
Carlos López Font acusa ao goberno galego de “preparar un mapa de usos lucrativos” na costa reducindo a protección ambiental
Sinala que o caso do chalé ilegal da parella de Feijóo é a mostra do modelo de litoral do PP “permeable á presión privada, permisivo co abuso, e afastado dos estándares ambientais e legais
O portavoz de Infraestruturas do Grupo Socialista, Carlos López Font, alertou hoxe de que o PP está a utilizar a competencia da xestión do Litoral transferida a Galicia para “abrir a porta a usos impropios e intereses económicos e reducir os estándares ambientais”. Así o dixo na comparecencia da conselleira de Medio Ambiente no Pleno do Parlamento, á que acusou de empregar a nova Lei do Litoral para “preparar un mapa de usos lucrativos” na costa.
Explicou que o Catálogo de bens de valor cultural no litoral elaborado pola Xunta, no canto de protexer o patrimonio costeiro agocha un “catálogo” de 812 bens que poden ser reconvertidos para negocios, e por iso nun só mes concederon 127 títulos, moitos deles “para chiringuitos e eventos”. Criticou que en lugar de reforzar a conservación e apostar por un modelo sostible, a Xunta “optou por xerar incerteza normativa, debilitando o control e abrindo a porta a maior presión urbanística”.
López Font sinalou o caso do chalé da parella de Feijóo en Moaña, que conta cunha autorización que foi declarada ilegal polo TSXG, como mostra do modelo de litoral do PP, “permeable á presión privada, permisivo co abuso, e afastado dos estándares ambientais e legais” que deben protexer un espazo sensible.
Dixo que a conselleira ten “cero credibilidade ambiental” cando non acude aos cumios climáticos, defende os supostos “chiringuitos ecosostibles” e “pon en risco o equilibro ambiental” do litoral a través da Lei de Costas. Lembrou ademais os “malos precedentes” por parte dun PP que modificou a Lei de Ordenación Urbanística para “legalizar” construcións, ou modificou a Lei de Costas do Estado baixo o goberno de M.Rajoy para ampliar a prórroga a Ence ata o ano 2073.
O responsable socialista defendeu a transferencia da xestión do litoral pero para protexer os recursos ambientais de Galicia e non para abrir oportunidades á depredación da costa, porque “non se trata de ter máis competencias, senón de saber utilizalas ben”. Reclamou “máis autogoberno, pero ben exercido, dende o diálogo e non dende a unilateralidade e a confrontación partidista”.
Fronte á “opacidade, falta de planificación e ausencia de diálogo cos sectores implicados, reivindicou un modelo de litoral baseado na protección ambiental real, o desenvolvemento sostible e a gobernanza participativa. O parlamentario socialista rematou sinalando neste sentido que “as galegas e os galegos merecen un litoral protexido, unha economía sostible e unha política climática seria”.