
O deputado do PSdeG Luis Piña defendeu na Comisión de Política Territorial unha proposición non de lei para intensificar a colaboración entre as administracións, garantir o soporte das deputacións e impulsar ferramentas de planificación e coordinación
A Comisión de Política Territorial do Congreso dos Deputados aprobou hoxe unha proposición non de lei a través da que o Grupo Parlamentario Socialista reclamaba unha revisión da normativa que afecta aos municipios de menos de 20.000 habitantes. Tal como explicou durante o debate o deputado do PSdeG Luis Piña, a iniciativa artéllase arredor de tres eixos: reforzar a cooperación entre administracións “mediante programas que melloren a eficiencia”, garantir o apoio das deputacións ou entidades equivalentes “sen restar autonomía” aos municipios e impulsar ferramentas de planificación e coordinación “que permitan que o que funciona nun territorio poida aplicarse en outros”.
Piña destacou que os pequenos concellos “enfrontan dificultades para garantir cuestións tan elementais coma o abastecemento de auga, a limpeza ou o mantemento de rúas” con recursos moi limitados e que deben facer “verdadeiros encaixes” para que os seus veciños e veciñas dispoñan de servizos dignos. Por iso sinalou a necesidade de impulsar, dentro do marco normativo existente, a xestión colaborativa “para mellorar a prestación deses servizos”. Subliñou, ademais, que esa liña de actuación “xa a veñen desenvolvendo distintos departamentos do Goberno en materia de réxime local e reto demográfico”.
O parlamentario socialista insistiu en que se debe traballar en cumprir eses obxectivos baixo a premisa “clara e irrenunciable” do respecto á autonomía municipal, xa que son os concellos “quen deben decidir as súas prioridades”. “Cooperar non é tutelar. Axudar non é intervir”, salientou.
Tal como afirmou, o fortalecemento das administracións máis pequenas “é unha cuestión de cohesión territorial” e de garantir que vivir no rural “non sexa un acto de heroísmo, Senón unha opción de vida con plenos dereitos”.
“Debemos garantir que a xente poida seguir vivindo no seu territorio con servizos e oportunidades, con igualdade real respecto de calquera outro punto do país, e debemos pasar dos discursos sobre o reto demográfico aos feitos na xestión diaria e, en definitiva, facer país desde o local”, concluíu Luis Piña.