

A deputada socialista Paloma Castro reclama un proxecto específico sobre o Patronato de Protección a la Mujer e denuncia a falta de políticas activas de memoria en Galicia desde 2012
A recuperación da memoria das mulleres represaliadas centrou hoxe a intervención da deputada socialista Paloma Castro na Comisión, onde cuestionou a falta de actuación da Xunta neste ámbito.
Castro situou o debate no marco do 95 aniversario da Segunda República, que definiu como unha etapa de avances sociais truncada polo golpe de Estado do 36. Lembrou que tamén as mulleres foron protagonistas dese momento histórico, citando figuras como Clara Campoamor ou Federica Montseny, e puxo o foco en nomes propios de Galicia que representan ese compromiso coa liberdade e coa democracia.
Pero a intervención foi máis alá da reivindicación simbólica. A deputada puxo o acento no que aínda falta por facer: “Cando falamos de historia, as mulleres seguimos a ser, demasiadas veces, personaxes secundarios”, advertiu, para introducir a súa proposta: impulsar desde a Xunta un proxecto de recuperación da memoria democrática centrado nas mulleres galegas. Unha proposta que cobra especial sentido ao falar dunha das realidades máis silenciadas do franquismo: o Patronato de Protección a la Mujer.
Castro describiu esta institución como un sistema de control sobre a poboación feminina que, baixo a idea de “dignificación moral”, acabou converténdose nun espazo de represión. Entre 1941 e 1985, milleiros de mozas foron internadas en centros xestionados por ordes relixiosas, onde sufriron abusos, explotación e vulneración dos seus dereitos fundamentais.
En Galicia, lembrou, existiu unha rede de centros vinculados a este Patronato, desde Lugo ata Vigo, pasando por Ferrol, Compostela, Ourense ou A Coruña. Lugares nos que moitas mulleres foron obrigadas a traballar sen dereitos e sometidas a un control estrito sobre as súas vidas. A deputada insistiu en que esta parte da historia segue sendo pouco coñecida e pouco recoñecida. E sinalou directamente á responsabilidade institucional.
Así, sinalou que “o Goberno galego está en débeda con todas elas”, afirmou, reclamando un proxecto de investigación que permita coñecer o alcance real do Patronato de la Mujer en Galicia, visibilizar ás vítimas e avanzar no seu recoñecemento e reparación.
Na súa réplica, Castro foi máis directa. Falou dunha realidade que “parece de película de terror, pero foi real”, na que mulleres consideradas “desviadas” eran encerradas, vixiadas e castigadas. “Chamábanlle reeducación. Pero era represión”, resumiu.
A deputada preguntou á Xunta se considera suficiente o que está facendo neste ámbito e advertiu de que non chega con actos puntuais ou homenaxes simbólicas. “Non estamos falando só de poñer en valor referentes individuais. Estamos falando de facer xustiza colectiva”, subliñou.
Castro lembrou que o Goberno de España anunciou a creación dunha subcomisión específica para investigar as vulneracións de dereitos humanos no marco do Patronato, e apuntou que Galicia ten aí unha oportunidade para implicarse e colaborar. Fronte a iso, criticou a falta de políticas activas de memoria por parte do Executivo galego, ao que acusou de levar anos sen avances neste ámbito. “Onde está o recoñecemento oficial ás vítimas? Onde están as medidas de reparación?”, preguntou.
A socialista pechou a súa intervención cunha advertencia clara sobre o risco de seguir mirando cara outro lado. “Silenciar o que aconteceu non é neutral, supón negar ás vítimas o dereito á verdade e perpetuar a impunidade. E tamén lanzar unha mensaxe perigosa: que a violencia exercida contra as mulleres pode quedar sen nome, sen responsabilidade e sen reparación.
Paloma Castro concluiu sinalando que “un país que cala ante isto non está só esquecendo o seu pasado. Está fallando no seu compromiso coa xustiza e coa igualdade”, concluíu.