

O deputado socialista denuncia o deterioro da sanidade pública, critica a repetición de anuncios sen executar e alerta da deriva cara á privatización de dereitos
Torrado puxo o foco nos datos do informe do Consello Económico e Social de Galicia, que cualificou de especialmente preocupantes: máis dun 7% da poboación sufriu no último ano un trastorno mental severo e máis dun 4% da poboación tivo ideas suicidas ao longo da súa vida
O portavoz de Sanidade do Grupo Parlamentario Socialista, Julio Torrado, advertiu hoxe de que a política sanitaria da Xunta sae peor do Debate do Estado da Autonomía, cun Goberno que, sinalou, repite anuncios sen executar solucións e evita afrontar os problemas de fondo: “Entramos cunha política sanitaria mala e saímos cunha política sanitaria peor”, resumiu.
No ámbito da Atención Primaria, Torrado sinalou que o presidente da Xunta volveu anunciar medidas que xa foran presentadas en anos anteriores, sen que se materializasen cambios estruturais no funcionamento do sistema. Segundo indicou, o debate evidenciou a falta de planificación e de execución por parte do Goberno galego.
En relación coa organización da Atención Primaria, criticou tamén os cambios impulsados polo propio PP nos últimos anos, lembrando que estruturas existentes foron eliminadas e posteriormente recuperadas sen que iso se traducise nunha mellora real da asistencia.
En saúde mental, puxo o foco nos datos do informe do Consello Económico e Social de Galicia, que cualificou de especialmente preocupantes: máis dun 7% da poboación sufriu no último ano un trastorno mental severo e máis dun 4% da poboación en Galicia tivo ideas suicidas ao longo da súa vida.
Advertiu de que estes datos evidencian a magnitude do problema e a falta de resposta por parte da Xunta. Neste sentido, subliñou tamén que seis de cada dez persoas que acoden a servizos de saúde mental en Galicia o fan no ámbito privado debido á falta de acceso en tempo razoable no sistema público, o que, ao seu xuízo, supón unha privatización de feito deste dereito.
O portavoz socialista criticou que a principal resposta do Goberno galego siga sendo o anuncio reiterado dun novo plan de saúde mental, sen avances efectivos na súa posta en marcha.
O PSdeG levará ao vindeiro pleno unha iniciativa centrada no reforzo de persoal e nun cambio do modelo asistencial, apostando por unha maior integración entre Atención Primaria e saúde mental para mellorar o acceso e evitar a perda de pacientes no proceso.
Torrado referiuse tamén ao debate aberto polo Executivo galego sobre as baixas laborais e puxo o foco nas condicións que poden estar detrás destas situacións. Así, lembrou o elevado consumo de antidepresivos en Galicia e engadiu factores como a precariedade laboral e os baixos salarios, preguntándose se “non son motivos para unha baixa laboral”. Ademais, insistiu en que o PP, “en vez de actuar sobre as causas, o que fan é sinalar ao eslabón máis débil, que é o traballador”.
Neste contexto, cuestionou a intención de dar maior protagonismo ás mutuas na xestión das baixas, ao entender que supón un cambio de modelo que pode afectar á independencia na toma de decisións clínicas. Por iso, o Grupo Socialista rexistrará unha pregunta no Parlamento para que a Xunta explique as razóns deste enfoque e detalle as medidas que pretende impulsar neste ámbito.
O balance final, concluíu, é claro: unha Atención Primaria con problemas estruturais, unha saúde mental sen resposta suficiente e unha liña de actuación que, segundo indicou, pode supoñer un retroceso na protección dos dereitos dos traballadores.
“E como dixen ao inicio, entramos cunha política sanitaria mala e saímos cunha política sanitaria peor”, senalou Torrado.