

Patricia Iglesias chamou a Rueda a abandonar as “loitas estériles para bailarlle a auga a Feijoo” e a planificar e negociar as transferencias de competencias
Patricia Iglesias advertiulle hoxe ao PP que a conflitividade institucional “ten límites” e invitou á Xunta a defender as competencias autonómicas de Galicia, “pero non para confrontar por consignas de Génova 13”. A deputada socialista lamentou esta mañá en comisión parlamentaria as “loitas estériles” de Rueda “para bailarlle a auga a Feijoo” e invitouno a abandonalas.
Iglesias recordou que hai expedientes de traspasos nos que se pode avanzar, coma os permisos de traballo para migrantes ou as competencias sobre aeródromos que non son de interese estatal, e instou ao Goberno galego a impulsar acordos en lugar de recursos de constitucionalidade, porque “a cooperación funciona”.
A parlamentaria do PSdeG recriminoulle ao PP que logo de 17 anos no Goberno da comunidade o seu balance no reforzo das competencias sexa “insuficiente”, cando non “inexistente”, algo que “non é propio dunha nacionalidade histórica”. Nese senso, recordou que o número de competencias asumidas neses case dous decenios foi “moi limitado” debido á “ausencia dunha estratexia sostida de ampliación do autogoberno”. Fronte a iso, reclamou “planificación, negociación e execución efectiva”.
Expedientes pendentes de resposta por parte do Goberno do PP
Patricia Iglesias afondou na situación das transferencias anteditas. No caso dos permisos de traballo para persoas estranxeiras, subliñou que existe un acordo sobre o contido e xa se remitiu unha valoración do custo efectivo por parte do Goberno central. “Estamos pendentes da resposta da Xunta”. No referido aos aeródromos hai, igualmente, tanto un texto acordado como unha valoración económica, “pero tamén se está pendente de resposta por parte da Xunta”.
Así, mentres os dous expedientes máis avanzados “están nunha fase que depende da Xunta”, obsérvase un incremento da conflitividade xurídica, “con seis recursos de inconstitucionalidade interpostos pola Administración autonómica contra a do Estado”. Iglesias advertiu que, con todo, esa actividade procesual “non sempre se traduce en resultados útiles para o autogoberno” e insistiu en que “non é a vía normal de relacións bilaterais”.