

Aitor Bouza critica que o Goberno galego alegue unha pretendida falta de neutralidade ideolóxica para non homologar unha actividade de Nova Escola Galega que se vén desenvolvendo desde hai catro décadas
“Os dereitos humanos non son ideoloxía, os dereitos humanos hai que defendelos”, advertiu o deputado socialista, que levará ao Parlamento o que considera unha actuación “propia da ultradereita”
O deputado socialista Aitor Bouza vén de anunciar que levará ao Parlamento a “censura ideolóxica” á que a Xunta someteu un encontro internacional de educadores organizado por Nova Escola Galega. O tamén secretario de Acción Territorial e Formación do PSdeG criticou hoxe que o Goberno de Rueda lle denegase a homologación á actividade “Palestina e máis alá, Educar na vida en tempos de xenocidio” refuxiándose nunha pretendida falta de neutralidade ideolóxica, “cando os dereitos humanos non son ideoloxía, os dereitos humanos hai que defendelos”.
Bouza criticou o que considera unha práctica “propia da ultradereita” por parte dun Partido Popular “que segue negando a evidencia do que acontece en Gaza”. “O PP non só nomea a franquistas como Santiago Freire para cargos na Consellería de Educación, senón que por enriba recorre á censura franquista para calar a profesionais da docencia”, denunciou.
O parlamentario do PSdeG cualificou de “lamentable” que, por enriba, a Xunta se valera dun “burdo intento de manipulación” para tratar de agochar “a verdadeira intención do veto á actividade”. Nese senso, recordou que, nun primeiro momento, a Xunta “non se escondeu e alegou que non cumpría o principio de neutralidade ideolóxica”, mais logo dunha queixa por parte da organización do evento, “optou por virar e sacar da manga un informe técnico que defendía que o encontro non cumpría a normativa”.
“O Goberno de Rueda deberá dar explicacións no Parlamento. É inadmisible que o PP decida de xeito discrecional retirarlle a acreditación a unha actividade educativa que se desenvolve desde hai catro décadas e que defende os valores democráticos e, ao mesmo tempo, premie cun posto na delegación territorial de Educación a quen defende a ditadura e gastou 30.000 euros das arcas municipais en ceas e copas”, concluíu Aitor Bouza.