
Julio Torrado esíxelle ao xerente do Sergas que explique se unha espera de 9 meses para Xinecoloxía só computa o día de espera dende a chamada á paciente para informarlle da data
O portavoz de Sanidade do Grupo Socialista, Julio Torrado, acusou á Xunta de negarse a explicar o sistema “falaz” de cómputo das listas de espera sanitarias. Torrado reclamoulle ao xerente do Sergas no Parlamento que explique se unha espera real de 9 meses para Xinecoloxía só computa oficialmente o día de espera que transcorre dende a chamada á paciente para informarlle que a atenderían ao día seguinte.
Torrado presentou unha pregunta oral na Comisión de Sanidade de hoxe na que preguntou se nese caso concreto a espera computa “nove meses e un día ou só un día”, o que o xerente do Sergas non quixo aclarar.
Na súa iniciativa, acusaba ao goberno galego de empregar “sistemas de cómputo alterados das lisas de espera”, co que as cifras que ofrecen son “un autoengano permanente”, e criticaba que fagan públicas unicamente as listas que computan o tempo dende que é marcada unha data en axenda co obxectivo de adulterar as cifras públicas.
Advirte que os datos formais “non se corresponden coas experiencias propias”, e provocan unha “discrepancia profunda entre a versión oficial e a realidade existente e coñecida”, co que ademais de alterar as cifras reais, “os usuarios en espera non teñen cita concreta” durante meses, nos que permanecen “á espera da chamada do propio Sergas para marcala”.