Categorías: Actualidade

O PSdeG elevará unha queixa á Valedora do Pobo pola elección dunha persoa condenada por abuso sexual como Rei Baltasar na cabalgata de Ourense

A secretaria de Igualdade do PSdeG, Silvia Fraga, reprobou un feito “gravísimo” dende unha dobre vertente “moral e legal” e condenou as actitudes “reiteradamente misóxinas e machistas” do alcalde Jácome

“A normativa de protección de menores neste país establece claramente que todas as actuacións das entidades públicas e privadas en materia de infancia deben protexer o interese superior do menor”

O PSdeG-PSOE vén de anunciar que elevará unha queixa á Valedora do Pobo, como “importante defensora dos dereitos da infancia e da adolescencia e encargada de velar polo cumprimento da lexislación que os protexe”, pola elección por parte de Gonzalo Pérez Jácome dunha persoa dobremente condenada por abuso sexual como Rei Baltasar na cabalgata de Ourense.

“Parécenos un feito gravísimo dende unha dobre vertente, a ética e a legal” sinalou a secretaria de Igualdade do PSdeG-PSOE, Silvia Fraga, quen salientou que a dimensión moral é “indiscutible” por canto se lle resta importancia ó feito de que “unha persoa que cometeu delitos tan graves contra varias mulleres estea ao fin e ao cabo representando ó Concello nun acto dirixido a nenas e nenos”.

De esquerda a dereita: Concha García (edil no Concello de Ourense), Natalia Benéitez (voceira municipal), Silvia Fraga (secretaria de Igualdade do PSdeG-PSOE), Marga Martín (responsable de Políticas Sociais do PSdeG-PSOE) e Borja Trigás (edil no Concello de Ourense).

Así e todo, a socialista admitiu que “non se trata dun feito sorprendente” xa que “vai en liña coas actitudes reiteradamente misóxinas e machistas da persoa que está á fronte do Concello de Ourense”, e tamén “en coherencia coa ausencia de políticas de igualdade nesta cidade”.

No tocante á legalidade, a secretaria de Igualdade lembrou que o artigo 57 da Lei Orgánica 8/2021, do 4 de xuño, de protección integral á infancia e a adolescencia fronte á violencia “establece a obrigatoriedade de pedir o certificado negativo de delitos sexuais para participar en actos nos que haxa nenas, nenos e adolescentes”.

“Non sabemos con total seguridade se o señor alcalde coñecía ou descoñecía a existencia dos antecedentes desta persoa, mais se en primeiro lugar tivera pedido este preceptivo documento, xa o sabería. E en segundo lugar, aínda que o descoñecera e non o pedira, parécenos un silencio intolerable e atronador dunha semana dende que a oposición o denunciou ata que non tivo máis remedio que responder en pleno por mor dunha moción. Sexa como for, non ten escusa”, condeou.

Por último, a socialista puxo en cuestión a “discutible” xustificación do alcalde Jácome, quen se amparou en que tal obriga legal “só é aplicable a actos continuados e habituais, e non ocasionais”. Neste sentido, Fraga matizou que a lei tamén menciona que o certificado é preceptivo para calquera evento que teña como destinatarios principais a persoas menores de idade.

Así as cousas, a socialista deu a coñecer aos medios que dende o PSdeG-PSOE elevarán unha queixa á Valedora “en vindeiras datas” e anunciou que, de ser necesario, “non descartan recorrer a outras instancias”.

Pola súa banda, a responsable de Políticas Sociais do PSdeG-PSOE, Marga Martín, subliñou que “a normativa de protección de menores establece claramente que todas as actuacións das entidades públicas e privadas en materia de infancia deben protexer o interese superior do menor por riba de calquera outro interese”. Ademais, a socialista salientou que a dita lexislación tamén establece que “todas as actividades que se realicen deben asegurar o coidado, a protección e a seguridade da infancia”.

O incumprimento desta normativa por parte do alcalde de Ourense, quen fixo que “centos de nenos e nenas desta cidade se achegaran a un delincuente sexual” é para as e os socialistas “un feito sen parangón” e denota “o desprezo do alcalde cara á infancia e a cidadanía en xeral”, ademais da falta de compromiso do primeiro edil coas políticas de Igualdade de Xénero.

Compartir
Publicado por
PSdeG-PSOE

Últimas novas

Besteiro reivindica no Primeiro de Maio logros socialistas como a suba do salario mínimo e das pensiones

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, reivindicou hoxe en Lugo “os logros que teñen conseguido os socialistas,…

01/05/2024 21:13

Besteiro impulsa unha liña de acción política do PSdeG dende o Parlamento para a rexeneración democrática en Galicia

O portavoz do Grupo Socialista empraza a Rueda a clarificar na próxima sesión de control “se segue a doutrina Ayuso…

30/04/2024 13:06

Besteiro esíxelle á dereita responsabilidade e compromiso coa rexeneración democrática

O secretario xeral dos socialistas de Galicia, José Ramón Gómez Besteiro, esixiulle hoxe á dereita “que se comprometa de xeito…

29/04/2024 10:48

Besteiro chama á “unidade de acción” para “reactivar” ao PSdeG en torno a un proxecto autónomo

O secretario xeral do PSdeG clausura o Congreso Extraordinario no que se aprobou unha nova Executiva paritaria con Luis Ángel…

28/04/2024 14:24

O PSdeG esíxelle a Feijoo que pare coa “deriva antidemocrática” e empraza a Rueda a apartarse do “vergoñento argumentario de Génova”

A presidenta do PSdeG, Carmela Silva, dirixiuse hoxe ao PP para esixirlles que “paren esta deriva antidemocrática” de “bulos, ameazas,…

26/04/2024 14:36

Lara Méndez aplaude a reforma da PAC, que cualifica de “oportunidade” para os agricultores galegos

Sinala que a redución da carga burocrática e as esixencias aos agricultores e gandeiros de explotacións de menos de 10…

25/04/2024 13:28