

A deputada denuncia que as franxas secundarias comprometidas no convenio de 2025 quedaron sen limpar. A día de hoxe, os propietarios das parroquias priorizadas para este ano aínda non saben nin cando se vai actuar nos seus montes
Carmen Rodríguez Dacosta esixiu un servizo profesional único de brigadas e a rendición de contas da prevención executada, distrito a distrito e concello a concello
Carmen Dacosta levou hoxe ao pleno do Parlamento o que o PP leva anos negándose a responder: que pasa cos cartos da prevención de incendios e por que Galicia segue ardendo cada verán cun modelo que todo o mundo sabe que non funciona.
A deputada arrincou co caso do brigadista Yago Nogueira, o mozo de 18 anos que o 12 de agosto de 2025 solicitou reincorporarse á súa brigada en Oímbra aínda estando libre. Acabou con queimaduras no 60% do corpo. O seu testemuño, publicado esta semana en La Región, sobrecolleu a Galicia enteira. O Goberno de Rueda non o mencionou nin unha soa vez nesta Cámara.
Yago traballaba nunha brigada municipal con contrato de tres meses, formación de 16 horas e un salario de 1.200 euros coa extra incluída. Dacosta foi directa: “É este o modelo para afrontar lumes de quinta e sexta xeración?”. Cada ano hai máis concellos que non conseguen cubrir estes postos. O PP fala de 7.000 efectivos. A realidade sobre o terreo é outra.
Os números son demoledores. Entre 2009 e 2025, o Goberno galego deixou sen executar 2.278 millóns de euros en programas de medio rural, segundo datos oficiais facilitados polo propio Executivo. Case 200 millóns eran para prevención e infraestrutura forestal. As axudas a comunidades de montes veciñais convocadas en 2025 resolveron con máis dun ano de atraso.
As franxas secundarias comprometidas no convenio de 2025 quedaron sen limpar. A día de hoxe, os propietarios das parroquias priorizadas para este ano aínda non saben nin cando se vai actuar nos seus montes. É o patrón do PP: anunciar moito e executar pouco. A orde de reforestación de 2025, dotada con 15 millóns, apenas recibiu solicitudes por 2: o sector xa nin participa. Cansouse de anuncios sen execución.
Mentres, abril xa deixou 900 hectáreas queimadas entre Ponteareas, Carballo e Caión. O verán de 2025 arrasou 120.000 hectáreas, o 86% delas en Ourense. O incendio de Larouco foi o máis grande da historia de Galicia. Oito meses despois, o 80% das axudas por danos seguen sen pagar.
“A responsabilidade ten nome: Alfonso Rueda e o Partido Popular”, rematou Dacosta, que esixiu un servizo profesional único de brigadas e a rendición de contas da prevención executada, distrito a distrito e concello a concello.