
Lara Méndez denuncia que a Xunta utiliza aos Concellos como “cobradores do frac” para recadar o canon que despois o PP reparte “en función da afinidade política”
A portavoz de Administración Local do Grupo Socialista, Lara Méndez, denunciou o “uso discrecional e partidista” do canon da auga por parte do goberno galego. Méndez presentou unha proposición non de Lei no Pleno de hoxe e que será votada na sesión de mañá mércores para reclamarlle á Xunta que reverta como mínimo a metade da recadación en investimentos no concello de orixe.
A responsable socialista denunciou que a Xunta utiliza aos concellos “como cobradores do frac” para recadar o canon que despois o PP reparte dende o goberno en función de “criterios de afinidade política”. Criticou os “agravios comparativos” entre concellos que non reciben de volta nin un só euro dos cartos que pagan os seus veciños e outros afíns ao PP que “contan cunha presenza reiterada de convenios e actuacións financiadas pola Xunta”.
Puxo como exemplo o Concello de Lugo, onde o goberno galego recadou 16 millóns de euros polo canon da auga entre 2015 e 2026, pero reverteu “cero euros” en obras no concello. Esixiulle que respecten os criterios de xustiza territorial, para garantir que os concellos recuperen parte da súa aportación ao canon, e de solidariedade cos pequenos concellos que non dispoñen de recursos suficientes para afrontar estas actuacións.
Lembrou que o canon da auga e o canon de xestión das depuradoras son tributos propios da Xunta creados para financiar infraestruturas hidráulicas, mellorar a calidade das masas de auga e garantir unha xestión sostible do ciclo integral da auga. Sen embargo, unha vez son transferidos ao goberno galego, “non existe un mecanismo obxectivo, transparente e proporcional que garanta que os recursos retornan aos territorios nos que se xeran”.
Por iso reclama un acordo para fixar un sistema “público, regulado e transparente” para a distribución do canon da auga “baseado en criterios obxectivos e verificables”. Reclama que un mínimo do 50 por cento da recadación reverta en investimentos no propio concello no que se xera, outro 30 por cento estea destinado a un mecanismo de solidariedade territorial para concellos que máis o necesiten, e reservar o 20 por cento restante para custes de xestión do sistema autonómico.
En definitiva, a responsable socialista esixe garantías para que a asignación de recursos sexa guiada unicamente por parámetros técnicos, ambientais e de necesidade obxectiva, e non por criterios partidistas nin por afinidades políticas.