

Silvia Longueira alertou de que a antiga CRTVG está utilizando unha modalidade excepcional, a contratación artística, para cubrir funcións ordinarias, “evitando na práctica os mecanismos previstos” e os principios “de igualdade, mérito, capacidade, transparencia e legalidade”
A deputada socialista Silvia Longueira denunciou hoxe en comisión parlamentaria que a Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia (CSAG), antiga CRTVG, cometeu “unha infracción grave en materia de relacións laborais” ao recorrer a unha contratación artística para cubrir funcións ordinarias na Radio Galega. Tal como sinalou, así o acreditou a Inspección de Traballo, que iniciou un expediente sancionador contra o ente público.
Longueira subliñou que o informe do inspector recolle que CSAG recorreu a esa figura contractual malia a que o posto non reunía os requisitos legais para ser considerado de actividade artística. Tratábase da dirección, presentación e realización de entrevistas nun espazo radiofónico.
A parlamentaria do PSdeG criticou o modus operandi da Corporación, “baseado en infrinxir constantemente a legalidade laboral, saltando normas básicas do Estatuto dos Traballadores, do convenio colectivo da propia CRTVG e incluso da nova Lei dos Medios Públicos de Galicia”. A iso engadiu que a empresa “acumula centos de sentenzas vinculadas á contratación fraudulenta” e lamentou que, lonxe de rectificar, “insiste no mesmo modelo”.
“Nun ente público non vale todo”, afirmou Silvia Longueira. Defendeu que a contratación pública, “tamén nas sociedades públicas”, debe rexerse por principios “moi claros: de igualdade, mérito, capacidade, publicidade, transparencia e legalidade”. Polo tanto, “utilizar unha modalidade excepcional, coma a contratación artística, para cubrir funcións ordinarias da Radio Galega, evitando na práctica os mecanismos previstos tanto no convenio coma na propia normativa pública”, leva a unha pregunta: “Crese impune a dirección da CSAG?”.
A deputada socialista lamentou que mentres se producen esas irregularidades “segue deteriorándose a estrutura propia da Radio Galega e da TVG”, a través de “externalizacións permanentes e contratacións excepcionais”.