030”. Apoiou esa afirmación en que ao documento orixinal, que marcaba como horizonte o 2027, “cambiáronlle o nome e as gráficas” sen achegar máis novidade, de modo que “a verdadeira noticia é que non van chegar ao 2027”.
O parlamentario do PSdeG lamentou que no documento non haxa “nada novo” que dea resposta á “necesaria” transición ecolóxica, que “non é unha opción, Senón unha obriga que debera ser tamén unha oportunidade”. Pola contra, o que si fai a Xunta é “criticar outras plantas” de reciclaxe e modelos de xestión e dedicar esforzos “a facer fiscalización da oposición, a confrontar”. Mais de cambio de modelo, “nada de nada”.
Bouza asegurou que a falta de propostas por parte de Sogama indica que “continúa a inercia do mesmo sistema caduco, que se perpetúa, a falta de ambición e a ausencia de cambios estruturais”.
“Aumentaron a reciclaxe e reduciuse a xeración de residuos? Avanzamos nun sistema sostible?”, preguntouse para responder que “a realidade é que non”. Así, insistiu en esixir un novo modelo “que aposte pola reutilización de residuos e pola reciclaxe, e non pola incineración”, e que deixe de “castigar” aos concellos e a unha cidadanía “que ten dereito a saber canto custa o sistema e que resultados está dando”.